A CORPORACIÓN E O PADROADO DA RESIDENCIA COMPARTEN UN ACORDO HISTÓRICO

As familias, dispostas a entrar no padroado da residencia de Celanova, piden reforzar xa o persoal

Acto na praza Maior o 11 de setembro de homenaxe ás vítimas da covid na residencia de Celanova organizado por REDE
Acto na praza Maior o 11 de setembro de homenaxe ás vítimas da covid na residencia de Celanova organizado por REDE.
A federación galega de usuarias de residencias, REDE, saúda a decisión do consello reitor da San Carlos de aceptar a proposta municipal para que familias e grupos políticos colaboren na xestión do centro.
As familias, dispostas a entrar no padroado da residencia de Celanova, piden reforzar xa o persoal

REDE, a Federación Galega de Familias de Usuarios de Residencia e Dependencia, emitiu este xoves un comunicado no que fai pública "a súa satisfacción e ilusión polo acordo alcanzado entre a corporación municipal de Celanova e o Padroado da Fundación Hospital San Carlos que dirixe a Residencia San Carlos de Celanova". Subliña REDE as familias que terán unha representante no consello reitor, "facilitando así por vez primeira en Galicia que familiares tomen parte de forma directa na xestión dun centro sociosanitario de titularidade público-privada".

 

Familiares de residentes na San Carlos, organizados en REDE, traballaron xunto ao BNG desde o verán na elaboración e difusión da proposta municipal que foi presentada no pleno por todos os grupos o pasado 23 de setembro. María Rodríguez, membro da directiva de REDE e familiar dunha residente no centro celanovés, mantivo reunións con traballadoras e patróns para explicar a iniciativa de abrir o padroado a familias, traballadoras e grupos políticos que fan parte da corporación municipal reforzando o carácter público da residencia que, desde a doazón inicial, mantén á Alcaldía en "membro nato" e nos anos oitenta, cando se levantou o actual edificio, contou coa colaboración de concellos da comarca que cubriron a maior parte dos gastos da obra.

 

Agora, REDE confía en que o acordo se faga efectivo "canto antes" e que se establezan "uns criterios aceptados por todas as partes" para a elección das persoas que representarán ás familias.

 

Gasto urxente en persoal

REDE tamén subliña a disposición do Concello de Celanova a conceder unha subvención á Residencia San Carlos para compensar os efectos da crise da covid19. No escrito presentado o mércores no Concello, os xestores do centro cifran en 72.000 euros ese impacto. As familias pensan que "o urxente é reforzar o persoal" e piden contratar unha enfermeira máis até dotar o centro de atención especializada as 24 horas e durante toda a semana, contratar persoal para tarefas específicas de limpeza e lavandaría, "que veñen sendo desenvolvidas polas auxiliares cunha carga de traballo que lles dificulta realizar co debido coidado o labor propio da súa cualificación", e contratar máis auxiliares "para manter o nivel da atención nas novas circunstancias que impón a pandemia".

 

O BNG, na valoración pública que fixo o mesmo mércores do escrito de aceptación por parte do actual padroado da proposta da corporación, advertiu ademais que xunto a familias e grupos políticos -que contarán cun representante no novo padroado- tamén deben estar as traballadoras, para respectar o espírito do acordo plenario. 

 

O BNG felicita ás familias e a REDE por ter facilitado o acordo entre os grupos e a boa disposición do padroado e das traballadoras e subliña que os actos públicos de homenaxe que se puideron celebrar na praza Maior os meses de agosto e setembro, organizados por REDE, axudaron a lograr a unidade ao redor dun interese compartido: mellorar a atención ás persoas maiores que conviven na residencia.

As familias, dispostas a entrar no padroado da residencia de Celanova, piden reforzar xa o persoal