LEOPOLDO RODRÍGUEZ, CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE CELANOVA

"É imprescindíbel dotarnos dun Plan de Ordenación Urbana, é a base de calquera política"

Leopoldo Rodríguez. Febreiro 2023 (1)
Leopoldo Rodríguez.
Leopoldo Rodríguez (Fechas, Celanova, 1963), portavoz municipal do BNG e candidato á Alcaldía nas eleccións do próximo 28 de maio, fai balance da política local durante o mandato, e avanza as líñas do programa do Bloque Nacionalista Galego.
"É imprescindíbel dotarnos dun Plan de Ordenación Urbana, é a base de calquera política"

Cal é a diagnose sobre Celanova a tres meses das municipais?

Celanova foi cara a atrás, mentres outras vilas da provincia foron cara adiante ou, cando menos, mantivéronse. É iso o que din as cifras de emprego, habitantes reais, vivendas baleiras, locais comerciais sen uso... e esa é a sensación entre a veciñanza máis consciente. Estes anos do Puga non foron máis que unha continuidade do Mouriño. Levamos 30 anos sen xestión. 

 

Que é o máis urxente?

É imprescindíbel dotarnos dun Plan de Ordenación Urbana. É a base de calquera política. Sen plan, non hai política, e prodúcense chapuzas como no caso da chamada peonalización. O alcalde di que o único que fixeron foi quitar os coches da Praza. Efectivamente, nin fixeron un proxecto nin fixeron consultas nin reflexionaron sobre o momento, xusto despois da pandemia, cando había que recuperar a actividade comercial. O resultado é que unha das dúas arterias que ten a vila ficou cegada.

 

O comercio é o gran cabalo de batalla?

O comercio dixo non á chamada peonalización. Dúas veces. E non sabemos moi ben por que, a anterior directiva da asociación de comerciantes agochouno. Despois da pandemia, os comerciantes, igual que os hostaleiros, buscaron solucións; mais non tiveron orientación desde o Concello. O BNG pediu, e así se aprobou nun pleno xusto despois do confinamento, unha oficina de orientación para trámites e axudas, para todo o mundo, comerciantes, hostaleiros, familias. Fixeron algo? Nada. Noutras vilas, esas que si avanzan, houbo rebaixas e exencións en taxas municipais e axudas inmediatas, orientación... Aquí nada. 

 

Pero, hai solucións para o comercio?

Hai que buscalas. E teñen que ser colectivas e con perspectiva estratéxica, de futuro. Comercio e hostalaría son pezas fundamentais da economía de Celanova hoxe. O BNG propuxo, e tamén se aprobou en pleno a finais do 2020, repensar as feiras e espazos comerciais como a praza de abastos, e medidas públicas de dinamización. Que fixo o Concello? Nada. Fiárono todo á suposta peonalización e saíu mal, moi mal. Non queren recoñecelo e seguirán afundindo Celanova se o 28M non desaparece o mouriñismo en todas as súas variantes.

Os primeiros decepcionados fomos nós. O alcalde resultou ser outro elemento máis ao servizo das políticas do PP, e coas mesmas maneiras caciquís.

Por que en xuño de 2019 o BNG facilitou co seu voto este goberno?

As decisións hai que tomalas nun momento concreto, e naquela altura parecía unha opción distinta do PP. Mais non o é. Son o mesmo, coa colaboración do PSOE que pasou coa cabeza baixa por este goberno. Os primeiros decepcionados fomos nós. O alcalde resultou ser outro elemento máis ao servizo das políticas do PP, e coas mesmas maneiras caciquís. Asinamos uns acordos, entre eles, por certo, sacar adiante un Plan de Ordenación, pero negouse a cumprilos durante estes catro anos. 

 

O PP vén de expulsar a Antonio Mouriño do partido... catro anos despois de que Antonio Mouriño sacase da manga ao Puga contra o PP.

É unha lea entre caciques en busca de carguiños e cartiños. E non hai para todos. Non é que o Mouriño traballe para o Puga, é o Puga quen recibe ordes do Mouriño. Iso quedou en evidencia na segunda metade do mandato. Do outro lado, o Clan Cortés intenta presentarse en Celanova sen pasado, sen a lousa do patriarca, alcalde pre-democrático de Quintela de Leirado, sen a lousa dos enchufes todos na Mancomunidade, sen a lousa do dedo de Baltar elixindo Celanova para promover a un dos seus vasalos. O intento do fillo do Pérez-Cortés de aparecer como renovación é ridículo. Son o caciquismo en decadencia, el, o pai e o Mouriño. 

O Clan Cortés intenta presentarse en Celanova sen pasado, sen a lousa do patriarca, alcalde pre-democrático de Quintela de Leirado, sen a lousa dos enchufes todos na Mancomunidade, sen a lousa do dedo de Baltar elixindo Celanova para promover a un dos seus vasalos.

Cambia o escenario?

