O BNG da Bola pide explicacións e documentación á alcaldesa polo caso do falso policía local
O BNG da Bola solicitará información ao Concello da Bola a respecto dos rexistros documentais sobre a presunta contratación dunha persoa que durante horas se fixo pasar por axente municipal de policía e, segundo testemuñas, utilizou un vehículo de Protección Civil propiedade do Concello da Bola.
A persoa que se fixo pasar por axente e presentouse como tal a varios veciños está sendo investigada pola Garda Civil.
O BNG reclama ademais explicacións da Alcaldesa, Teresa Barge (PP), sobre a relación que puido manter a persoa investigada co Concello. "Queremos saber se nalgún momento existiu unha relación contractual entre a persoa investigada e o Concello da Bola, se se levou a cabo algún proceso de selección para persoal de Protección Civil ou outras tarefas de seguridade no que participou esta persoa", di a portavoz nacionalista na Bola, Vanesa García.
García pide que a alcaldesa aclare se "ten constancia de que a persoa investigada utilizou un vehículo do Concello
da Bola?, quen foi a persoa do Concello que lle entregou as chaves do vehículo e con que fin?, e durante canto tempo utilizou o vehículo e que gasto supón este uso para o Concello?".
A respecto do traxe que ao parecer o investigado usou para o engano, o BNG considera que a alcaldesa debe despexar as dúbidas sobre se esa prenda foi adquirida e entregada polo Concello.