TERRA DE CELANOVA

O BNG entra na Mancomunidade e promete eliminar as prácticas de corrupción

José Antonio Pérez Valado (alcalde de Verea), Manuel Ferro (responsable comarcal do BNG) e Leopoldo Rodríguez (concelleiro do BNG en Celanova). @BNGCelanova
José Antonio Pérez Valado (alcalde de Verea), Manuel Ferro (responsábel comarcal do BNG) e Leopoldo Rodríguez (concelleiro do BNG en Celanova).
Os nacionalistas levan a 3 representantes ao órgano comarcal e José Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea, fai parte da Xunta de Goberno.
O BNG entra na Mancomunidade e promete eliminar as prácticas de corrupción

O BNG chega á Mancomunidade Terra de Celanova coa intención de fiscalizar o funcionamento interno do órgano comarcal e contribuír a erradicar todas aquelas prácticas de corrupción e nepotismo que poderían terse producido durante os últimos anos baixo o paraugas da maioría do PP, segundo manifestaron onte pola tarde os representantes nacionalistas para xustificar o seu voto contrario á candidatura á presidencia de Pérez Cortés, rexedor de Quintela de Leirado desde hai 40 anos.


É a primeira vez que o BNG contará cun representante na Xunta de Goberno da Mancomunidade Terra de Celanova. O cargo ocuparao José Antonio Pérez Valado como alcalde de Verea. Xunto a el, os outros dous nacionalistas que entran no pleno da Mancomunidade son Jorge Losada, concelleiro en Verea, e Leopoldo Rodríguez, concelleiro en Celanova. Este último, despois de que o BNG alcanzara un acordo con Celanova Decide para a investidura do novo alcalde da vila que incluía a incorporación das nacionalistas á entidade mancomunada.


Leopoldo Rodríguez insistiu ao remate do pleno nos obxectivos do BNG. "Seremos firmes e constantes na vixilancia do funcionamento da Mancomunidade e esixentes para que os servizos se presten coa máxima eficiencia e calidade. Pero tamén seremos firmes e constantes no control dos procedementos de contratación que tantas sospeitas teñen xerado nos últimos anos e non consentiremos nin favoritismos nin nepotismo", sinalou o portavoz nacionalista no Concello de Celanova. E concluíu: "Xunto este labor, tamén comezaremos a socializar outras medidas de presión para evitar os excesos do poder do PP na Mancomunidade. A veciñanza ten que saber que sen a participación de Celanova, o concello que máis achega, a Mancomunidade e as prácticas dubidosas serían inviábeis".

O BNG entra na Mancomunidade e promete eliminar as prácticas de corrupción