O BNG reclama un gran equipamento cultural na segunda planta do Mosteiro

O BNG levará este mércores a pleno a proposta máis ambiciosa dos últimos anos para revitalizar a oferta cultural de Celanova.
O BNG pide que se recupere a planta superior da fachada do mosteiro como equipamento cultural e que se estuden os usos museísticos, sociais, educativos e científicos que se lle poidan dar no contexto patrimonial e histórico da vila.
As nacionalistas indican que o corpo de mosteiro que compón a fachada oeste, a que dá a praza Maior, constitúe unha infraestrutura de primeira orde que debe ser prioritaria para o futuro desenvolvemento de servizos culturais en Celanova. E chaman ademais a atención a respecto da oportunidade que se abre coa dispoñibilidade do remanente de tesourería -unha bolsa de tres millóns de euros segundo a última información publicada polo Concello-, que se poderá investir até final de ano (mais nada garante que se poida seguir facendo o ano que vén) para negociar os dereitos de uso da propiedade e empezar a acondicionar o espazo.
O BNG pide que a corporación municipal atenda e se tome en serio o legado histórico e cultural de Celanova, que non debe conformarse con promocionarse como plató de series de televisión ou na decoración de rotondas.
Na moción [ver o PDF anexo], rexistrada hai dúas semanas, as nacionalistas reclaman da corporación que inste ao goberno municipal “a destinar a parte necesaria do remanente de tesourería á incorporación da propiedade completa e o uso público do segundo andar da fachada occidental do mosteiro de Celanova, no nº 1 da praza Maior”.
As nacionalistas consideran que esta oportunidade é unha decisión estratéxica que pode abrir Celanova cara un outro modelo de desenvolvemento económico e, polo tanto, social.