O BNG xa advertiu hai meses que este ía ser o escenario: o caciquismo casposo do Clan Cortés contra o caciquismo endomingado do Puga-Mouriño. O escenario é o que se debuxou en cada pleno nestes últimos meses: en Celanova a alternativa ao caciquismo é o Bloque. E cada vez máis xente comparte esta lectura. Veremos que tradución electoral ten iso, pero a seriedade e a capacidade de traballo do BNG están moi por riba desta pelexa de malandríns. Celanova precisa xente con ganas de traballar para sacala do inmobilismo no que a meteron durante anos estes especuladores que só pensan en sacar beneficio persoal.

A seriedade e a capacidade de traballo do BNG están moi por riba desta pelexa de malandríns.

Leopoldo Febreiro 2023 (2)
Leopoldo Rodríguez, en Celanova.

Cal foi o peor momento do mandato?

O confinamento, sen dúbida. Foi un pesadelo. En perspectiva, direi que o sistema sanitario demostrou a súa fortaleza. Esa capacidade de enfrontar una crise sen parangón é unha lección a futuro. Mais houbo milleiros de vítimas e, no que respecta a Celanova viuse unha traxedia na residencia. No BNG, desde o 22 de marzo de 2020, domingo, puxémonos a disposición do Concello e das familias. O Concello decidiu tomar o seu propio camiño e intentou agochar a traxedia. Nós levantamos a voz alertando dunha emerxencia humanitaria. Levamos a alerta aos medios de comunicación e ao Parlamento galego a través da nosa portavoz nacional, Ana Pontón. Falamos cos familiares, coas traballadoras, cos médicos. Denunciamos a falta de persoal, de atención para todas aquelas persoas maiores que estaban soas, enfermas e angustiadas polo medo. Non esquezamos: houbo 11 mortes e secuelas que aínda provocan moita dor.

Despois da pandemia, os comerciantes, igual que os hostaleiros, buscaron solucións; mais non tiveron orientación desde o Concello.

Comercio e hostalaría son pezas fundamentais da economía de Celanova hoxe.

Despois, abriuse unha oportunidade de mellorar?

Abrímola nós. Traballamos moito durante os meses posteriores ao confinamento, e sempre de man das asociacións de familias afectadas. Falamos tamén cos patróns da residencia e cos grupos políticos. Deseñamos un acordo para axudar á residencia e aprobouse no pleno por unanimidade. Un mes despois, tombárono. O alcalde non dixo ren. O PP tampouco. Apareceu a Fundación San Rosendo e papou a residencia. Unha residencia, non esquezamos, que foi levantada con cartos do Estado nos anos oitenta e que é produto dunha doazón ao Concello de Celanova e á parroquia. Mais o alcalde desentendeuse diso. Dixo nun pleno: “Vou facer o mesmo que fixeron os meus antecesores”. É dicir: nada.

 

Renuncia o BNG a seguir traballando pola mellora das residencias?

De ningunha maneira. A principios de 2022, o BNG presentou a nivel nacional o seu proxecto para unha política galega de residencias públicas. Melloras nas ratios de persoal, presenza de especialistas, residencias máis pequenas, participación das familias... todo iso foron leccións que aprendemos na pandemia e algunhas, moi claramente, no caso de Celanova. 

BNG Celanova Presentación Lista Municipais 2023 en decembro de 2022. Leopoldo. Xulia. Ernesta. Salón de Arcos (2)
Presentación do primeiro tramo da lista para as municipais en decembro pasado no Salón de Arcos da Casa do Concello de Celanova.

Cando a crise na residencia, nós levantamos a voz alertando dunha emerxencia humanitaria. Levamos a alerta aos medios de comunicación e ao Parlamento galego a través da nosa portavoz nacional, Ana Pontón.

Deseñamos un acordo para axudar á residencia e aprobouse no pleno por unanimidade. Un mes despois, tombárono.

A sanidade foi outro cabalo de batalla?

E seguirá séndoo. Presentaremos as nosas propostas. Pero hai cuestións urxentes que reclamamos cada día, como foi no seu momento o caso da reposición do servizo de radio-diagnose. Xa coñecemos a táctica do PP, van eliminando servizos e se ninguén di nada... Pasamos meses tendo que ir a Ourense facer as radiografías. Levantamos a voz. Reunimos máis de 2.000 sinaturas en toda a comarca. Levamos a demanda aos plenos e conseguimos a reposición. A nós non nos calan, e cada vez a demanda dunha Atención Primaria sólida ten máis forza social. E iso é imparábel. 

 

Houbo máis demandas que o BNG levou da rúa ao salón de plenos.

Cando cambiaron as luminarias, as veciñas da Ermida, da rúa Manuel Lezón e do Areal protestaron. O problema segue aí. Non pode ser que se poña tanto aparato polo Nadal e despois non teñamos luz nas rúas o resto do ano. Tamén protestaron na Urbanización Guadix, que é o exemplo máis evidente de abandono de responsabilidades do PP, primeiro, e do actual goberno hoxe. A xente queixouse dos prezos das piscinas no verán postpandemia. Resulta que subiron o 700% por non saber botar as contas. Advertímolo e tiveron que corrixir. 


Que pasou coa rúa do Cercado?

