O BNG de Celanova pide paralizar o polígono eólico da Casa da Neve

eolicos marzo 2021. O Vieiro Cas da Neve (1)
Vista do Monte da Neve desde Amoroce.

As nacionalistas presentarán alegacións o documento inicial diante dos posíbeis impactos na paisaxe e no patrimonio.

Consideran que poden buscarse desenvolvementos alternativos que non supoñan unha hipoteca para a seguinte xeración e lembran que o BNG reclama en Europa unha moratoria para Galiza fronte a avalancha de proxectos.

O BNG de Celanova pide paralizar o polígono eólico da Casa da Neve

O BNG de Celanova pide que a Xunta de Galiza paralice o proxecto de polígono de aeroxeneradores na Casa da Neve no marco da moratoria eólica que o BNG está a reclamar para Galiza diante das institucións europeas fronte a avalancha de plans para novas instalacións e nun contexto no que o país, desde o ano 2000, exporta máis do 30% da electricidade que produce.

 

O BNG de Celanova advirte que a empresa alemá BayWa, con sede en Múnic, pretende instalar na área da Casa da Neve, nos lindes entre Celanova e Verea, sete aeroxeneradores de 102 metros de altura até o rotor con palas de 77 metros, ademais dunha subestación e liñas de alta tensión para extraer unha potencia total de 42 MW.

 

As nacionalistas, que xa presentaron unha moción para o próximo pleno municipal na que solicitan que o goberno local informe á veciñanza dos plans de BayWa, estudan alegacións ao documento inicial, que deberán presentar antes do próximo 5 de abril, e comprométense a traballar na procura de desenvolvementos socio-económicos alternativos para os montes e poboacións máis afectadas polo proxecto industrial e que non comprometan o futuro da seguinte xeración, xa que o polígono, de se instalar, gozaría dunha vixencia mínima de 25 anos nun contrato privado entre propietarios dos terreos e a empresa enerxética sen posibilidade de intervención de ningunha Administración pública. 

O plan sectorial galego contempla un polígono na área do Monte Grande, en Bande, o que na práctica, de concretarse estes proxectos, suporía un parque de 38 aeroxeneradores que frearía calquera futura ampliacións dos espazos protexidos da Baixa Limia.

O BNG de Celanova considera que unha paralización do proxecto na Casa da Neves permitirá avaliar calquera proxecto industrial de extracción enerxética en tres planos: (1) no de país, dado que tanto colectivos ecoloxistas como o propio Bloque Nacionalista Galego están pedindo a revisión do Plan Sectorial de Galiza, entre outras cousas, para que se faga un estudo ambiental estratéxico; (2) no comarcal, para que non se limiten as posibilidades de aumentar o territorio protexido pola Rede Natura, dado que o plan sectorial galego contempla un polígono na área do Monte Grande, en Bande, o que na práctica, de concretarse estes proxectos, suporía un parque de 38 aeroxeneradores nun radio de apenas sete quilómetros que afectaría a dúas vilas cabeceira de comarca (Bande e Celanova) que frearía calquera futura ampliacións dos espazos protexidos da Baixa Limia; e (3) no local, tendo en conta o impacto sobre a paisaxe e os efectos da instalación, a uns tres quilómetros do centro da vila e en cotas de 800 metros, de infraestruturas que alcanzan os 175 metros de altura sobre o patrimonio monumental da vila de Celanova e a contorna que inclúe varios BIC, entre eles, o Mosteiro de San Salvador, o castro celta de Castromao e o burgo medieval de Vilanova dos Infantes coa súa Torre.

 

DIRECTRICES DA PAISAXE DE GALIZA

As nacionalistas sinalan que as Directrices da Paisaxe de Galiza, aprobadas no Decreto 238/2020 de 29 de decembro, son posteriores á redacción do proxecto de BayWa e introducen recomendacións que aconsellan tamén a revisión de calquera plan de extracción enerxética nunha área como a Casa da Neve moi próxima a un núcleo urbano monumental como Celanova. 

eolicos marzo 2021. O Vieiro Cas da Neve (2)

No referido ás liñas eléctricas de alta tensión e os polígonos eólicos, as Directrices recomendan “propostas respectuosas coa paisaxe” e garantir “a inserción das infraestruturas no territorio”, condicións que non se cumpren no plan de BayWa segundo a información a disposición pública e a que foi recollendo o BNG Comarca Terra de Celanova e Baixa Limia.

