COMUNICADO

Celanova ten que botar man da Residencia

Leopoldo R
Leopoldo Rodríguez, portavoz municipal do BNG en Celanova.
Celanova ten que botar man da Residencia

A doazón que deu orixe á Residencia San Carlos de Celanova outorga a responsabilidade do legado a tres institucións, personalizadas nos seus titulares, que teñen a categoría de membros natos do padroado: os párrocos de Celanova e Mourillós e o alcalde de Celanova. 

 

A parte pública non só está na orixe do legado, os terreos sobre os que se levanta a Residencia; tamén está no financiamento da construción do actual edificio, que se levou a cabo nos anos oitenta cun investimento que saíu das caixas (polo tanto, dos impostos de todas e todos) do Goberno do Estado e dos concellos da comarca de Celanova, principalmente, do Concello de Celanova.

 

O público está pois na base da estrutura da Residencia. É unha responsabilidade irrenunciábel desde o público participar da co-xestión e asumir as súas obrigas malia que os sucesivos alcaldes da vila veñan evitando até hoxe o seu deber para co legado. É momento de mudar iso.

 

O BNG considera que o Concello de Celanova debe recoñecer e comprometerse de vez coa súa responsabilidade no centro social máis importante da comarca. É unha oportunidade para enfrontar a crise da covid-19 e as súas consecuencias no plano asistencial que esixirán de todas as residencias un esforzo de adaptación aos novos tempos. É o momento de botar unha man decididamente desde o público ás usuarias e ás traballadoras e no BNG de Celanova estamos a traballar niso desde hai meses. 

 

O BNG considera que o Concello de Celanova debe asumir a parte que lle corresponde na co-xestión participando no padroado e colaborando no financiamento para garantir que sexa viábel nos novos tempos; e ve útil, á luz doutras experiencias, que as usuarias (a través das familias) e as traballadoras teñan un papel nesa co-xestión sen ter que mudar o modelo da fundación sen ánimo de lucro coa que se vén organizando o centro. 

 

Celanova ten que botar man da Residencia. É unha obriga inescusábel. Nin debe nin pode abandonar aos maiores e ás familias nin ás traballadoras. Desde o BNG seguiremos procurando a unidade política e social para responder a este reto, e informando á veciñanza para que coñeza a situación en todas as súas dimensións e entre todas cumpramos cun legado que apela á comunidade.

 

BNG Celanova. Celanova, 24 de agosto de 2020.

Celanova ten que botar man da Residencia