O 10-N EN TERRAS DE CELANOVA E NA BAIXA LIMIA

Recuperación lenta pero constante do voto ao BNG

Votacións o domingo 10 de novembro en mesas de Celanova
Votacións o domingo 10 de novembro en mesas de Celanova.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) sumou 634 votos (resultados provisionais que non inclúen o voto exterior) nas comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova nas votacións para as eleccións estatais do pasado domingo, 10 de novembro. O nacionalismo confirmou a súa recuperación de apoios electorais en eleccións a Cortes iniciada nos comicios do pasado mes de abril.
Recuperación lenta pero constante do voto ao BNG

Os apoios nacionalistas soben e a tendencia mantense desde as eleccións galegas de setembro de 2016. Naquela convocatoria, o BNG superou os 10.000 votos na circunscrición ourensá e mantivo a acta no Parlamento galego duplicando os apoios a respecto das xerais de xuño, apenas tres meses antes, cando rozou mínimos tanto en Ourense como en todo o país.

Tres anos despois, o BNG conseguiu mellorar resultados nas xerais de abril 2019 -duplicando nas comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova os resultados de 2016- e volveu mellorar na repetición electoral de novembro -incrementando nun 13,4% os votos de abril-. A mellora é lenta pero constante, como sucede con distintas intensidades en todas as comarcas do país.

Nos gráficos que mostramos a continuación reflíctense 1) a evolución do voto ao BNG nos quince concellos da Baixa Limia e Terra de Celanova en convocatorias electorais para o Congreso, 2) a evolución do voto total nestas comarcas, e 3) a evolución do 'peso' do voto nacionalista nestas comarcas a respecto do voto nacionalista en Ourense. 

Tómase como referencia o ano 2008. Foron os comicios da reelección de Zapatero ao fronte dun goberno socialista en Madrid, nun momento no que a nacionalismo galego participaba habitualmente en acordos no Estado e no que na Xunta gobernaba en coalición co PSdeG e Anxo Quintana era vicepresidente. 

Aquelas eleccións de marzo de 2008 marcaron o último resultado estatal do BNG por riba dos 200.000 votos no conxunto do país. Despois, golpeou a crise, as forzas do bipartito perderon as eleccións, xurdiu o 15-M... o BNG aínda mantivo dúas actas no Congreso nas eleccións de 2011. Deseguido o mapa político galego, primeiro, e o estatal, a continuación, sufriron profundas convulsións e nas convocatorias estatais o nacionalismo galego caeu até as cifras de apoio dos anos oitenta.

Nas dúas últimas convocatorias a Cortes, as dúas neste 2019, apréciase a recuperación dos apoios ao BNG. Aínda lenta, pero constante.

Gráfico 1

Evolución do voto ao BNG nos quince concellos da Baixa Limia e Terra de Celanova en convocatorias electorais para o Congreso. 10-N

Gráfico 2

Evolución do voto total ao BNG na Baixa Limia e en Terra de Celanova.

Gráfico 3

Evolución do 'peso' do voto nacionalista nestas comarcas a respecto do voto nacionalista en Ourense. 10-N

 

Recuperación lenta pero constante do voto ao BNG