O BNG de Celanova pedirá explicacións pola resposta displicente do Concello a cada queixa da veciñanza
O BNG mostra a súa preocupación polas respostas displicentes que se están a dar desde o goberno local de Celanova Decide+PSOE ás queixas da veciñanza polo estado de rúas e problemas ordinarios.
As nacionalistas levarán o próximo pleno os casos de veciñas e veciños que demandaron actuacións nas súas rúas e se toparon coa indolencia dos concelleiros, casos acontecidos nas últimas semanas na rúa Manuel Lezón por problemas ocasionados polo aumento da densidade de tráfico nesa rúa; no Areal ou na zona do Colexio Curros Enríquez polo estado de camiños e estradas; ou na Ermida, pola substitución de luminarias.
Este luns, 23 de agosto, a veciñanza da Ermida reuniuse en asemblea para acordar unha postura conxunta diante do cambio na iluminación.
Mais alá da reordenación do tráfico para dar entrada aos aparcadoiros situados nas traseiras da praza Maior e da rúa San Roque, o coidado e xestión do espazo urbano está xerando moita controversia por unha razón que desde o BNG levamos advertindo desde o comezo deste mandato: o goberno municipal (e máis un goberno en minioría como o que forman Celanova Decide+PSOE) debe informar, escoitar e conciliar as demandas da veciñanza en calquera actuación sobre o espazo urbano que afecte á vida cotiá. O alcalde e os seus socios socialistas non fixeron nada diso.