PLENO XANEIRO CELANOVA (I)
Aprobadas as iniciativas do BNG para acondicionar a rúa do Cercado e crear unha comisión de comercio
A moción presentada en novembro polo BNG para dotar de beirarrúas a rúa do Cercado e realizar outras actuacións para a seguridade dos peóns e estudar modificacións na circulación de vehículos, mesmo abrindo a rúa até a estrada de Mourillós, saíu adiante malia a abstención do grupo do alcalde, Celanova Decide. O BNG e o PP comprometéronse no pleno a solicitar de maneira conxunta actuacións no Areal e nos accesos ao Grupo de Vivendas Virxe do Cristal.
Tamén saíu adiante a iniciativa nacionalista para crear unha comisión de traballo co resto dos grupos, as asociacións de comerciantes e representantes de produtores locais e feirantes co fin de impulsar as feiras libres e mercados locais, a través dunha coordinación dos eventos que se celebran en distintos concellos das comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova. O BNG pide unificar normativa, taxas e horarios para iniciar o camiño cara á creación dunha marca das feiras da nosa comarca, e, malia as dúbidas que mostrou o PP, as nacionalistas consideran que Celanova está en disposición de liderar esta iniciativa.
A moción nacionalista tamén posiciona á corporación municipal a favor dunha nova lei de comercio, pactada co sector, e lembra o alcalde o compromiso adquirido polo pleno para poñer en marchas medidas acordadas en anteriores sesións sobre as axudas ao comercio e autónomos en Celanova.
Protesta
Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG, pediu ao principio da sesión que conste en acta a protesta das nacionalistas pola negativa do goberno municipal a retransmitir este pleno, dispoñendo xa da tecnoloxía e persoal para facelo e sendo de uso común as canles dixitais para facelo sen custe adicional ningún e por respecto á veciñanza dada a transcendencia das cuestións que hoxe están sobre a mesa, nomeadamente os Orzamentos 2021.