A dirección da San Carlos, reticente ás visitas de familiares, permitiu o acceso dun fotógrafo a principios de maio

Aresidencia11a

A dirección elude indicar quen asume a responsabilidade de permitir o acceso dun fotógrafo ao centro cando aínda había enfermos da covid e sen ter solicitado o permiso previo das familias.

  

A dirección da San Carlos, reticente ás visitas de familiares, permitiu o acceso dun fotógrafo a principios de maio

O BNG de Celanova denuncia que a dirección da Residencia San Carlos de Celanova volve negar información ás familias dos residentes e elude sinalar a persoa responsábel de facilitar o acceso dun fotógrafo ao centro durante a segunda semana de maio, cando aínda permanecían pacientes illados pola covid, e para o que non se pediu o permiso das familias.

 

O malestar levou á que se solicitasen formalmente á Residencia San Carlos explicacións sobre un acceso que as familias consideran que non era imprescindíbel e que, en calquera caso, lles debeu ser consultado polas implicacións na intimidade dos residentes. 

 

A residencia foi interpelada sobre quen deu a autorización e por que se deu sen o permiso das familias. A comunicación, non contestada pola Residencia, faise pública despois de que a persoa que actúa como “portavoz” do centro (segundo se recolle en todas as publicacións aparecidas na prensa local desde o principio da crise) manifestase este mércores, día 13, a súa oposición á proposta das familias para poder empezar a visitar aos seus. “Non debemos expoñelos”, manifestou esta portavoz en contra do criterio de psicólogos e psiquiatras… e en contra da propia práctica de Residencia de permitir o acceso dun fotógrafo a semana anterior (con covids entre os residentes). 

 

Esas manifestacións producíronse o mesmo día en que a Xunta avanzaba que empezou a elaborar o protocolo de visitas, asumindo esa necesidade que sinalaban as familiares e os expertos. "As familias denuncian opacidade e oscurantismo, que a día de hoxe se mantén", dixo a deputada do BNG, Montse Prado, ese mesmo día 13 no Parlamento, e alertou sobre o "grave risco para a súa saúde mental" dos maiores que padecen unha situación de illamento desde hai meses. 

 

O BNG deu o seu apoio á demanda de establecer de maneira urxente un mecanismo para as visitas de familiares, en base a proposta lanzada por familias de Celanova e O Barco, co respaldo do Movemento Galego da Saúde Mental e do resto de afectadas agrupadas no colectivo galego REDE.

 

O BNG de Celanova comparte o interese das familias porque se aclaren as circunstancias da visita do fotógrafo que levou á publicación das imaxes. As nacionalistas consideran que no só teñen dereito a solicitar explicacións e sentir que a intimidade dos seus maiores foi agredida, senón que a falta de resposta é unha evidencia desa “opacidade” coa que os responsábeis da Residencia veñen actuando nesta crise. 

 

Outras reclamacións sen resposta

O BNG de Celanova xa denunciou outras irregularidades que seguen pendentes de explicación. O pasado 29 de abril advertiu que desde o luns 27 unha residente que resultou negativa no último test continuaba illada na mesma planta que os 3 afectados pola enfermidade. A día de hoxe, non foron contestadas as explicacións solicitadas pola familia. A muller permaneceu na mesma planta dos covids durante 11 días até que os afectados foron declarados negativos a semana pasada. 

 

Tampouco a Residencia achegou ningunha información sobre as circunstancias que levaron ao centro a aceptar o regreso dun paciente afectado por coranavirus a mediados de abril. O SERGAS negou a denuncia do BNG, despois tivo que rectificar e recoñecer esa actuación, e finalmente aludiu a un acordo coa Residencia que a dirección do centro aínda non explicou.
 

A dirección da San Carlos, reticente ás visitas de familiares, permitiu o acceso dun fotógrafo a principios de maio