O BNG consegue presenza na Mancomunidade Terra de Celanova

Celanova Pleno organizacion 2019-07-10
A corporación municipal, no pleno de organización deste mércores.

O pleno de organización no Concello de Celanova tamén acorda o cambio no horario das sesións municipais, que pasarán a celebrarse ás 19.30 horas, cumprindo outra demanda das nacionalistas para apoiar a investidura de Antonio Puga.

O BNG consegue presenza na Mancomunidade Terra de Celanova

O BNG de Celanova alcanza por vez primeira presenza na Mancomunidade Terra de Celanova e Leopoldo Rodríguez, o concelleiro nacionalista, fará parte dos órganos da entidade comprometéndose como primeira tarefa a “fiscalizar o destino dos cartos que achega o Concello de Celanova”, que entrega a maior achega (preto de medio millón de euros anuais) como lle corresponde por número da habitantes. Na Mancomunidade tamén estarán presentes representantes do BNG que fan parte do goberno de coalición no Concello de Vera, co que se racha o monopolio do PP nesa entidade. 

 

Este acordo tomado esta mañá no pleno de organización do Concello de Celanova responde a unha das demandas das nacionalistas para apoiar a investidura de Antonio Puga (Celanova Decide) como alcalde.

 

No mesmo pleno, a corporación deu curso a outras das esixencias do BNG: adiar o horario dos plenos e fixalo a última hora da tarde, quedou establecido que sexa ás 19:30 horas. As nacionalistas esperan que o cambio de horario fomente a participación veciñal na institución e xa avanzan que no próximo pleno levarán novas iniciativas neste sentido, algunha delas contemplada ademais no acordo para a investidura do alcalde.

 

Por último, o BNG xustificou a súa abstención na votación das novas retribucións dos cargos políticos para este mandato reiterando que non fai parte do goberno e é ao goberno a quen lle corresponde determinar estas cuestións. En calquera caso, Leopoldo Rodríguez indicou que segundo as estimacións das nacionalistas coas cifras que presentou o goberno producirase un aforro respecto do anterior mandato, “algo que a asemblea do BNG considerou positivo e un camiño a seguir”.
 

O BNG consegue presenza na Mancomunidade Terra de Celanova