COMUNICADO
A Xunta castiga a Residencia en vez de axudala, mentres o Concello abandona a súa responsabilidade
Despois de coñecer por unha información nun medio de comunicación [https://bit.ly/3s5k3Pd: Novas denuncias na residencia de Celanova: persoal escaso, sen titulación e acceso de xente non autorizada] que a Xunta de Galiza está a realizar unha segunda inspección na Residencia San Carlos de Celanova, o BNG de Celanova lembra os seguintes feitos e advirte a respecto de varias cuestións:
1. O BNG, a través da viceportavoz no Parlamento de Galiza Olalla Rodil, pediu en outubro e volveu pedir en febreiro que se fixesen públicos os máis de trinta expedientes que a inspección abriu nas residencias de maiores do país
2. O BNG demandou desde o principio da crise da covid a intervención das residencias, empezando pola San Carlos de Celanova, na que o nivel de contaxios superou o 80% entre as residentes e o virus chegou a afectar a 65 persoas entre usuarias e traballadoras, falecendo oficialmente nove anciáns por causa da covid.
3. A Xunta de Galiza non só se negou e nunca interveu o centro, senón que tampouco reforzou o persoal malia que coñecía as deficiencias, sinaladamente, a carencia dun servizo de enfermaría 24 horas, que segue sen haber.
4. A Xunta de Galiza, cando actuou en Celanova, foi para castigar cunha multa de 11.000 euros agravando a precaria situación financeira do centro, tal e como informou o propio Padroado ao Concello de Celanova na solicitude de axuda que presentou o 11 de novembro de 2020. Solicitude que o goberno municipal agochou á cidadanía e ignorou.
5. Malia coñecer a situación do centro e ter un acordo político unánime na corporación municipal, o alcalde negouse a activar a axuda necesaria e traballou para obstaculizar a iniciativa do BNG desde novembro pasado até xaneiro, cando finalmente votou en contra do seu propio acordo.
6. Os intereses do goberno municipal (participado polo PSOE) coinciden cos do PP, que mantén en Celanova a mesma liña que no resto do país: descarga a responsabilidade sobre os centros, abandónaos a súa sorte sen acompañar o necesario labor de control co imprescindíbel apoio para reforzar o persoal.
7. O abandono de responsabilidades tamén é a actitude do alcalde, que no último pleno volveuse negar a asumir o rol que como representante público lle corresponde no Padroado, descargando unha vez máis nos patróns as culpas de non ter asumido el o cargo.
Celanova, 14 de febreiro de 2021.