PLENO MUNICIPAL

CD e o PP alíanse para negar que se reforce o persoal da Residencia de Celanova

Pleno xullo (3)
Pleno do 29 de xullo en Celanova.
"O  PP está en Celanova para defender os intereses e as actuacións ou omisións do goberno da Xunta; e Celanova Decide, cando menos na crise da Residencia, está a defender eses mesmos intereses", resumiu Leopoldo Rodríguez, o portavoz nacionalista.
CD e o PP alíanse para negar que se reforce o persoal da Residencia de Celanova

O amaño entre o PP, o Alcalde e os dous concelleiros socialistas, socios no goberno, impediu que se debatese onte no pleno ordinario de Celanova unha moción proposta pola Federación de Usuarias de Residencias (REDE) para que a corporación local demandase da Xunta de Galiza reforzos de persoal para a Residencia San Carlos de Celanova -na que durante os dous peores meses da pandemia faleceron 11 persoas e chegaron a infectarse de coronavirus 65, entre traballadoras e residentes-.

 

A moción, presentada por rexistro aos catro grupos da corporación o pasado luns, solicitaba o compromiso da corporación para demandar de Política Social reforzo do persoal da Residencia; e do Sergas, reforzo do persoal do PAC, para garantir a atención a uns maiores que sufriron os peores efectos da pandemia e con secuelas físicas e psíquicas que aínda están por avaliar. 

 

"A Xunta de Galiza e o Concello de Celanova abandonaron a Residencia, as usuarias, as familias e as traballadoras durante a crise, como vimos denunciando desde marzo; e abandónanas agora, cando os maiores e as traballadoras están a pasar dificultades derivadas precisamente dos efectos da crise", denunciou o portavoz do BNG de Celanova, Leopoldo Rodríguez, ao remate do pleno. "Entendemos que o PP de Celanova trate de agochar calquera crítica á Xunta e agochar o papel da Xunta en todo isto; o que nos custa entender son os motivos de Celanova Decide, o grupo do alcalde, que a parte de aparecer en fotos e dar discursos coa banda diante dos maiores négase a empregar un só recurso do Concello en axudar na Residencia".

 

O amaño entre os dous grupos de goberno e o PP quedou explícito cando o alcalde tratou de pasar rapidamente polo punto 6º (asuntos urxentes) e dixo que non había asunto ningún que tratar, obviando que REDE rexistrou o luns a moción dirixida aos catro grupos. Diante da protesta do BNG advertindo dese rexistro, o alcalde evitou a consulta os demais grupos e ningún deles pediu a palabra. Despois de que o BNG fixese súa a moción e expuxese brevemente os motivos da urxencia (polo demais, evidentes, cando do que se está a falar é de saúde pública e persoas que están consideradas o principal grupo de risco na covid-19), debateuse se procedía entrar a considerar a moción. O BNG votou a favor de que se considerase, tamén os dous edís socialistas, nun xesto que desde REDE cualificaron como "paripé". Pero o PP (6 concelleiros) e Celanova Decide (4 concelleiros) negáronse ao debate da moción, con argumentos inconsistentes, como que necesitan tempo para coñecer as necesidades da Residencia ou que se trata dunha institución privada.

 

"En definitiva, o PP do señor Ferro e Celanova Decide do señor Puga non queren saber nada do que pasa na Residencia e agochan a cabeza noutro xesto político indigno, que volve evidenciar que o PP está en Celanova para defender os intereses e as actuacións ou omisións do goberno da Xunta; e que Celanova Decide, cando menos na crise da Residencia, está a defender eses mesmos intereses", resumiu Leopoldo Rodríguez.

 

Goberno paralizado, acordos plenarios ignorados

O goberno municipal non respecta os acordos plenarios, segundo expresou onte o Alcalde (corroborando unha práctica que iniciou co seu mandato). Polo tanto, o goberno municipal non baixará o IBI no tramo que é da súa competencia, nin fixo nada por crear a Oficina de orientación sobre as axudas a empresarios, autónomos e veciñanza en xeral, nin nada fixo tampouco para estudar a posíbel rebaixa ou aprazamento de taxas municipais, nin nada fixo pola promoción das feiras na vila nin do mercado municipal ni tampouco fará nada por dotar un fondo de axuda municipal a autónomos e familias... Nada, malia que todo iso se acordou no pleno de xuño. Nada, malia que en todas estas propostas do BNG coincidiu o PP, que onte non protestou polos incumprimentos.

