O BNG pide activar o escano cidadán e que falen familiares da residencia

Celanova 3. 2018
As nacionalistas entenden que as circunstancias actuais permiten celebrar un pleno presencial e público, convocatoria que levan solicitando desde hai dous meses. 
O BNG pide activar o escano cidadán e que falen familiares da residencia

O BNG pide que no próximo pleno se habilite o escano cidadán para que os membros da corporación e a veciñanza en xeral poidan escoitar ás familias de residentes na San Carlos e coñecer de primeira man cales son as súas queixas e as súas demandas.

 

O BNG considera ademais que xa se dan as circunstancias para que o pleno poida celebrarse de maneira presencial e aberto ao público, e que dado que existe un precedente de utilización do escano cidadán, este pode volver activarse nun momento no que é preciso mostrar unha especial sensibilidade desde as institución coas vítimas da covid19 e coas súas familias. 

 

O BNG lembra ademais que familiares das vítimas xa tiveron a ocasión de levar a súa voz a outros plenos municipais, como o de Santiago de Compostela, onde contaron co apoio do BNG, do propio goberno socialista e doutras formacións que respaldan ese goberno. No caso de Celanova, o escano cidadán (aínda pendente de desenvolvemento normativo) existe grazas á iniciativa do BNG e xa se utilizou nunha das primeiras sesións do mandato.

 

As nacionalistas volven reiterar a necesidade de convocar inmediatamente á corporación. Xa solicitaron a convocatoria dun pleno a finais de marzo, baixo o amparo das medidas decretadas polo Goberno para a celebración de sesións municipais en todos os concellos, e volveron a urxir ao goberno local o pasado 21 de maio, despois de que o propio Concello de Celanova admitise que xa se daban as condicións para “recuperar a normalidade institucional” a principios desde mes. 

 

Case tres meses despois do inicio da crise da covid, e máis de catro desde a celebración do último pleno, o alcalde non pode seguir atrasando a convocatoria.

 

O pasado día 6 de maio, o BNG rexistrou dúas mocións para o seu debate pleno. Desde aquela, as propostas nacionalistas para abordar os debates sobre a crise na residencia de maiores e sobre as medidas socio económicas a impulsar desde o concello seguen freadas pola falta de iniciativa dos grupos que conforman o goberno municipal, CD e o PSOE.

 


Mobilidade 

O BNG considera que un debate urxente é o que ten que ver coas medidas de mobilidade na vila. E  propón consensuar coa veciñanza unha peonalización que necesariamente se ten que levar adiante en base a criterios de saúde pública.

 

Na cuestión da crise na Residencia San Carlos, o BNG reclama o apoio da corporación a favor das familias das usuarias e usuarios para que se recoñeza o seu dereito a recibir unha atención sanitaria xusta e equitativa; o compromiso de acompañalas “na aclaración dos feitos e nas actuacións que con este obxectivo emprendan”; e para que o goberno municipal exixa das autoridades “unha inspección inmediata no centro”.

O BNG pide activar o escano cidadán e que falen familiares da residencia