O BNG protestará no pleno de Ramirás pola reiterada obstrución da alcaldesa ao labor da oposición

Casa do Concello de Ramirás. No Picouto (2)
Casa do Concello de Ramirás.

Os nacionalistas denuncian as manobras de Isabel Gil (PSOE) para adiar a consulta dos expedientes da auga e da concesión dunha obra co fin de evitar que eses asuntos se debatan no pleno de mañá.

O BNG pediu nun escrito rexistrado esta semana que se garanta o dereito de acceso á documentación aos concelleiros no prazo establecido legalmente.

O BNG protestará no pleno de Ramirás pola reiterada obstrución da alcaldesa ao labor da oposición

Marcos Meléndez, o portavoz do BNG de Ramirás, exixirá no pleno de mañá xoves (19.00 horas) á alcaldesa Isabel Gil (PSOE) que cese nas súas manobras para obstaculizar o labor de fiscalización da oposición adiando ou mesmo impedindo o acceso do representante do BNG á documentación referida a todo o que ten que ver coa xestión do servizo de auga, aos expedientes de adxudicación de obra pública e mesmo as facturas do gasto telefónico que asume o Concello.


Esta mesma semana, o BNG rexistrou un escrito de resposta a un decreto da Alcaldía de Ramirás a principios de mes no que trataba de limitar o acceso do concelleiro nacionalista a determinada documentación ao tempo que ameazaba con restrinxir ese acceso no futuro. Na resposta, o BNG lémbralle á alcaldesa que, segundo a lei, tendo solicitado o acceso á documentación, en caso de que no prazo de 5 días non se dite resolución denegatoria debidamente xustificada, a petición de acceso informativo entenderase concedida por silencio administrativo.


“A alcaldesa ten que deixar de utilizar o aparato administrativo do Concello de Ramirás para agochar información a que temos que ter acceso Non valen decretos nin manobras para gañar tempo. Ten que cumprir a lei e punto”, advirte Marcos Meléndez, que protestará porque o labor de fiscalización da xestión de Isabel Gil en asuntos tan controvertidos como o servizo de augas ou a concesión de obra pública foi obstaculizada desde a propia alcaldía.


Atrasos para impedir que os asuntos quentes se debatan no pleno


O BNG solicitou o 4 de setembro o acceso ao expediente da obra que a empresa construtora Cruzval comezou días antes de ter rematado o concurso público de adxudicación. Un asunto que os nacionalistas seguen a estudar polas posíbeis responsabilidades legais que se poidan derivar das irregularidades constatadas. As manobras da alcaldesa adiaron a consulta do expediente até onte, día 22, é dicir, dezaoito días despois de terse solicitado e só 48 horas antes do pleno. “Tiña a clara intención de que non se tratase no pleno, mais denunciamos as irregularidades e chegaremos até o final”, sinala Marcos Meléndez.


O mesmo día, o 4 de setembro, o BNG solicitou unha nova revisión do expediente de auga dado que as analíticas rexistradas na auga para consumo humano seguían mostrando niveis de arsénico por riba dos permitidos e que a alcaldesa seguía sen dar explicacións sobre os cambios de persoal no servizo, os controis da potabilidade da auga que se trae en camións cisternas e o incremento do gasto neste transporte, que se tería incrementado en máis dun 60% este mes de setembro a respecto da media de gasto diario de 1.200 euros que recoñeceu Isabel Gil o mes anterior. Desde a Alcaldía, Isabel Gil adiou a consulta desa documentación por parte do concelleiro nacionalista tamén até onte, día 22. “Estamos peor en canto a transparencia, sufrimos máis ocultación, que na época da anterior alcaldesa, que viña directamente do franquismo. En Ramirás non só estamos preocupados pola calidade das augas ou a limpeza nas concesións, tamén empezamos a preocuparnos seriamente pola calidade da democracia”, conclúe Marcos Meléndez.
 

O BNG protestará no pleno de Ramirás pola reiterada obstrución da alcaldesa ao labor da oposición