O BNG pide persoal, cartos e aforros para combater a crise en Celanova

Feira do xoves en Celanova. Xuño 2020
Feira do xoves en Celanova. Terceiro xoves de xuño de 2020.
O BNG pide persoal, cartos e aforros para combater a crise en Celanova

O BNG pedirá no pleno da corporación municipal de Celanova a creación dunha Oficina Municipal de orientación sobre as axudas dispoñíbeis para combater a crise, e instará ao goberno municipal a elaborar de maneira urxente uns orzamentos municipais “que permitan afrontar con garantías a situación”.

 

As nacionalistas queren, ademais, que o Concello de Celanova estude a cancelación de taxas municipais (como as do lixo, a auga, ou o imposto de circulación) “ou no seu defecto (…) pago fraccionado ou aprazamentos” e que a medida se aplique “a todas aquelas persoas que o soliciten”.  No mesmo capítulo de aforros, o BNG propón que se acorde unha rebaixa do IBI para este ano e o seguinte no tramo municipal (até o límite do 0,4%) nos casos de “primeiras vivendas e vivendas en alugueiro e locais comerciais que o soliciten“. E, tamén, que se destine o gasto previsto para eventos que non se poidan celebrar (sinaladamente, as festas de agosto) a incrementar as partidas destinadas a atender a emerxencia social (desde a alimentación até a vivenda).

 

A terceira parte do plan das nacionalistas son as medidas de gasto. E, neste ámbito, a proposta do BNG aconsella “dispoñer un fondo de axudas destinado aos autónomos para o pago de alugueiros, cotas e outros gastos derivados da necesaria adaptación da actividade ás novas circunstancias, elaborando un regulamento para a concesión destas axudas”. Neste capítulo de investimentos, as nacionalistas reclaman que se acometa un plan de impulso as feiras dos xoves na vila e a recuperación do feirón mensual do 29 “reconvertendo o evento para a promoción de producións alimentarias, artesanais e doutro tipo da comarca”, ademais da revitalización da praza de abastos coa oferta dos postos baleiros para a venda ocasional de produtos de proximidade.

 

Información, aforros en gastos hoxe superfluos e investimentos en apoio do tecido empresarial local son as tres patas da proposta do BNG, que na mesma moción reclamará da corporación un posicionamento contra o teito de gasto dos concellos que establece a Lei Montoro así como diante de calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais.

 

O BNG rexistrou o pasado 6 de maio, días antes de que a Alcaldía anunciase a inminente reactivación da actividade institucional ordinaria (algo que, finalmente, se demorou mes e medio), esta moción de propostas urxente para a enfrontar a crise. A urxencia aumentou porque o goberno municipal perdeu mes e medio.

 

MOCIÓN SOBRE A RESIDENCIA

O BNG tamén presentará a debate unha moción na que se solicita dos grupos un compromiso explícito a favor dos dereitos das usuarias e usuarios da Residencia San Carlos de Celanova a recibir unha atención sanitaria igual a do resto das galegas e galegos, e tamén o apoio da corporación ás familias das residentes e ás traballadoras do centro nas accións que están a emprender para que se aclare o sucedido na residencia durante as semanas máis duras da crise da covid19 e durante as que se produciron 11 mortes (9 delas xa atribuídas á covid), 65 contaxios entre os residentes e as traballadoras e unha falta evidente de recursos asistenciais e auxilio sanitario que agravaron a crise.
O BNG, que desde a primeira semana do brote, deu voz ás denuncias e demandas de axuda por parte das familias e das traballadoras, considera que a gravidade do sucedido entre marzo e maio na San Carlos (así como a precaria situación actual do centro) deben ser coñecidos pola veciñanza de Celanova para que se comprenda e atenda a dor das familias e se comece o camiño para buscar solucións diante da ameaza de novos brotes da covid19.

O BNG pide persoal, cartos e aforros para combater a crise en Celanova