Grave neglixencia da Xunta e dos concellos de Bande e Muíños pon en risco a saúde dos bañistas nas Conchas
• A Consellaría de Sanidade decretou hai tres semanas o nivel de alerta 3 nas augas do encoro, e aconsella prohibir o baño e actividades de contacto coas augas; mais non fai nada por comprobar se esas recomendacións se cumpren.
• O Concello de Bande puxo o cartel de aviso de nivel 3 nun lugar pouco visíbel, a escasos metros onde mantén outro que cualifica a calidade das augas de “excelente”.
• O Concello de Muíños nin sequera colocou o cartel, e no punto de información municipal recoñecen que hai unha alerta pero que ninguén fai nada por impedir o baño ou a navegación.
O BNG Celanova-Baixa Limia denuncia que os Concellos de Bande e de Muíños están a incumprir coa súa obriga de informar suficientemente aos bañistas sobre o risco de utilizar as augas do encoro das Conchas, especialmente nas praias de Porto Quintela e Mugueimes, onde a afluencia de turistas é notábel este mes, cando hai unha alerta sanitaria pola detección de espumas e natas de cianobacterias cunha “alta probabilidade de efectos adversos para a saúde”, segundo os comunicados da Consellería de Sanidade publicados os días 6, 13 e 20 de agosto.
O BNG Celanova-Baixa Limia denuncia que a Consellería de Sanidade nada fixo por comprobar que se cumpren as súas recomendacións, nin sequera asegurarse de que se coloca o cartel de advertencia preceptivo -cartel que, por outra banda, vai sen logo que identifique o organismo público que emite esa alerta-, e que tanto nas áreas recreativas de Porto Quintela (Bande) e Mugueimes (Muíños) os bañistas están a facer un uso normal das augas sen que ningunha autoridade, nin Xunta nin Concello, o impida como é a súa obriga para garantir a saúde da poboación.
O BNG Celanova-Baixa Limia considera unha neglixencia grave por parte das Administración (Goberno galego e gobernos municipais) incumprindo ademais a normativa galega, que indica que cando se detecta o nivel 3 de cianobacterias en augas de baño deben “levarse a cabo accións inmediatas para evitar o contacto coas espumas e natas de cianobacterias e/ou coas súas toxinas, polo que as indicacións serán absterse do baño e realizar outras actividades que impliquen contacto coa auga do encoro”.
Malia isto, o Concello de Bande apenas colocou en Porto Quintela o cartel que recomenda Sanidade nun espazo de información, mais nun lugar pouco visíbel (sobre un cartel de ‘Prohibido fumar’ de dimensións moito maiores que o cartel de alerta sobre as augas. Por riba, moi preto dese punto, nun lugar moito máis visíbel: a entrada aos aseos, mantense un cartel que indica que a calidade das augas de baño é “excelente”.
No caso do Concello de Muíños, o desleixo e aínda maior. Non ningún hai cartel de alerta en Mugueimes. E no punto de información habilitado xunto a zona de acampada e praias, os empregados municipais responden á pregunta sobre a prohibición sanitaria do baño cunha perífrase: “din que si...”. Os propios empregados recoñecen que non hai aviso público ningún á vista dos bañistas, mentres diante deles a xente, familias enteiras, se bañan tranquilamente nas Conchas.
E todo isto está a acontecer nun encoro afectado desde hai máis dunha década pola contaminación provocada pola presión gandeira sobre as augas do Val do Limia, un efecto que a Xunta tardou case unha década en recoñecer e para o que aínda non arbitrou solución ningunha. Cada verán, a saúde das usuarias e o usuarios das Conchas, moitos deles turistas que descoñecen o problema endémico do encoro, é posta en perigo, e invariabelmente a resposta das autoridades é a mesma: facer como se non pasase nada (como se non existisen as cianobacterias) e mirar para outro lado mentres nenas e nenos, familias enteiras, se bañan nesas augas inconscientes do risco.
O BNG Celanova-Baixa Limia exixe que tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública, responsábel de emitir as alertas, como a Consellería de Sanidade, e os gobernos locais de Bande e Muíños, poñan todos os medios necesarios para informar continuadamente e suficientemente a todas as usuarias e usuarios do encoro e vixíen as zonas habituais de baño para que os bañistas non fagan uso das augas poñendo en risco a súa saúde.
[Bañistas en Mugueimes, o sábado 21 pola mañá. Abaixo, bañistas en Porto Quintela, o luns 16 pola mañá].