APROBADAS AS CATRO INICIATIVAS DO BNG

Celanova acorda exixir un pleno extraordinario na Mancomunidade sobre o proceso de selección no obradoiro

Pleno novembro 2021 Celanova (1)
O portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez, no pleno deste mércores 24 de novembro de 2021.
As nacionalistas sacan adiante a exixencia de corrixir a deficiente iluminación pública na Calleabaixo e no Areal; o compromiso de promover un pleno extraordinario na Mancomunidade diante das queixas no proceso de selección do obradoiro de emprego; o acordo para impulsar a participación dos colectivos feministas na Mesa contra a violencia de xénero, e a demanda á Xunta de incrementar os recursos na Atención Primaria da sanidade pública.
Celanova acorda exixir un pleno extraordinario na Mancomunidade sobre o proceso de selección no obradoiro

O representante do BNG na corporación de Celanova, Leopoldo Rodríguez, conseguiu sacar adiante no pleno deste mércores as catro iniciativas que presentou e que foron as únicas mocións a debate na última sesión ordinaria do ano. 

 

O BNG obtivo o respaldo unánime do pleno a demanda veciñal de corrixir a deficiente iluminación pública nas rúas da Calleabaixo e do Areal. Todos os grupos votaron a favor dunha iniciativa que dá resposta á queixa que 117 veciñas e veciños destas dúas rúas presentaron no Concello e a quen o alcalde ignorou... até onte, cando non lle quedou máis remedio que sumarse a unha moción que reprobou a súa actuación.

 

IGUALDADE. Tamén foi unánime o respaldo á iniciativa do BNG para que desde a concelleira de Igualdade se reclame a participación dos colectivos feministas e asociacións de mulleres na Mesa contra a violencia de xénero na Mancomunidade Terra de Celanova. A concelleira, Teresa Barge (PSOE), non quixo recoñecer onte o seu erro de 2019, cando se negou a crear un consello municipal de Igualdade -unha iniciativa que presentaba o BNG- coa escusa de que xa existía un organismo similar na Mancomunidade. No pleno de onte admitiu que a Mesa non se puxo en marcha até este pasado verán, dous anos despois de rexeitar a creación do consello local. Ao final, votou -desta vez, si- a favor da iniciativa das nacionalistas. Foron dous anos perdidos que a moción do BNG intenta que non se prolonguen.

 

SANIDADE. O pleno tamén acordou, malia o voto en contra do PP, dar resposta á demanda de SOS Sanidade Pública para que o goberno municipal inste á Consellería de Sanidade a aplicar un plan de mellora e reforzar o orzamento da Atención Primaria, así como “a desenvolver os instrumentos de participación cidadán na sanidade”. O BNG espera que o goberno local cumpra dilixentemente cun acordo plenario e concrete canto antes esta petición á Xunta de Galiza nun asunto, as eivas na atención sanitaria de base, que provoca un evidente malestar en toda a sociedade galega.

 

DEREITOS. Tamén malia a oposición do PP e dun discurso feroz do portavoz popular, X. L. Ferro, contra as persoas que se sentiron prexudicadas e denunciaron trato de favor para determinados aspirantes a unha praza no último obradoiro de emprego da Mancomunidade, o pleno acordou que o goberno municipal defenda os dereitos da veciñanza e demande a celebración dun pleno extraordinario e monográfico sobre esta cuestión no ente mancomunado. No mesmo texto, o acordo plenario pide que o goberno local promova na Mancomunidade a constitución dun “grupo de traballo para o deseño dos procesos de selección do profesorado, técnicos e alumnado dos diferentes cursos e obradoiros”. Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG, anunciou que as nacionalistas levarán estas demandas a Mancomunidade e os plenos doutros concellos que fan parte da mesma.


AUGA MÁIS CARA

O BNG non puido convencer ao resto de grupos para chegar a un acordo político que evitase a subida do recibo da auga. Leopoldo Rodríguez aludiu ao contexto actual de encarecemento de bens de primeira necesidade, e pediu que se seguise o exemplo doutros concellos que están a asumir a suba do imposto sobre a auga. O argumento do PP, do PSOE e do alcalde -o portavoz de Celanova Decide, enmudeceu neste pleno- foi o mesmo: a suba está no contrato e non se pode facer nada.

 

EVASIVAS DO ALCALDE NAS PREGUNTAS DO BNG

O PLAN DE TURISMO NON EXISTE. Na queda de preguntas o BNG volveu preguntar polo suposto plan de turismo que debería ir asociado ao que se chamou proxecto de “Humanización del Casco Histórico para fomento del turismo”. Non existe. O alcalde dixo que está no propio proxecto, mais no proxecto non hai nada parecido a un plan. O BNG fará público o documento que, como veñen denunciando as nacionalistas desde xullo, serviu para colar a instalación de aparcadoiros alugados a particulares con cartos públicos co pretexto de reordenar o tráfico no centro.

Nunha interpelación dos populares, o alcalde anunciou que pensa formalizar nunha ordenanza a actual ocupación do espazo público con terrazas de bares e cafeterías, ocupación que se impuxo como medida excepcional por causa da pandemia. 

 

SEN INFORMACIÓN DO MONTE DA NEVE. Tampouco sabe nada o alcalde da tramitación do proxecto dunha empresa alemá de instalar no Monte da Neve un polígono eólico con aeroxeradores 100 metros máis altos cos do polígono do Vieiro. O alcalde dixo onte que non ten información sobre posíbeis variacións no proxecto que se fixo público a principios de ano, apenas un mes despois de que en xaneiro dixese que non tiña información do proxecto nin a pedira. O BNG continuará informando á veciñanza diante da ausencia de información por parte do goberno local, malia que hai un acordo plenario unánime desde o verán para que se ocupe do asunto. Non queren.

Como non queren -así o recoñeceu sen se inmutar o propio rexedor- implementar o acordo para poñer en marcha unha Mesa de Comercio local que axude a avaliar e tomar medidas a respecto da situación do sector no concello.

 

SEN HORTA DO CURA. Por último, o alcalde, quen promoveu a adquisición ao Bispado por parte do Concello de Celanova da parcela denominada “A horta do cura”, dixo que aínda non se tiña firmada a escritura de compra e que a xestión está pendente “do informe do arquitecto municipal”.
 

Celanova acorda exixir un pleno extraordinario na Mancomunidade sobre o proceso de selección no obradoiro