O BNG forza un pleno extraordinario en Ramirás para atallar o caos na xestión da auga
O BNG de Ramirás solicitou no pleno de onte, xoves 24, a convocatoria inmediata dun pleno extraordinario con carácter monográfico sobre o caos no servizo municipal de augas, diante da alarma social causada pola continuada presencia de altos niveis de arsénico na auga destinada a consumo humano e que a xestión da alcaldesa, Isabel Gil, non é quen de corrixir.
A iniciativa saíu adiante malia a oposición do grupo socialista no goberno. O BNG insistiu na urxencia da convocatoria. “Ten que ser canto antes, porque non hai perspectiva ningunha de que o problema vaia corrixirse pola acción da alcaldesa nin pola acción das chuvias, segundo din as previsións. E mentres, seguimos chupando arsénico”, indicou Marcos Meléndez, o portavoz nacionalista.
O BNG mostrou a súa preocupación polo empeño obsesivo de Isabel Gil (PSOE) de asumir persoalmente a xestión do servizo, o que provocou a dimisión o mes pasado do traballador ao cargo. Tamén advertiu á rexedora que deixe de agochar información á veciñanza, “cando nos bandos municipais di que non está a meter auga da captación no Tuño, minte”, afirma Meléndez.
O concelleiro nacionalista solicitou a finais de agosto información sobre a empresa ou empresas que subministran auga en camións cisterna aos depósitos municipais e sobre os puntos de recollida desa auga. Tamén solicitou as analíticas desa auga transportada, que segundo a Alcaldía se recolle nas instalacións de Viaqua nun polígono de Ourense, “porque se resulta que a única auga que lle chega aos veciños vén das cisternas e as analíticas seguen a dar niveis de arsénico por riba do límite recomendado, o mesmo a auga nas cisternas tamén trae arsénico... se non, non se explica ou a alcaldesa minte”, explica Marcos Meléndez.
Obstáculos no acceso á información
O concelleiro nacionalista tamén denunciou no pleno a obstrución da alcaldesa no acceso á información dos concelleiros da oposición, o que impediu levar o debate sobre o servizo de augas á sesión de onte. Meléndez lembrou que solicitou ver determinados expedientes o 4 de setembro e non se lle deu acceso até o día 22, e insistiu en que a lei establece cinco días hábiles para que se conceda ese permiso. “En Ramirás non se está a cumprir a lei”, reiterou Meléndez.