ERNESTA SEOANE, NOVA RESPONSÁBEL COMARCAL
“O BNG somos a única alternativa ás políticas claudicantes do PP”
O Consello Comarcal renovouse nun 70%, que é o que se pretende cunha renovación tan fonda?
O BNG, na nosa comarca como no resto do país, está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos. A Asemblea Nacional, ademais, marca o peche dunha etapa e o comezo dun novo ciclo. Pensamos que era o momento para dar entrada a moita desa nova militancia e promover estruturas para dinamizar o traballo comarcal en apoio das localidades.
Como se organizará o traballo no Consello Comarcal?
O primeiro foi convidar á militancia a unha maior participación. E conseguiuse reunir un grupo con ilusión por mellorar o traballo. Así que, canda a min, haberá xente traballando en tarefas específicas: un grupo de formación, apoio a concelleiras e concelleiros e acción feminista; outro, de finanzas e militancia; e un terceiro de comunicación.
Falta ano e medio para as municipais de 2023, cales son as prioridades do BNG nestas comarcas con ese horizonte?
Unha delas, e na que xa nos puxemos traballar esta mesma semana, será recuperar presenza institucional nos concellos da Baixa Limia. Imos facilitar moito apoio persoal e respaldo político á militancia. Intentaremos estar máis presentes no día a día destes concellos e atender os problemas concretos. Nas anteriores municipais, nun contexto organizativo moi complicado, conseguiuse sacar adiante candidaturas en Lobeira e Muíños. Agora a aposta é presentalas tamén en Bande, Entrimo e Lobios.
Na Terra de Celanova hai outros concellos nos que o BNG non consegue consolidar candidaturas, que pensa facer nestes próximos meses?
Estar moi próximas á militancia e a xente que simpatiza co BNG. Temos que abrir espazos de encontro con esta xente. E estar moi próximas aos problemas de Gomesende, Pontedeva, Padrenda e Quintela, o mesmo que na Baixa Limia. Procuraremos incrementar o traballo nestes concellos, porque se hai concellos que precisan dun cambio político transformador, son estes.
Cal é a situación actual do BNG nos concellos nos que mantén representación, e cales son as expectativas?
Estamos presentes na Bola, na Merca, Cartelle, Celanova, Ramirás e Verea. E penso que a presenza do BNG marca a diferencia. Somos a única alternativa real ao PP e ás políticas claudicantes do PP. Estamos demostrando que as nosas concelleiras e concelleiros, e toda a nosa base social, traballa moito, transmite ilusión e arelas de cambio. En todos estes concellos o BNG fortaleceuse con respecto a 2015. Somos unha forza social e política en ascenso. E estou certa que para o 2023 estaremos aínda máis fortes.
Como está sendo a experiencia do goberno nacionalista en Verea?
A asemblea comarcal fai unha lectura moi positiva do goberno que lidera José Antonio Pérez Valado. O goberno de Verea impulsa unha residencia de maiores pública; constrúe un miradoiro, o do Briñal, espléndido e con éxito de visitantes; pon a disposición da veciñanza un servizo de transporte; recupera vivendas, crea unha bolsa de alugueiro e facilita casa a familias en situación de necesidade; está a ampliar a carteira de servizos... O traballo das nacionalistas en Verea é exemplar en moitos sentidos e está a marcar o camiño para o cambio nestas comarcas.
Cal é a postura do BNG Comarcal a respecto dos proxectos de centrais eólicas?
Hai unha posición política a nivel nacional. O BNG aposta polas enerxías renovábeis, mais non a calquera prezo nin en calquera lugar. Na asemblea comarcal o debate está aberto e hai posturas diferentes, pero o BNG ten claro que este plan sectorial eólico ficou obsoleto, e que se debe revisar todo e atender a cuestións medioambientais e sociais, caso a caso.
Pero entre Celanova e Verea hai posturas distintas.
Hai percepcións diferentes sobre as afeccións, certo. En Celanova, como xa quedou acreditado, o impacto visual e patrimonial, alén doutros impactos, sería tremendo. A veciñanza de Verea non ten a mesma percepción. O que precisamos todas e todos é máis información. E no BNG estamos a facer un gran esforzo, por obter e transmitir esa información. Mais as corporacións enerxéticas e a Xunta de Galiza son as primeiras interesadas en agochar esa información á que ten dereito a veciñanza. En última instancia, é responsabilidade da Xunta parar esta desfeita. E no BNG témolo claro, as enerxías renovábeis son necesarias, mais non a calquera prezo nin en calquera lugar.
