PLENO XANEIRO CELANOVA (E IV)

O Concello de Celanova négase a axudar á Residencia San Carlos

Resumo en vídeo dos 2 debates sobre a Residencia no pleno de xaneiro.

A portavoz do PSOE acusa o BNG de estar “facendo política” (?) e di que a veciñanza “pensa que hai cousas” máis urxentes que “gastar 72.000 euros” en axudar anciáns “que non son os únicos anciáns, porque hai outros en centros de día e fogares” que tamén o precisan.

 

O alcalde tamén escapa de comprometerse a asumir a súa obriga no Padroado da San Carlos, como membro nato en representación da Alcaldía, di que se ofreceu despois de pedir os Estatutos e as Actas das reunións “para facer o mesmo que fixeron anteriores alcaldes”. Leva 18 meses fuxindo.

O Concello de Celanova négase a axudar á Residencia San Carlos

O BNG, que desde a primavera pasada vén traballando nun acordo municipal para botar man da Residencia San Carlos, quedouse só no pleno en defensa dunha axuda ao centro de maiores, no que conviven medio cento de anciás e anciáns e máis de dúas ducias de traballadoras que aínda están a sufrir o impacto da covid -despois de once falecementos entre marzo e abril pasado e máis de 60 casos de contaxio nunha poboación de máximo risco-.
 

Despois de que os grupos ignorasen o chamamento nos días previos este pleno, como aconteceu tamén en novembro pasado, nun intento de enterrar o acordo de setembro, o BNG esperaba que PP, Celanova Decide e o PSOE responderan como unha soa voz. E así foi. Mais cunha vehemencia inusitada.
 

O BNG pediu que os Orzamentos contemplasen unha axuda á Residencia. A portavoz do PSOE, Teresa Barge, foi a primeira en responder nun ton desafiante. “Vou ser valente e dicir o que todo o mundo pensa pero ninguén di: Celanova non quere que se axude á Residencia”, dixo, e a continuación acusou ao BNG de estar “facendo política” (sic) “a costa dos vellos, que que non son os únicos, porque hai outros en centros de día e fogares” que tamén o precisan. A portavoz socialista e responsábel de asuntos sociais no goberno municipal do Concello de Celanova foi máis alá e negou que o caso dos contaxios na San Carlos tivese creado “alarma social” ningunha en Celanova e dixo que a veciñanza, indicando que tirou esa impresión de visitas a bares e comercios, “pensa que hai cousas” máis urxentes que “gastar 72.000 euros”. É a primeira vez, desde o 11 de novembro, que un membro do goberno local informa sobre a cifra que a Residencia pediu ao Concello.
 

Despois da portavoz socialista, foi Javier Pulido, portavoz do partido do alcalde, no que tamén nun ton admonitorio e dirixíndose ao BNG esixiu: “Paren xa!”, despois de dar lectura a comunicados asinados polo presidente do Padroado da Fundación San Carlos -o último deles, retirado esta mesma semana o mesmo día da súa publicación- nos que, segundo interpreta Pulido, a Residencia negábase a recibir axuda do Concello e mesmo a adaptar os estatutos para dar entrada a representantes municipais na xestión do centro.
 

Tamén o PP pediu a retirada da moción, dixo que “para máis adiante”, e asegurou que a Xunta xa está axudando a Residencia, referíndose as prazas concertadas, convenio que vén de anos antes da pandemia e os seus efectos devastadores, o gran problema do centro de maiores que o Partido Popular pretende ignorar e no que é seguido polo PSOE e Celanova Decide.
 

Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG, resumiu a cuestión a dúas preguntas: “Necesita axuda a Residencia?, e debe o Concello de Celanova axudala? O BNG pensa que si”.  A portavoz socialista e Javier Pulido responderon con evasivas. O PP dixo que “máis adiante”. O alcalde sumouse esta resposta “máis adiante”. Todos votaron en contra da axuda a Residencia.


NON É TRABALLAR MÁIS, SENÓN TRABALLAR O MESMO. Diante da exixencia do BNG para que asuma dunha vez, despois de 18 meses no cargo, as súas obrigas no Padroado da Residencia, o alcalde di que pediu información para “facer o mesmo que fixeron anteriores alcaldes”.


O alcalde de Celanova dixo no pleno deste 27 de xaneiro de 2021 que tiña enviado un escrito ao Padroado da Residencia para asumir o cargo como vogal nato que lle corresponde á Alcaldía. Non dixo cando, mais o certo é que apenas tardou 15 días en asumir a presidencia da outra fundación na que ten parte do Concello: a Fundación Curros, mais no caso da Residencia, leva 18 meses esperando… Tamén dixo que pediu á Residencia os Estatutos e as Actas das reunións “para facer o mesmo que fixeron anteriores alcaldes”, e asegurou que non vai ser “o xestor da Residencia, como pide o BNG”. Cousa que non pide o BNG, simplemente pide que faga o mesmo que na Fundación Curros, e máis tendo en conta a precariedade que neste contexto sanitario afecta a todos os servizos do centro de maiores. O BNG considera que o alcalde está intentando xustificar na inacción dos seus antecesores a súa falta de compromiso, mais esquece que os anteriores, fixesen ou non, traballasen máis ou menos, non asumiron o cargo nunha situación como a actual.


“Vostede asumiu o cargo de vogal nato que como alcalde lle correspondía durante o anterior mandato, señor Ferro?”, preguntou o portavoz nacionalista ao portavoz popular. E este asentiu. Non dixo, por certo, se antes de asumilo pediu información para ver que traballoso podía resultar cumprir coa obriga institucional.


Por outra banda, os grupos do PSOE, Celanova Decide e do PSOE rexeitaron a moción do BNG que pedía tramitar de maneira urxente unha achega á Residencia, tal como a corporación acordara por unanimidade en setembro pasado.


Despois de meses eludindo a cuestión e os convites do BNG a manter esa unidade, os tres grupos PP (6 concelleiros), CD (4) e PSOE (2) pecharon a porta a calquera axuda amparándose en que as institucións públicas non rescatan entidades privadas.


Malia que o portavoz nacionalista insistiu en que Fundación San Carlos ten o mesmo carácter de fundación sen ánimo de lucro que a Fundación Curros e que ambas teñen a Alcaldía nos respectivos padroados e que a Fundación Curros recibe financiamento público, os tres portavoces dos grupos aos que se sumou o alcalde teimaron nesa xustificación. Esquecen sonoros e onerosos “rescates” públicos en medio de durísimas crises económicas que levou miles de millóns de euros dos cartos de todos a petos privados. Aqueles eran petos de xente demasiado grande para deixar caer, pero a residencia de maiores de Celanova é o suficientemente pequena para abandonala.


Resultado: o Concello de Celanova négase axudar á Residencia San Carlos.    

O Concello de Celanova négase a axudar á Residencia San Carlos