A alcaldesa de Ramirás ocultou a contaminación por arsénico na auga para consumo da poboación
Isabel Gil agochou á Corporación municipal e a veciñanza os resultados de dúas analíticas que detectaron en xuño concentracións de arsénico por riba do nivel recomendado en augas procedentes do depósito da Pereira que dá servizo a unhas 300 veciñas e veciños.
A alcaldesa, médico no PAC de Celanova, tamén eludiu o Rexistro municipal, e o informe chegou ao Concello nun sobre pechado “a entregar en man”.
A alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, do PSOE, ocultou á Corporación municipal e a veciñanza do concello os resultados de dúas analíticas realizadas a finais do mes de xuño deste ano que detectaron concentracións de arsénico superiores ao nivel recomendado pola OMS (Organización Mundial da Saúde) para auga de consumo humano en augas procedentes do depósito da Pereira, na parroquia de Paizás, captadas do río Tuño e que dan servizo a unhas 300 veciñas e veciños nas parroquias de Freás, Mosteiro, Paizás e Vilameá, entre outras.
Segundo as mostras recollidas nas instalacións do Concello o día 25 de xuño e analizadas no Laboratorio do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, os niveis de arsénico na auga da billa eran de 10,1 e 14,1 μg/l (microgramos por litro), cando o límite recomendado pola OMS é de 10 μg/l.
As analíticas foron encargadas á Farmacia Ortega, de Vilavidal, e abonadas polo Concello de Ramirás tal e como figura nunha factura á que tivo acceso o concelleiro do BNG, Marcos Meléndez Alonso, quen solicitou acceder ao expediente da xestión de augas deste ano, mais entre a documentación presentada polo Concello non atopou os resultados deses análises, polo que no pleno do 30 de xullo, o xoves da semana pasada, esixiu unha copia do expediente completo.
Durante a revisión do expediente nas oficinas do Concello, Marcos Meléndez puido comprobar a existencia de dous informes, un da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e outro de Aprovechamientos Hidráulicos Gallegos, S. A., a concesionaria de tres presas no Tuño, nos que se daba noticia de niveis de arsénico por riba do límite legal en auga para consumo humano. En concreto, o estudo da CHMS, remitido ao Concello de Ramirás con data do 13 de xullo deste ano, sinalaba que 9 dos dez puntos de control no río Tuño, presentaban niveis superiores aos 10 μg/l. Tamén o estudo da concesionaria, entregado o 20 de xullo, recoñece “ “concentraciones de arsénico (...) próximas a los límites legales para aguas de abastecimiento”, mais descarta que “los aprovechamientos hidroeléctricos sean la causa de estos niveles de arsénico en auga” e lembra que en novembro pasado (con data 18 de novembro) xa lle remitira un escrito á alcaldesa sinalando que “los aprovechamientos hidroeléctricos de Tuño no alteran la calidad del agua que derivan”. Os niveis de arsénico na cámara de carga da central Tuño II dan como rexistro 10,1 μg/l.
No expediente tamén figura unha requisitoria tras a inspección que a Consellería de Sanidade fixo o 11 de xuño deste ano e que dá conta de varias irregularidades na información que o Concello de Ramirás está remitindo ao SINAC (Sistema de Información Nacional de Aguas de Consumo), dependente do Ministerio de Sanidade. Entre outras cuestións, esta requisitoria advirte de “reiterados incumplimientos” nos parámetros de arsénico e ferro nas análises realizadas “a lo largo del tiempo”.
Ocultación ao Rexistro municipal e obstáculos no pleno
No pleno do xoves da semana pasada, o concelleiro nacionalista, Marcos Meléndez, esixiu unha copia do expediente completo esperando atopar por fin os resultados das análises encargadas á farmacia. O secretario municipal entregou os documentos, mais entre estes non figuraban esas análises. O secretario informou que descoñecía a existencia das mesmas. “Despois de moito insistir, a alcaldesa entregounas. Resulta que eses informes nunca pasaron polo Rexistro municipal. Despois soubemos que chegaron ao Concello nun sobre fechado con orde de entregar en man a Isabel Gil”, explicou Meléndez.
Un problema que se arrastra desde hai anos e que chega coa seca
Os altos niveis de arsénico nas augas para consumo humano que os servizos do Concello de Ramirás recollen da cámara de carga da central Tuño II son de orixe natural. Ao parecer, os mananciais que máis auga achegan no verán son tamén os que máis arsénico conteñen, polo que o desequilibrio prodúcese en épocas de seca. Despois da captación, as augas baixan até o depósito da Pereira, onde desde hai uns anos é preciso levar auga con camións para soster o servizo. Esa auga transportada en camións axuda a rebaixar os niveis de arsénico, mais tamén supón un custe engadido. Malia que deu profusa información no pleno sobre a súa política a respecto do servizo de abastecemento de auga, Isabel Gil non falou en ningún momento destes custes, como tampouco das análises encargadas por ela mesma á farmacia e pagadas polo Concello.
“Isabel Gil ten un problema co abastecemento -explica Marcos Meléndez-. E é que durante a campaña electoral das municipais de 2019 fixo bandeira desta cuestión e mesmo acusou o anterior goberno local de estar envelenando á poboación e colocou carteis con caveiras. Prometeu arranxalo en tres meses. Pasou un ano e non sabe como agochar a súa incompetencia. Por iso pide informes á Confederación e á empresa hidroeléctrica, para ver se lle pode botar a culpa outro”.
O BNG de Ramirás considera que o goberno municipal, mostra unha absoluta incompetencia, que herda xa desde que Isabel Gil estaba na oposición, “cuspiu para arriba canto quixo, e agra cáelle en plena cara”. E isto o que demostra é que carece de cualidades e capacidade para estar ao fronte dun concello.