Acordo unánime en Celanova para que o Concello, as familias e as traballadoras participen na xestión da residencia
“Hoxe é un día importante porque imos acordar unha moción que deixa clara e firme a vontade do Concello de Celanova e desta corporación de axudar economicamente a mellorar e reforzar os recursos asistenciais da residencia e de colaborar no perfecto desenvolvemento da xestión desta actividade asistencial”, dixo Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG de Celanova, no pleno deste xoves, seis meses despois de que un gromo de covid convertese á Residencia San Carlos na primeira residencia do país con vítimas da pandemia.
Seis meses despois, tras unhas semanas de intenso traballo político do BNG de Celanova para informar ás familias, ás traballadoras e á dirección do centro dunha iniciativa para que o Concello botase man da residencia, no pleno de onte corroborouse o acordo unánime dos grupos impulsado polas nacionalistas.
“Diante do medo e da incerteza que poden sufrir os anciáns, as familias, as traballadoras e os directivos, unidade e compromiso político, como resposta a un amplo respaldo social”, dixo Leopoldo Rodríguez.
A moción achega dous compromisos por parte da corporación municipal: unha axuda económica para que a Residencia San Carlos poida superar o impacto nas súas contas da crise da covid e empezar a adaptarse á nova normalidade, e a incorporación dos grupos políticos, das familias e das propias traballadoras ao Padroado que dirixe a residencia a través dunha fórmula que haberá de concretarse en canto os patróns accedan á modificación dos estatutos.
“Diante do medo e da incerteza que poden sufrir os anciáns, as familias, as traballadoras e os directivos, unidade e compromiso político, como resposta a un amplo respaldo social”, dixo Leopoldo Rodríguez.
“O que se ofrece nesta moción, porque é unha oferta sincera e aberta de colaboración e rescate desde o público, son recursos e traballo para que a Residencia San Carlos continúe a desempeñar unha función central na vida da comunidade”, subliñou o concelleiro nacionalista.
O texto, acordado o venres da semana anterior despois de varias reunións entre os grupos, lembra que a Alcaldía do Concello de Celanova é membro nato do padroado que rexe a fundación en virtude da doazón que deu orixe ao centro, e que o propio edificio da residencia foi construído nos anos oitenta con axudas públicas deste concello e outros da contorna. E sinala que “é o momento de que o Concello de Celanova recoñeza e asuma a súa responsabilidade como parte pública da Residencia San Carlos e participe na xestión e no financiamento do centro”.
“Pídovos que corroboremos co noso voto este compromiso e, despois, animemos a quen ten que tomar a decisión última de aceptar este xeneroso e urxente ofrecemento a que o faga”, dixo Leopoldo Rodríguez antes de que as concelleiras e concelleiros validaran co seu voto o compromiso.
“Celanova e o conxunto dos seus representantes políticos están hoxe a dar un exemplo, por iso é un día importante, sinalado. Despois virán outros nos que acordar os aspectos concretos e prácticos de como se vai desenvolver este ofrecemento, mais o primeiro paso está dado. No BNG saudamos este acordo. E dou as grazas en nome do BNG de Celanova ás familias e as traballadoras por ter apoiado esta iniciativa. Ánimo para elas e forza para os seus familiares residentes”, concluíu o portavoz do BNG.