“O alcalde agóchase do resto de grupos e o seu socio de goberno, o PSOE, agóchase detrás do alcalde”
“A que esperan o alcalde e o PSOE para convocar o pleno ordinario de maio?”, di Leopoldo Rodríguez, o portavoz nacionalista.
O BNG exixe que o goberno municipal reúna xa a corporación local para debater as medidas que respondan á crise sanitaria na residencia de maiores e a crise económica derivada dos dous meses de confinamento.
“A que esperan o alcalde e o PSOE para convocar o pleno ordinario de maio?”, preguntouse este xoves Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG de Celanova, dúas semanas despois de que o goberno de coalición emitise un Bando no que aseguraba que "a partir da próxima semana, coincidindo co inicio da denominada Fase 1 da desescalada, o Concello de Celanova comezará a dar os primeiros pasos para tratar de recuperar a normalidade institucional", e informaba de que "ó longo desa semana recuperarase a reactivación dos órganos colexiados do Concello, é dicir, a celebración semanal da Xunta de Goberno, as comisións informativas cando sexan necesarias, así como as sesións plenarias segundo o calendario xa establecido no caso das sesións ordinarias”.
“O día 6 nós xa rexistramos dúas mocións para o pleno, que esperabamos que fose extraordinario dada a situación na vila, mais pasaron os días e nin houbo comisións informativas nin está convocado o preceptivo pleno de maio”, explica Leopoldo Rodríguez que, ademais, lembra que en ningún momento o Estado de Alarma “decretou o confinamento das institucións democráticas, e onde quixeron celebraron plenos telemáticos primeiro e presenciais despois".
O 29 de marzo o Goberno regulou expresamente a convocatoria de plenos en todo o Estado, eo BNG pediu desde o 2 de abril a convocatoria de órganos de goberno. O alcalde só accedeu, a demanda do BNG, a reunir a xunta de portavoces (advertindo que era “una xuntanza informal”) o 30 de abril. Pasou un mes e non hai información sobre si houbo ou non reunión da xunta de goberno, nin se convocaron as comisión previas ao pleno nin tampouco a sesión plenaria que non se reúne desde o 30 de xaneiro.
As nacionalistas subliñan que pasaron 112 días, e se CD e PSOE non se meten présa, cumpriranse os 4 meses sen reunir á corporación por parte dun goberno que está en minoría.
“O alcalde agóchase do resto de grupos, en definitiva, agóchase de dar conta da súa xestión, e o seu socio de goberno, o PSOE, que noutros concellos como O Barco de Valdeorras que sufriron impactos similares da covid-19 si convocou plenos e asumiu acordos plenarios sobre a residencia de maiores e o rescate social diante da crise, agóchase detrás do alcalde”, resume Leopoldo Rodríguez.
Debates urxentes
As nacionalistas insisten que o plenario non se pode adiar máis. E indican que é urxente abordar o debate sobre a crise na residencia de maiores e sobre as medidas socio económicas a impulsar desde o concello.
Respecto da primeira cuestión, o BNG solicitará do pleno que a corporación se pronuncie “a favor das familias das usuarias e usuarios da Residencia San Carlos de Celanova, que teñen o dereito a recibir unha atención sanitaria xusta e equitativa”; que se comprometa a “acompañar ás familias dos residentes e ao conxunto das traballadoras do centro de maiores de Celanova na aclaración dos feitos e nas actuacións que con este obxectivo emprendan”; e que inste ao goberno municipal “a demandar das autoridades unha inspección inmediata no centro”.
Respecto da acción pública contra a crise económica, o BNG propón como medidas inmediatas a creación dunha Oficina municipal de orientación, un acordo que permita a cancelación ou aprazamento de taxas municipais; a rebaixa do tramo municipal do IBI ao 0%; e a dotación dun fondo de axudas destinado aos autónomos, entre outras.
Ademáis, propón consensuar coa veciñanza unha peonalización que necesariamente se ten que levar adiante en base a criterios de saúde pública, e que se acelere a tramitación duns orzamentos para o presente ano “que permitan afrontar con garantías a situación de crise”. As nacionalistas tamén suxiren un plan de impulso das feiras dos xoves na vila e da praza de abastos.