Baltar recorta 25.000 euros para a gardería de Celanova e outros 25.000 para urbanismo
O BNG levará ao pleno da próxima semana unha moción para que o Concello inste á Deputación Provincial de Ourense a manter todos os compromisos adquiridos.
A Deputación de Ourense que preside Xosé Manuel Baltar, do Partido Popular, co apoio de Democracia Orensana, acordou onte uns orzamentos para o ano 2020 no que exclúe dúas partidas que en anteriores exercicios percibía o Concello de Celanova. Desta volta, por decisión de Baltar e unha vez que despois de décadas o PP perdeu a alcaldía de Celanova, o PP recorta 25.000 euros para o funcionamento da gardería e outros 25.000 euros para asesoramento urbanismo.
“Preguntámonos se este é o resultado do asesoramento do exalcalde Ferro, agora a soldo na Deputación de Baltar, ou é a vinganza de Baltar contra o pobo de Celanova por termos apartado ao PP da alcaldía”, manifestou este sábado Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG no Concello de Celanova.
O BNG levará ao próximo pleno unha moción na que se reclama ao Concello que inste á Deputación a manter os compromisos adquiridos en anos anteriores, dado o prexuízo que se lle causa a un servizo básico como é a gardería.