A alcaldesa da Bola leva 13 anos sen activar o saneamento de Cacabelos

Vanesa García. Portavoz do BNG na Bola, na aldea de Cacabelos o pasado venres
Vanesa García, portavoz do BNG na Bola, na aldea de Cacabelos o pasado venres
Diante das protestas do BNG polo malestar das veciñas e veciños, a Alcaldía responde cunha carta ameazando á poboación con sancións por vertidos “non autorizados”.
A alcaldesa da Bola leva 13 anos sen activar o saneamento de Cacabelos

O BNG denuncia que a alcaldesa da Bola, que leva 13 anos demorando a posta en funcionamento do saneamento e do abastecemento de auga no núcleo de Cacabelos, ameaza ás veciñas e veciños con abrir “expedientes sancionadores” acusándoos de “vertidos de augas residuais de forma non autorizada” para descargar sobre eles a súa responsabilidade como rexedora e ocultar a súa ineptitude como xestora.


A portavoz municipal do BNG, Vanesa García, alerta sobre “o abandono de Cacabelos por parte da alcaldesa, que trata ás veciñas deste núcleo como cidadás de segunda categoría”. García lembra que a poboación de Cacabelos, cada vez máis avellentada e cos conseguintes problemas de mobilidade, carece dun servizo de saneamento municipal malia que todas as familias pagaron xa pola acometida que se fixo no ano 2007, hai xa 13 anos.


A veciñanza quéixase de que a alcaldesa atrasa unha e outra vez a posta en funcionamento do servizo prometendo unha depuradora que nunca chega e evitando a solución que deu na maioría de aldeas da contorna a través de pozos comunitarios que recollen os residuos. “Mais a xestión dos residuos segue a ser aquí en Cacabelos, de xeito obrigado, asunto de cada casa, cando a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén advertindo sobre as fosas sépticas e mentres a alcaldesa cobrou pola instalación duns servizos, o saneamento, e tamén o de auga, que non activou”, sostén a portavoz do BNG.


Veciñas de Cacabelos mostraron á concelleira nacionalista recibos do ano 2007 emitidos por unha empresa construtora por un total de 230 euros: 150 euros correspondentes ao “enganche de desague” e 80 euros polo “enganche de agua”.


Carta da Alcaldesa da Bola aos veciños. 31 de xulloDespois de que unha veciña informou a Alcaldía de que precisaba activar o enganche do desaugue para atender a hixiene persoal dun familiar con cualificación de gran dependente, e que a concelleira do BNG insistiu na urxencia da posta en marcha do servizo, Teresa Barge, alcaldesa da Bola, enviou, con data do 31 de xullo, unha carta a todas as veciñas de Cacabelos.


Na carta asinada pola alcaldesa, despois de ameazar á veciñanza con sancións, volve prometer unha depuradora e insiste na utilización de fosas sépticas “ou similar” para as que se debe solicitar “a autorización do organismo de conca”.


O BNG da Bola considera intolerábel a forma e o ton con que a alcaldesa se dirixe á veciñanza de Cacabelos e esixe da Alcaldía unha rectificación e unha desculpa con estas familias.

O BNG volve insistir en que a posta en marcha do servizo non se pode demorar máis, e que xunto ao saneamento debe empezar a funcionar xa o servizo de auga.

A alcaldesa da Bola leva 13 anos sen activar o saneamento de Cacabelos