Inician en Ramirás unha obra sen adxudicar; o BNG revisará o expediente e consegue que o Secretario levante acta

inspección secretario coa alcaldesa e portavoz BNG obras na parroquia Vilameá (1)
O Secretario, coa alcaldesa e portavoz do BNG, este venres nas obras na parroquia Vilameá.
O xoves abrían as plicas para coñecer a empresa gañadora das obras nunha estrada da parroquia de Vilameá. Antes da apertura, o BNG avanzou o nome da empresa porque tivera aviso de que os traballos comezaran a semana anterior. O venres, o Secretario municipal acudíu inspeccionar o tramo acompañado da alcaldesa e o do portavoz nacionalista. Tamén estivo un responsábel da adxudicataria.
 
Inician en Ramirás unha obra sen adxudicar; o BNG revisará o expediente e consegue que o Secretario levante acta

As obras previstas na estrada que conecta os núcleos de Coveliña e Formigos, na parroquia de Vilameá, coa vía OU-531, e que están financiadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, comezaron a semana pasada, cando o concurso aínda estaba aberto e nin sequera se abriran as plicas para coñecer a empresa adxudicataria. 

 

XOVES, 27
A alerta lanzouna esta xoves o concelleiro do BNG en Ramirás, Marcos Meléndez, que acudiu á apertura das plicas. Acto no que estivo presente a alcaldesa, Isabel Gil (PSOE). O concelleiro nacionalista solicitou ver o expediente da licitación da actuación que se ía adxudicar para comprobar as condicións da licitación e os posíbeis vínculos coas obras acometidas dunha empresa que a semana pasada estivo realizando traballos no mesmo tramo da estrada. Os trámites administrativos adiarán o acceso ao expediente até o luns. 

Despois de abrir as plicas resultou gañadora a oferta da empresa Cruzval Obras y Servicios, con sede en Gomesende. 

Marcos Meléndez esta mañá no Concello (1)Marcos Meléndez rexistrou a continuación un escrito pedindo que o Secretario municipal se desprazase de inmediato até o lugar das obras para verificar que os traballados xa estaban iniciados, en concreto, o acondicionamento das beiravías nun tramo duns 400 metros entre Formigos e Coveliña, tal como advertiu o concelleiro nacionalista. A alcaldesa rexeitou conceder a autorización ao funcionario e dixo que a visita se realizará mañá, venres, e ela mesma acompañará ao Secretario.

“Queremos unha explicación urxente e pública de quen fixo eses traballos, quen os autorizou, se é que se autorizaron, e tamén de por que a empresa gañadora hoxe [xoves, 27] ten que ver coa que varias testemuñas afirman ter visto realizando os traballos nesa obra, aínda sen adxudicar, a semana pasada”, explicou Marcos Meléndez esta mañá na Casa do Concello. “E mañá [por este venres] pediremos tamén a alcaldesa unha explicación de como é posíbel que parte da obra estea feita, tal e como comprobamos de novo este xoves, sen que nin sequera se asinase o contrato coa empresa gañadora”, engadiu.

A visita á zona das obras está prevista para mañá, venres 28 de agosto, ás 14.00 horas, segundo comunicou a alcaldesa. 

 

VENRES, 28
Os traballos realizados a semana pasada na estrada dos núcleos de Coveliña e Formigos, na parroquia de Vilameá, fan parte do proxecto financiado pola AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento) segundo puido constatar hoxe o portavoz nacionalista en Ramirás, Marcos Meléndez. Estes traballos -de acondicionamento de beiravías nun tramo duns 400 metros- iniciáronse na terceira semana deste mes, unha semana antes de que onte, 27 de agosto, se abrisen as plicas para a adxudicación da obra.

Despois de que o BNG reclamase este xoves -nun escrito rexistrado xusto despois da apertura das plicas- a presencia do Secretario municipal no lugar das obras, solicitude á que se negou a alcaldesa, Isabel Gil (PSOE), a visita realizouse finalmente hoxe venres pouco despois das dúas da tarde. Acompañaron o Secretario, a propia alcaldesa, o portavoz do BNG e un responsábel da empresa  que onte resultou gañadora do concurso.

inspección secretario coa alcaldesa e portavoz BNG obras na parroquia Vilameá (2)Durante a visita, o Secretario municipal rexistrou imaxes no seu teléfono móbil e solicitou da alcaldesa a confirmación de que as obras feitas estaban previstas no proxecto. O funcionario informou de que reclamará a presenza do director de obra a próxima semana e que este próximo luns fará pública a acta da inspección realizada hoxe. 

O BNG continúa exixindo unha explicación “urxente e pública”, por parte da alcaldesa. O portavoz nacionalista, Marcos Meléndez, mostrou a súa sorpresa polas declaracións aparecidas este venres da alcaldesa nas que aseguraba que o problema era da empresa que executou os traballos antes de coñecer o resultado do concurso.

“Estamos diante dun asunto serio. Chegaremos até onde sexa preciso para coñecer a verdade, porque hai evidencias que dan lugar a sospeitas moi graves. Toda a xestión de Isabel Gil e do PSOE en Ramirás está en dúbida desde hoxe, e mentres non se aclare este caso”, concluíu Meléndez, que este luns, despois de cumprir os trámites administrativos, poderá consultar o expediente da obra e coñecer máis detalles sobe a actuación municipal. 

 

Informacións sobre o caso en Ourense dixital:

Venres: https://www.ourensedixital.com/_novas/20/08/27_03.htm

Sábado: https://www.ourensedixital.com/_novas/20/08/28_04.htm

 

 

 

Inician en Ramirás unha obra sen adxudicar; o BNG revisará o expediente e consegue que o Secretario levante acta