O BNG exixe a restitución do servizo de radiodiagnóstico no centro de saúde de Celanova
O BNG rexistrou este luns unha moción para o debate no próximo pleno da corporación municipal na que exixe a restitución do servizo de radiodiagnóstico no centro de saúde de Celanova que leva tres meses sen funcionar e obriga aos doentes que precisan del a desprazarse a Ourense e demoran de maneira considerábel e inxustificada a atención, producindo ademais “un agravio comparativo” por non gozaren da carteira de servizos que ofrece o SERGAS.
O BNG alerta de que este tipo de situacións –a non reparación inmediata dunha máquina vital para prestar o servizo– adoitan a ser unha das estratexias polas que o SERGAS empeza a recortar prestacións en centros de atención primaria, e avisa de que nin veciñanza nin o Concello de Celanova na defensa dos dereitos das súas veciños e veciños poden consentir o desleixo da Xunta de Galiza e deben demandar unha solución inmediata.
Quince concellos afectados
Na proposta de acordo, o BNG propón que o pleno municipal demande da “Xerencia da EOXI de Ourense a restitución inmediata do servizo de radiodiagnóstico”. As nacionalistas sinalan ademais que a poboación afectada inclúe ás veciñas e veciños de quince concellos: Entrimo, Muíños, Lobeira, A Bola, Bande, Verea, Ramirás, Quintela de Leirado, Padrenda, A Merca, Gomesende, Pontedeva, Lobios, Cartelle e Celanova.