O BNG exixe coñecer os prazos para a reposición do servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova

Centro de Saúde de Celanova. Sanidade
Centro de Saúde de Celanova. Foto: Google Street View
O BNG quere que o SERGAS informe das viaxes que usuarias e usuarios que non puideron ser atendidas en Celanova tiveron que realizar a Ourense e pagalas elas mesmas nestes 7 meses sen servizo.
O BNG exixe coñecer os prazos para a reposición do servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova

Sete meses sen servizo, centos de viaxes a Ourense a conta do peto das veciñas e veciños que precisan atención, unha ameaza de peche do servizo por retallos no persoal e un atraso inxustificado e escandaloso na reposición do material sanitario no Centro de Saúde de Celanova teñen indignada a poboación de Celanova e dos concellos de Entrimo, Muíños, Lobeira, A Bola, Bande, Verea, Ramirás, Quintela de Leirado, Padrenda, A Merca, Gomesende, Pontedeva, Lobios e Cartelle.

 

O BNG pregunta que máis teñen que facer as veciñas e veciños, 2.500 asinantes dunha carta ao SERGAS a finais de ano, para que os responsábeis sanitarios da Xunta de Galiza atendan a súa demanda: a reposición do servizo de radiodiagnóstico en Celanova

 

As nacionalistas volverán preguntalo mañá no pleno da Mancomunidade –se finalmente o PP non o elude, como o mes anterior, para tratar asuntos que poñen en evidencia a súa nefasta xestión do público–, mais tamén interpelan publicamente o SERGAS.

 

O BNG quere saber:

1) Por que o SERGAS permite que o Centro de Saúde de Celanova, que atende a dúas comarcas enteiras, leve máis de sete meses sen servizo de radiodiagnóstico, obrigando ás usuarias e usuarios que precisan del a desprazarse a Ourense, asumindo por riba os gastos da viaxe?

2) Cal é o número de persoas que o SERGAS derivou de Celanova a Ourense nestes sete meses pola ausencia do servizo de radiodiagnóstico en Celanova? E se o SERGAS ten feito o cálculo do custe que tiveron que asumir as e os pacientes derivados?

3) Ten analizado o SERGAS cales son as consecuencias para a saúde das e dos pacientes producidas polo atraso en recibiren a atención precisa?

 

As nacionalistas lembran que desde que o pasado outubro o BNG fixo a denuncia da situación do servizo, producíronse dous feitos relevantes: unha campaña de sinaturas en protesta por esta situación que recolleu 2.500 adhesións, e o anuncio do SERGAS de que ía licitar a adquisición dunha nova máquina de radiodiagnóstico.

 

O BNG Terra de Celanova-Baixa Limia reclama ademais do SERGAS información precisa sobre o proceso de adquisición do aparato de radiodiagnóstico e os prazos tanto das obras de retirada do vello aparato como do acondicionamento do espazo e instalación do novo no Centro de Saúde de Celanova.

 

Finalmente, as nacionalistas advirten que existe inquedanza a respecto da posibilidade de que a estratexia do SERGAS de adiar a reposición do servizo estea encamiñada a suprimir a praza do traballador que atende este servizo, o que suporía un novo retallo no persoal.

 

O BNG xa presentou mocións en diferentes plenos municipais durante o pasado mes de novembro reclamando o apoio das corporacións á demanda de reposición inmediata do servizo, saúda que o PSOE se teña incorporado agora a esta reclamación, anuncia o seu apoio á iniciativa que presentan os socialistas na Mancomunidade e esperan que non precisen de tanto tempo para sumarse ás novas reclamacións do BNG.

O BNG exixe coñecer os prazos para a reposición do servizo de radiodiagnóstico no Centro de Saúde de Celanova