De que lado está o alcalde de Celanova?
O goberno municipal (CD + PSOE) négase a levar o Pleno do día 7 de abril a moción presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova pedindo que se cumpra a lei estatal de Memoria Histórica.
O alcalde consinte que un grupo de presión ultradereitista utilice a súa imaxe desde hai máis dun mes nunha campaña que pide incumprir a lei.
O Comité solicitou este martes que o alcalde rectifique e advirte: "Só o BNG asumiu a moción".
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova rexistrou a principios de marzo unha moción dirixida aos grupos municipais para a eliminación do monumento falanxista do Outeiro da Obra, levantado alí en agosto de 1939 por unha unidade falanxista do exército sublevado "e que está afectado pola Lei de Memoria Histórica dado o seu carácter de símbolo de exaltación do golpe de Estado, a guerra e o franquismo", tal como explica o colectivo memorialista no seu último comunicado.
O BNG declarou o seu apoio á demanda do Comité; mesmo co apoio da portavoz nacional, Ana Pontón, o manifesto o que se adheriron máis de setenta asociacións de memoria e colectivos do país así como a maioría dos historiadores que traballan na Galiza no ámbito da Memoria Histórica e destacados intelectuais, entre eles, dous ex presidentes da RAG.
O BNG manifesta acotío o seu compromiso antifascista e coa Memoria Histórica, por iso entre os acordos para a investidura deste alcalde que agora deixa utilizar a súa imaxe nunha campaña contraria á Lei -desatendendo o respecto coa institución democrática que representa- obtivo o compromiso por parte del de aplicar a lei sobre o monumento fascista do Outeiro da Obra, cuxo carácter de símbolo de exaltación do golpe de Estado, da guerra e do franquismo vén de ser determinado nun amplo informe polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Este informe revela, entre outras cuestións que teñen que ver coa lei en vigor, quen impulsou a construción do símbolo: unha unidade militar falanxista que se estableceu en Celanova ao final da guerra con dous obxectivos claros, a vinganza sanguenta sobre os vencidos, representados nos presos do cárcere, e sementar o medo entre a poboación como advertencia contra calquera disidencia ou desafección o réxime. O estudo revela as datas, os detalles da inauguración, as inequívocos mensaxes de exaltación da violencia fascista que se lanzaron nos discursos e a recorrente utilización do símbolo para a homenaxe esa violencia e a xustificación da barbarie, mesmo a encomenda que deixaron os asasinos da democracia: "espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos" (en palabras do comandante fascista Fernández Cuesta, un apelido que tamén deixou a súa pegada nesta historia).
Diante da contundencia deste informe -o máis amplo, documentado e concluínte dos que teñen sostido unha demanda de retirada de simboloxía franquista ao abeiro da lei no país desde a promulgación da lei no 2007-, o alcalde de Celanova non só mira para outro lado, senón que consinte que se utilice a imaxe da máxima representación institucional da vila por parte de ultradereitistas contrarios a lei, e négase a elevar o Pleno a demanda de verdade, xustiza e reparación (un mandato da ONU para todas as nacións democráticas).
Por iso desde o BNG preguntámonos de que lado (do da democracia ou do do fascismo campante) está o alcalde, e con el o grupo de goberno municipal no que teñen presencia membros do PSdeG-PSOE?
MOCIÓN COMPLETA do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, asumida polo BNG: https://memoriacelanova.fala.gal/2021/03/08/a-memoria-defendera-no-pleno-de-marzo-a-retirada-do-simbolo-fascista/
O BNG asumiu esa moción e pediu o alcalde que a elevase a pleno, tal e como permite o art. 82.3 do ROF. O alcalde negouse o venres a levar a moción o Pleno do 7 de abril. Este martes, o Comité pídelle a través dun comunicado público, que rectifique e inclúa no pleno a moción para eliminar o monumento falanxista. "O Comité lembra que a Lei de Memoria Histórica de 2007 segue a infrinxirse en Celanova e que esta anomalía democrática debe rematar xa", di o colectivo.