Na asemblea comarcal o debate está aberto e hai posturas diferentes, pero o BNG ten claro que este plan sectorial eólico ficou obsoleto. As enerxías renovábeis son necesarias, mais non a calquera prezo nin en calquera lugar.
Hai outros problemas medio ambientais na comarca que se arrastran desde hai anos: a contaminación do Limia, os problemas co subministro de auga procedente do Arnoia... Cal é a importancia que lles dá estes asuntos a nova responsábel local?
É evidente que calquera problema coas augas é de vital importancia. Do descoido e da desprotección das augas derivan en problemas de saúde pública. A cousa é moi seria. E como tal tomámola no BNG da Baixa Limia e da Terra de Celanova. Aquí as responsabilidades van desde os concellos até a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que é un organismo do Estado. Na Merca e en Ramirás o BNG vén facendo hai anos denuncia pública e achegando propostas que, no caso da Merca, parece que se empezan a tomar en consideración. O caso do Limia e dos encoros témolo elevado á Deputación e ao Parlamento galego. Tamén o do Arnoia. Tanto o Arnoia como o Limia están subliñados na nosa axenda para estes próximos anos.
A contaminación empeza a estenderse a outras bacías. A Xunta fala de solucións máis non implementou ningunha. Naturgy ten un plan para unha central reversíbel As Conchas-Salas que agravaría o problema...
Nesta cuestión as solucións son complexas, pero hainas; o que falta é vontade política por parte do PP. Non se están a adoptar medidas correctoras na orixe do problema. Hai unha presión gandeira sobre o territorio, pero non vemos por ningures esas plantas de tratamento de residuos prometidas. Pola miña parte, esta mesma semana reuninme cunha asociación de veciñas da zona das Conchas. Hai preocupación, tanto polo proxecto dunha central reversíbel que leve a contaminación o Salas como pola contaminación de augas de baño nas Conchas. Nós comprometémonos a continuar o traballo que o BNG vén desenvolvendo en todas as institucións, desde a Deputación provincial a Europa. Negando o problema non se soluciona nada.
O BNG considera necesaria a apertura de consultas pola tarde no Centro de Saúde de Celanova para citas en especialidades. Por exemplo en xinecoloxía, en oftalmoloxía ou en saúde mental.
Que outros asuntos son prioritarios nestas comarcas?
Profesionalmente estou vinculada ao sector sanitario. Para min, e penso que tamén para o resto de compañeiras e compañeiros, hai unha batalla que dar por conseguir máis e mellor atención sanitaria. O BNG considera necesaria a apertura de consultas pola tarde no Centro de Saúde de Celanova para citas en especialidades. Por exemplo en xinecoloxía, en oftalmoloxía ou en saúde mental. Que as especialistas atendan polo menos unha ou dúas veces por semana. Temos que dar resposta desde o sistema público de saúde a unha poboación avellentada e moi dispersa, porque en Celanova aténdese xente que ten que vir desde Olelas, Río Caldo ou Requiás. Fagámoslle as cousas máis fáciles.
Vostede é moi activa no movemento feminista, que traballo neste ámbito espera que poida desenvolver o novo Consello Comarcal?
Si, pertenzo o Obradoiro Feminista de Casardeita, e neste ámbito estamos moi interesadas en crear espazos, mesmo institucionais, que dean entrada a todo o mundo, empezando polos colectivos feministas e as asociacións de mulleres. No Consello Comarcal, a responsábel da área será a compañeira da Merca, Noelia Currás. E xa temos unha primeira tarefa sinalada: implantar o protocolo para prever violencias machistas do que se vén de dotar o BNG.
Mellorará o BNG os resultados de 2015 e 2019 a nivel comarcal?
Imos traballar arreo para que así sexa, e estou convencida de que imos mellorar, e moito. Queremos ser máis fortes onde xa somos fortes e entrar con forza no resto de concellos. Confío plenamente no equipo, na capacidade de traballo e na implicación da militancia.
Nas imaxes do texto: Ernesta Seoane, no mitin das Galegas 2020 en Celanova; con Ana Pontón e Noa Presas no arranque daquela campaña en Compostela; con Iago Tabarés e Leopoldo Rodríguez na primavera pasada nunha xornada informativa sobre a ameaza eólica en Celanova; con Ana Pontón e outros cargos do BNG nunha rolda de prensa pola crise nas residencias durante a covid; e en novembro de 2021, participando na xuntanza da Marcha Mundial das Mulleres na Estrada.