 

A inexperiencia política e de xestión do Alcalde e dos seus concelleiros (incluíndo os socialistas) impediu até hoxe calquera resposta desde o Concello diante da crise. Parece que esta paralización conta co beneplácito do PP.

 

Onte, no pleno, o Alcalde xustificou a súa negativa a rebaixar o IBI en que o acordo plenario non é vinculante e "ademais nós (Celanova Decide) votamos en contra". Dixo que a creación da Oficina de orientación non é posíbel polas carencias en persoal e despois dixo que dependerá dos orzamentos que levan meses de atraso. Asegurou que a principal acción municipal para promocionar as feiras é "cortar o tráfico no centro os xoves". Mantivo que "hai interese" nas prazas baleiras no mercado de abastos, mais "ningunha proposta concreta"; dos incentivos desde o Concello para que se ocupen esas prazas non falou porque non os hai, el simplemente se conforma con "ofertalas". Dixo que vía "lóxicas" as queixas veciñais pola falta de limpeza de rúas e pistas, e xustificou a demora en que non ten persoal, e en concreto, o servizo de xardinería conta cunha soa persoa. Tampouco soubo explicar porque a gravación do anterior pleno municipal non é pública. Ao parecer, o vídeo da sesión figura anexo á documentación do pleno, mais non pode ser consultado pola veciñanza na web municipal. 

 

O pleno aprobou dúas mocións do BNG sobre a necesidade de axilizar o investimento en obras de mantemento do colexio Manuel Curros Enríquez, e sobre a promoción da lingua galega. Nunha dura disputa co PP -na que o portavoz popular asegurou que durante os gobernos de Antonio Mouriño e o del propio o PP puxo a Celanova no mapa da cultura galega, que o PP é o partido máis galego "porque vén de obter catro requete-maiorías, e que o PP homenaxea a Curros ou Celso Emilio "malia distancia ideolóxica"- o portavoz do BNG respondeu con datos sobre a desfeita das políticas de minorización da lingua dos sucesivos gobernos Feixoo, "con efectos peores que as de Fraga", e rematou coa diatriba de Celso Emilio contra "soberbios, os ruís e poderosos", "os finchados", "os valeiros" e "os estúpidos" nun dos célebres poemas de Longa noite... A moción, na que ademais de reforzar os recursos municipais para a política de normalización se pedía implementar a lei Paz Andrade e ampliar o 2021 o ano Carvalho Calero, saíu adiante malia os 6 votos en contra do PP, que na mesma sesión é capaz de reivindicarse como campión na defensa do galego e a continuación rexeitar achegar recursos a esa tarefa.

 

O BNG promoverá unha iniciativa para que os alcaldes non figuren en máis placas a conta da normalización do galego

No debate da moción sobre a lingua, o Alcalde quixo xustificar a súa participación nun acto nos Xulgados a principios de mes que o BNG cualificou de "auto-homenaxe", dicindo que "descoñecía o contido da placa até o momento de descubrila". Segundo el, aceptou o convite da Irmandade Xurídica Galega para inaugurar unha placa nos Xulgados de Celanova sen saber o que puña esa placa nin que o seu nome aparecía en caracteres máis grandes co feito "histórico" que se pretendía salientar. 

 

Para evitar este tipo de situacións e que non se incorra en usar a normalización da lingua para cousas que non teñan como fin a propia normalización, o portavoz do BNG anunciou que no próximo pleno ordinario as nacionalistas presentarán unha moción para que os nomes dos alcaldes de Celanova non volvan figurar en ningunha placa a conta da normalización lingüística. 

CD e o PP alíanse para negar que se reforce o persoal da Residencia de Celanova