O BNG arranca o compromiso da Mancomunidade de facer pública información detallada sobre a execución do gasto

Pérez Valado, alcalde nacionalista de Verea, móstrase moi crítico coa presentación da Conta Xeral e exixe coñecer os números concretos do gasto en cada concello e das subvencións que a Mancomunidade recibe das diferentes Administracións.
A Mancomunidade apoia a iniciativa do BNG para demandar do Goberno unha rebaixa na factura da luz. É a segunda vez nunha semana que os nacionalistas conseguen un acordo plenario despois da aprobación da mesma moción pola corporación da Merca o pasado día 29.
Os tres representantes do BNG no pleno da Mancomunidade Terra de Celanova votaron en contra da Conta Xeral presentada onte pola presidencia da entidade. O grupo popular fixo valer a súa maioría, con dez votos a favor, mentres o PSOE e Celanova Decide abstivéronse. José Antonio Pérez Valado, alcalde nacionalista de Verea, fixo a única intervención crítica coas contas de Pérez Cortés (PP), presidente da entidade desde hai 26 anos e á fronte do Concello de Quintela desde hai 45 anos, na etapa predemocrática. O voceiro do BNG exixiu aclaracións sobre determinadas partidas e sinalou epígrafes das contas que dan lugar a confusión: así pediu explicacións sobre o remanente, os dereitos pendentes e os orzamentos. Ademais, Valado volveu demandar unha información precisa e concreta sobre a execución do gasto e das subvencións que a entidade recibe doutras Administracións.
O presidente Cortés e o secretario da institución recoñeceron que desde a Mancomunidade nunca se ofreceu aos alcaldes e representantes dos diferentes concellos unha información detallada sobre o que a entidade inviste finalmente en cada un dos oito concellos que fan parte dela. Valado anunciou que o BNG solicitará toda a documentación que permita coñecer os números dun organismo que, baixo mandato da dereita, historicamente non se caracterizou pola súa transparencia.
O BNG tamén levou o pleno, o primeiro de 2021 xa que Cortés non volvera convocalo desde decembro pasado, a única iniciativa política da sesión. As nacionalistas conseguiron sacar adiante a proposta que encamiña unha tarifa eléctrica galega, en canto a rebaixa do prezo da luz para os consumidores galegos.
A iniciativa, defendida polo portavoz do BNG de Celanova, Leopoldo Rodríguez, supón que a Mancomunidade mostre o seu rexeitamento á política do Goberno central de permitir a suba na factura da luz, singularmente, aos incrementos aplicados a partir de xuño pasado; e reclama ademais rebaixar o IVE da luz até o 4%, beneficios para Galiza en canto territorio de produción que sofre os impactos da xeración de enerxía e cambios na regulación para que se pague pola luz en función dos custes reais de xeración de cada tecnoloxía abandonando o sistema de poxas.
A moción recibiu o respaldo con matices do PP e do PSOE. O alcalde de Pontedeva, Juan Carlos Guerrero (PP), criticou aos sucesivos gobernos do Estado, incluídos os do seu parido, por teren consentido que as grandes compañías eléctricas aumenten beneficios a costa de incrementar o prezo da electricidade; mentres que a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil (PSOE), tamén se manifestou contraria ás políticas de tarifas que o goberno do seu partido promove en Madrid. Celanova Decide non opinou.
A moción é a segunda que se aproba nunha semana nun plenario na comarca despois de que o pasado 29 de xuño fose presentada na Merca por Teresa Garrido, portavoz do BNG na localidade. A iniciativa nacionalista fai parte dunha campaña iniciada o mes pasado contra o novo incremento na factura da luz. Na comarca de Celanova o BNG recolleu xa varios centos de sinaturas e a campaña continuará esta fin de semana na Baixa Limia.