PLENO XANEIRO CELANOVA (III)
“Son vostedes un goberno á fuga"
“A relación entre o gasto en persoal e o gasto previsto en investimentos é de 8 a 1. É dicir, por cada euro en investimento, 8 en salarios. Isto resume a súa acción á fronte das arcas públicas: pagar salarios e subvencións. Investimento mínimo e desequilibrio no gasto, evidencian que o seu goberno non é ten xestión ningunha. Limítase a pagar salarios, mais non son quen de xestionar nada que afecte a vida do resto de veciñas e veciños”, dixo o concelleiro nacionalista Leopoldo Rodríguez, onte durante o debate dos Orzamentos que se celebrou de maneira telemática e sen acceso da veciñanza malia as reiteradas demandas das nacionalistas.
Rodríguez explicou que o goberno local foxe da realidade cando non destina nin unha soa partida a paliar impactos actuais e futuros efectos da covid, “como se a covid fose desaparecer de hoxe para mañá”, e criticou que o goberno local se xustifique dicindo que a reactivación do comercio e da actividade económica da vila se atende “dando subvencións a entidades culturais ou deportivas para que realicen actividades que non poden organizar porque a covid non desapareceu nin vai desaparecer a curto prazo”. “Parece unha burla, unha falta de respecto á xente”, díxolle Rodríguez á concelleira Sandra Feijóo.
O portavoz nacionalista lamentou que nos Orzamentos non haxa “nada” dos acordos de investidura polos que o BNG se comprometeu a apoiar a Antonio Puga, sendo decisivo na súa designación como alcalde, “como tampouco hai nada dos acordos impulsados polo BNG nos anos 2019 e 2020, aprobados en pleno, e que o alcalde se nega a levar adiante”, incidiu Rodríguez, noutro exemplo de fuga da realidade xa que, como lle recordou, “este goberno é un goberno en minoría”.
“CORTA E PEGA”, E O REMANENTE
Leopoldo Rodríguez explicou que o goberno local leva 18 meses “buscando onde agochar a cabeza para non ver”, mais as nacionalistas deciden non obstaculizar as contas, “que son unha oportunidade perdida de termos un punto de partida máis sólido”.
“Levan 18 meses no goberno, a situación é crítica, e non falo só de saúde, senón de economía, e o único que fan é andar buscando buratos onde agochar a cabeza para non ver. Son vostedes un goberno á fuga que presenta uns orzamentos decepcionantes e escapistas”, dixo o portavoz nacionalista antes de concluír a súa primeira quenda avanzando que o BNG non ía obstaculizar as contas e que continuará traballando para melloralas.
O BNG entrou no detalle dos Orzamentos preguntando por outra cuestión esquecida polo goberno municipal até onte, cando pola mañá, antes do pleno, apareceron as declaracións en prensa dunha concelleira dicindo que até marzo, nada.
O BNG preguntouse por que Celanova non empezou a utilizar eses cartos en outubro pasado, cando empezaron a facelo numerosos concellos no país e no Estado, e cando os propios informes de Intervención e de Secretaría que aparecen nos Orzamentos advirten ao goberno de que as regras “mudaron” o pasado 20 de outubro e que eses cartos están dispoñíbeis.
“O problema está en que nin se preocuparon. Canto hai, como utilizalo… Nós fomos preguntar a Intervención e dixéronnos ao redor de 2 millóns de euros. Pero vostedes nin se preocupan de mirar que hai que facer para mover eses cartos”, dixo Rodríguez que a continuación fixo dúas preguntas que o alcalde non contestou: “Cal é o remanente do Concello de Celanova? Por que se escusan dicindo que non se pode coñecer até marzo cando centos de concellos xa o usan?”. Foron dúas preguntas dunha serie delas que nin o alcalde nin ningún dos portavoces da sociedade de goberno (CD+PSOE) soubo responder: “Como prevén recadar máis nunha situación de recesión?; a súa previsión é que no 2021 vai subir a construción en Celanova?; en que se basean, ou é un corta e pega dos Orzamentos do PP que se lles colou?; en que axudan á veciñanza de Celanova estas contas municipais?; díganme, na situación actual, un efecto concreto que con estas contas esperan conseguir para variar o rumbo da crise?”.
Leopoldo Rodríguez mostrou a preocupación do BNG porque estes Orzamentos parecen “un corta e pega dos que facía o PP cando se acordaba de facelos”, e convidou ao PP a votar a favor, “por que son os seus, son os que vostedes facían”.
No capítulo de subvencións o BNG preguntou polos “aforros” de aquelas achegas do Concello a diferentes asociacións e colectivos durante 2020 e que se repiten ou aumentan para 2021, malia que hai actividades que por causa da covid non puideron desenvolver nin poderán desenvolver. O goberno municipal de Celanova non sabe cantos cartos se deixaron de gastar nin explicou onde están eses aforros nin tampouco sabe explicar por que se tramitan as mesmas subvencións, sen atender a situación sanitaria. “É un exemplo máis de que non hai xestión”, concluíu Leopoldo Rodríguez, que ademais lembrou o goberno o que lle advirten os informes do Orzamento, que Celanova debe ter, por lei, un Plan Estratéxico de Subvencións. “Soubemos diso a finais do ano pasado”, respondeu o alcalde. E dixo no pleno que o elaborarán.