COMUNICADO
O BNG espera que o PP abra a porta á democracia trala saída de Pérez Cortés da Mancomunidade
Despois de 27 anos á fronte da Mancomunidade Terra de Celanova nos que a entidade foi medrando na medida que se incrementaban as necesidades do PP de colocar familiares e simpatizantes, José Antonio Pérez Cortés, de 74 anos e alcalde de Quintela de Leirado desde o franquismo, anunciou onte a súa renuncia á presidencia da entidade supramunicipal que gobernou desde a súa creación en 1995 co apoio do Partido Popular.
A última actuación de Pérez Cortés como presidente resume o seu goberno. No pleno de onte, martes 21 de decembro, aprobou coa maioría popular uns orzamentos que se negou a negociar cos representantes do BNG, do PSOE e dos independentes despois de pasar seis meses sen someter a pleno a actuación do seu goberno. O pleno anterior foi en xullo. Dous plenos nun ano.
José Antonio Pérez Cortés, alcalde preconstitucional no seu concello, parecía non se topar cómodo cunha composición do pleno da entidade con catro forzas políticas representadas e tres alcaldías de distinto signo aos populares.
As nacionalistas confían en que o substituto que postule o PP asuma a nova realidade plural da Mancomunidade e a obriga de negociar con todas as forzas políticas a xestión da prestación de servizos, mellorando a transparencia e desterrando o nepotismo na política de persoal. En opinión do BNG, a saída de Pérez Cortés debería abrir a porta a democracia no ente mancomunado.
Celanova, 22 de decembro de 2021.