Iniciativa do BNG no Parlamento de Galiza ante a situación do encoro das Cunchas

Imagen de WhatsApp 2025-05-21 a las 19.22.52_0eff77df
encoro das Cunchas, Lobeira

 

Iniciativa do BNG no Parlamento de Galiza ante a situación do encoro das Cunchas

 


Sonia Vidal Lama, Montserrat Valcárcel Armesto e Iago Tabarés Pérez-Piñeiro, deputadas e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta para resposta oral na Comisión 7ª, sobre a situación do embalse das
Conchas.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


A situación ambiental que atravesa o encoro das Conchas, alimentado polo río Limia, é alarmante e non admite máis demoras. A acumulación de nutrientes nas súas augas –especialmente nitratos e fosfatos– está a provocar fenómenos de eutrofización recorrente, con proliferación de cianobacterias potencialmente tóxicas. Esta realidade, constatada por análises reiteradas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, supón unha ameaza directa para o equilibrio ecolóxico da zona, o acceso á auga en condicións de salubridade e a saúde pública.


A contaminación do encoro non é un fenómeno novo nin casual. Trátase dunha problemática estrutural que leva décadas agravándose ante a pasividade e a inacción da Xunta de Galiza. As políticas ambientais do actual goberno autonómico caracterízanse por unha falla de prevención, de control efectivo e dunha planificación rigorosa dos usos do solo e da actividade económica no territorio. A falta de investimentos en sistemas de control e depuración, está a contribuír de maneira directa á deterioración das augas do encoro das Conchas.


Tamén é de destacar a desidia dos concellos nos que está o encoro; xa levan inducindo ao engano á poboación negándoa evidencia e mesmo aconsellando o baño nunhas partes e prohibindo noutras.


Tampouco debemos esquecer ao outro grande actor: a empresa que explota a enerxía xerada no encoro (NATURGY), que desde a súa instalación nunca fixo nada polo acondicionamento e limpeza do encoro e das marxes, simplemente limitouse afacer negocio cos nosos recursos naturais.


Resulta especialmente preocupante que, malia os datos existentes e as advertencias técnicas, a Xunta non teña aplicado medidas integrais nin reforzado o control ambiental. Nin tomado medidas na mellora da recollida e depuración das augas residuais. Debido á presión ambiental e social acumulada, e á evidencia xa incuestionábel da deterioración da calidade das augas, a propia Consellaría comezou a anunciar nas últimas semanas, en encontros co sector, a inminente declaración da zona como vulnerable á contaminación por nitratos. Esta decisión, aínda sen materializarse formalmente, non responde a unha planificación responsable, senón á acumulación de anos de desleixo institucional e falta de actuacións decididas.


Este retraso e desinterese ten consecuencias ambientais, sociais e políticas. En lugar de asumir a súa responsabilidade na ordenación do territorio e na protección dos recursos naturais, o Goberno galego prefire desviar o foco e trasladar toda a carga do problema a un sector, o agrogandeiro, que xa opera baixo normativas de benestar animal, trazabilidade e xestión de residuos, sen dispoñer das ferramentas nin do apoio suficiente por parte da administración.


Por todo isto, é imprescindíbel abordar no Parlamento de Galiza esta problemática co rigor que merece, esixindo transparencia, responsabilidade e acción inmediata por parte da Xunta. A saúde dos ecosistemas, das persoas e do propio futuro da comarca non pode seguir condicionada por intereses a curto prazo nin pola inacción institucional.


Por todo o exposto anteriormente formúlanse as seguintes preguntas para resposta oral na Comisión 7ª:


• Por que motivo non se activaron antes protocolos de alerta e limpeza malia as reiteradas denuncias e análises que alertaban da contaminación do encoro?
• Ten realizado a Xunta de Galiza análises sobre a calidade do aire no encoro das Conchas e a súa contorna? No seu caso, en que datas e con que resultados?
• Realizáronse análises da calidade das augas para detectar a presenza de nitratos e doutras bacterias?
• Considera necesario a Xunta de Galiza a elaboración e posta en marcha dun Plan de Recuperación do río Limia? Que xestións fixo para que así for?
• Está previsto algún tipo de plan integral de rexeneración ecolóxica do encoro das Conchas por parte da Xunta?
• Vai asumir a Xunta a súa responsabilidade institucional na falla de vixilancia ambiental e adoptar medidas preventivas reais e efectivas?
• Cal é o investimento previsto pola Xunta para instalar sistemas de depuración de augas residuais nas zonas de maior risco da comarca da Limia?
• Considera a Xunta que se está a cumprir a normativa europea sobre protección das augas fronte á contaminación por nitratos e outras bacterias?

 

Iniciativa do BNG no Parlamento de Galiza ante a situación do encoro das Cunchas