O BNG esixe o Concello de Cartelle prazos e compromiso de gasto para salvar a Torre de Sande
O BNG de Cartelle esixe do alcalde, Jaime Sousa (PP), prazos concretos e unha previsión de gasto para a actuación sobre a Torre de Sande, un ben que goza de protección de Patrimonio do Estado e sobre o que a Xunta negouse reiteradamente a intervir malia as demandas da deputada nacionalista Noa Presas entre 2017 e 2019.
O BNG de Cartelle lembra que a Torre de Sande está recollida no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galiza con protección xurídica de declaración de Ben de Interese Cultural. Malia estes recoñecementos e da súa importancia histórica e patrimonial, a construción atópase nun pésimo estado de conservación.
“O PP leva anos mareando a perdiz na Xunta e no Concello. Descarga a responsabilidade do atraso na intervención sobre a propiedade. As Administracións teñen ferramentas e deben intervir xa, indicando os prazos de execución e comprometendo gasto. Non hai tempo que perder”, advirte un portavoz do BNG de Cartelle.
Entre marzo de 2017 e outubro de 2019 o BNG presentou varias iniciativas e preguntas parlamentarias a través da deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, nas que se demandaron actuacións para garantir a consolidación, a conservación e a accesibilidade á construción. O PP desoíu as reclamacións das nacionalistas durante todo o ano 2017. A resposta chegou en marzo de 2018 por parte da Consellería de Cultura: “A Xunta non é propietaria do ben”.
O BNG continuou insistindo na cuestión durante 2018, e en febreiro de 2019 volveu denunciar a situación no pleno do Parlamento. “Malia o Partido Popular rexeitar as propostas que ten feito o Bloque Nacionalista Galego en diversas institucións, as necesidades da Torre continúan", lembrou a deputada. E preguntou: “Que actuacións vai levar a cabo a Xunta de Galiza para garantir a consolidación, conservación e accesibilidade da Torre de Sande en Cartelle?”.
O último posicionamento parlamentar do PP produciuse na Comisión de Educación e Cultura en outubro de 2019. Os populares rexeitaron a iniciativa para abordar o deterioro da Torre de Sande. En xuño do 2020, o BNG levou a cabo unha acción simbólica na Torre de Sande para esixirlle á Xunta que a inclúa no Plan de Rehabilitación xunto as Torres de Porqueira e Sandiás.
Catorce meses despois chega o anuncio do goberno municipal de Cartelle de que dispón dun estudo para actuar. “Que se faga xa, sen máis desculpas. Non hai tempo que perder”, insiste o portavoz do BNG de Cartelle.