O Bloque revela que a Mancomunidade carece de RPT

Foto Mancomunidade
Sede da Mancomunidade.

As nacionalistas votaron contra a aprobación da Conta xeral da Mancomunidade nunha sesión que foi convocada ás présas sen que a presidencia achegase a documentación aos grupos.

O Bloque revela que a Mancomunidade carece de RPT

A Relación de Postos de Traballo (RPT) é o instrumento técnico para organizar os recursos humanos en calquera administración pública para conseguir a maior eficacia na prestación dos servizos.

 

O BNG, a través do concelleiro por Celanova, Leopoldo Rodríguez, solicitou no pleno desta semana da Mancomunidade Terra de Celanova ese documento, coa finalidade de coñecer cales eran as funcións e responsabilidades do persoal que depende da Mancomunidade. A presidencia non só non ofreceu esa información senón que dixo que non existía tal documento, algo que resulta sorprendente nunha entidade cun cadro de persoal de máis de 90 traballadores.

 

Os representantes do BNG tamén cuestionaron á presidencia a respecto do horario do persoal ao servizo da Mancomunidade. As oficinas están abertas de 9 da mañá até as 14:30 horas. A presidencia non informou que o horario das traballadoras e traballadores fora outro, o que parece indicar que o persoal ao servizo da Mancomunidade ten horarios máis reducidos que os de outras administracións.

 

Finalmente, o BNG foi o único grupo dos catro con representación na Mancomunidade que votou en contra da Conta Xeral. Como explicou Leopoldo Rodríguez: “Hai unha débeda duns 400.000 euros que arrastran os concellos coa Mancomunidade e non sabemos se as contas cadran ou non. Non recibimos ningunha información. Esiximos transparencia nesta e noutras cuestións, porque é o mínimo se se quere ter un funcionamento democrático neste organismo”. A presidencia convocara de forma precipitada o pleno extraordinario sen facer chegar aos grupos documento algún sobre a Conta Xeral.

 

Máis información sobre a Mancomunidade

O BNG volverá reclamar nos Concellos as contas da Mancomunidade Terra de Celanova. 20 de marzo do 2018.

O Bloque revela que a Mancomunidade carece de RPT