O BNG de Celanova considera que, máis alá do impacto que os aeroxeneradores poidan ter sobre as vistas desde o centro da vila (ao parecer a única preocupación do alcalde segundo a resposta que deu á interpelación do concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez no pleno municipal do 27 de xaneiro), a paisaxe do conxunto monumental que conforma a contorna quedaría gravemente afectada por unha instalación industrial de dimensións como as xa descritas. 

Este impacto paisaxístico limitaría, de maneira considerable en opinión das nacionalistas, as posibilidades dun desenvolvemento turístico a partir do rico patrimonio material e inmaterial de Celanova e a ameaza constitúe, en si mesma, unha oportunidade para poñérmonos a traballar en serio e de vez nesta posibilidade de desenvolvemento socio-económico. O turismo sostíbel, respectuoso co medio, a paisaxe e o patrimonio, como un vector de desenrolo e un legado solidario coas vindeiras xeracións. 

 

OUTROS IMPACTOS POR AVALIAR

“Toda Galiza está en perigo, xa que a afectación do territorio que poden ter estes proxectos, tanto desde o punto de vista ambiental, como patrimonial, hídrico de recursos agropecuarios é moi preocupante”, manifestou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, hai apenas dez días cando presentou a demanda nacionalista dunha moratoria. 
Nese mesmo sentido, o BNG de Celanova estudará alegacións en función dos posíbeis efectos que o proxecto industrial poida ter sobre a fauna e a flora, os recursos hídricos, o medio natural e a saúde das persoas, tendo en conta que na infraestrutura prevista os aeroxeneradores estarán situados entre 700 metros e quilómetro e medio das vivendas das aldeas máis próximas. No arco oriental que afecta o termo municipal de Celanova, as poboacións directamente afectadas son Amoroce, Sampil, Casasoá e Cañón.

 

O BNG de Celanova recolle ademais a preocupación que xa veñen expresando veciñas e veciños do municipio polo impacto sobre o patrimonio arqueolóxico nunha área como a da Casa da Neve onde non só están catalogados conxuntos de mámoas, senón que hai indicios doutros restos arqueolóxicos sen catalogar.

O BNG de Celanova avoga pola participación pública nos desenvolvementos enerxéticos cando sexan precisos.

OS BENS COMÚNS

Como postula o BNG a nivel de país, a enerxía eólica é necesaria, mais non a calquera prezo nin en calquera circunstancia. Por iso, o BNG de Celanova tamén chama a atención sobre un sistema de usurpación de recursos naturais e subordinación da natureza á produción mercantil, que permite a empresas como BayWa, aproveitando a debilidade institucional do país, negociar sen intervención pública ningunha cos comuneiros e impoñer un modelo de apropiación privada dos recursos sen atender os intereses comúns da veciñanza e destruíndo, de paso, a convivencia social e deturpando o sentido de institucións como a propiedade de man común.

 

O BNG de Celanova avoga pola participación pública nos desenvolvementos enerxéticos cando sexan precisos e pide que o proxecto para a Casa da Neve se avalíe á luz destas consideracións, tendo en conta as potencialidades do territorio para obtermos unha enerxía limpa, máis barata e pública no camiño da soberanía enerxética.

 

PRUDENCIA E EQUIDADE

Segundo o principio de prudencia, que aconsella non iniciar nada que non se poida parar, o BNG de Celanova advirte contra a hipoteca que suporía para as xeracións vindeiras un polígono eólico con 25 anos de vixencia e que se prorrogaría no futuro sen intervención de institución pública ningunha nun negocio privado entre actores privados que non están obrigados a atender o ben común. 

 

eolicos marzo 2021. O Vieiro Cas da Neve (5)O BNG de Celanova advirte finalmente contra a inequidade de consentir a instalación dun polígono eólico no territorio nunhas condicións nas que non podería instalarse na rexión de Baviera, onde ten a súa sede a empresa promotora. Mentres aquí a lei limita a 500 metros a distancia dos aeroxeneradores ás vivendas, en Baviera a lei multiplica por dez a altura dos aeroxeneradores para establecer a distancia límite. Estas diferencias entre as condicións legais subliñan o carácter neocolonialista da instalación de polígonos eólicos na Galiza por parte de empresas foráneas, tal e como vén denunciando do Bloque Nacionalista Galego.

 

Por todas estas cuestións, o BNG de Celanova solicita a paralización do polígono eólico en tramitación na Casa da Neve e pedirá a implicación da veciñanza de Celanova nesta demanda por responsabilidade coa seguinte xeración e coa vontade de traballar en calquera plan respectuoso co medio físico e social que non condicione outros futuros posíbeis da área máis afectada.

O BNG de Celanova pide paralizar o polígono eólico da Casa da Neve