Coa rúa do Cercado pasou algo curioso. Pedimos que se arranxara e se revisase o tráfico para mellorar a seguridade peonil no traxecto até o Auditorio. Aprobouse nun pleno, pero coma sempre non fixeron nada. Uns meses máis tarde veu o alcalde co asunto das autocaravanas que agochaba unha especulación urbanística de libro. Dixéronlle ás veciñas que a rúa do Cercado non se arranxaba porque o BNG non deixaba facer o aparcadoiro de autocaravanas. As actas dos plenos están aí. Tamén debían estar os directos das sesións plenarias a disposición de toda a veciñanza, mais quedaría retratado o goberno se se expoñen. 

 

No ámbito do patrimonio as denuncias son continuas.

O tema do patrimonio é preocupante. No Nadal do 2021 colgaron luminarias con cables atados ás columnas do Mosteiro. Este pasado Nadal acabamos de ver o que pasou co monumento a Curros, cuberto cunha carpa dunha terraza de bar. Ninguén se desculpou. Aínda estamos esperando que a Fundación Curros diga algo. Non piaron. O alcalde dixo no pleno de xaneiro que el tomou a decisión cun informe da Policía Local. Tampouco se desculpou. A soberbia xúntase coa incultura. Celanova non pode estar nesas mans.

Aínda estamos esperando que a Fundación Curros diga algo sobre o que pasou co monumento a Curros. Non piaron. O alcalde dixo no pleno de xaneiro que el tomou a decisión cun informe da Policía Local. Tampouco se desculpou. A soberbia xúntase coa incultura. Celanova non pode estar nesas mans.

O BNG foi o único que enfrontou a avalancha eólica. Por que?

Enfrontámonos porque o BNG ten unha posición no país de defensa do territorio. E, como se foi facendo evidente nestes dous anos de loita, estamos diante dunha verdadeira invasión por parte de empresas enerxéticas que arrasan co medio, coa paisaxe, co patrimonio, coas augas... para levar a enerxía fóra e deixar impactos tremendos con máquinas de 180 metros. Iso son catro veces e media a torre do mosteiro. 

Ernesta Seoane Responsábel Comarcal Celanova e Leopoldo Rodríguez candidato á Alcaldía de Celanova
Ernesta Seoane, a responsábel comarcal, e Leopoldo Rodríguez candidato á Alcaldía.

E cal é o balance destes dous anos? Porque a ameaza segue aí.

Conseguimos que a compañía BayWa, unha empresa alemá que, por certo, tería prohibido instalar estas máquinas no seu país, tivese que refacer o proxecto inicial e retirar os aeroxeradores máis próximos ao Monte da Neve. Conseguimos que a veciñanza se sensibilizase sobre os riscos deste tipo de instalacións e mirase máis alá do Monte da Neve, porque estamos diante dun macro-polígono que vén desde Bande e podería meter aí 64 aeroxeradores, máis unha liña de alta tensión que iría até o Miño por riba de ducias de aldeas dos concellos veciños.

Conseguimos que a veciñanza se sensibilizase sobre os riscos deste tipo de instalacións e mirase máis alá do Monte da Neve, porque estamos diante dun macro-polígono que vén desde Bande e podería meter aí 64 aeroxeradores.

Quen está decidindo este modelo e para que?

Evidentemente, quen deciden son as empresas e co único interese do seu lucro privado. Pero tamén se fixo evidente que non se poden poñer aeroxeradores en calquera sitio nin Galiza precisa desta enxurrada que pretenden impoñer. O BNG en Celanova, na comarca e en todo o país está advertindo contra isto. E Néstor Rego teno expresado contundentemente no Congreso e Ana Pontón no Parlamento galego. O BNG de Celanova ten clara a prioridade da defensa do territorio fronte ao interese de empresas como Greenalia, Ibedrola ou Bay Wa. Se alguén pensa que empresas como Iberdrola ou Greenalia van traer desenvolvemento e vida ao rural, equivócase.

O BNG de Celanova ten clara a prioridade da defensa do territorio fronte ao interese de empresas como Greenalia, Ibedrola ou Bay Wa.

Alguén pensa que a alternativa ao rural vai vir de empresas como Iberdrola ou Greenalia?

Hai alternativas no rural aos eólicos?

É que os eólicos non son alternativa ningunha. Quen diga iso non coñece a historia deste país e non entende que cos encoros pasou o mesmo. Acaban de publicar unha estatística clara: a poboación dos 10 concellos con máis eólicos caeu de media o 41% desde 1995. Insisto: alguén pensa que a alternativa ao rural vai vir de empresas como Iberdrola ou Greenalia? Alguén pensa a estas alturas que os encoros de Fenosa trouxeron algunha alternativa ao rural?

 

De onde virá, pois?

Do único sitio que pode vir, de nós mesmos, do que sexamos capaces de imaxinar e construír. Celanova debe entender o contexto económico, social e climático no que nos atopamos, e construír con visión estratéxica a partir das nosas fortalezas, que as temos. É un traballo enorme, mais é condición de viabilidade: entender onde estamos e decidir nós o noso camiño.

Celanova debe entender contexto económico, social e climático no que nos atopamos, e construír con visión estratéxica a partir das nosas fortalezas, que as temos. É un traballo enorme, mais é condición de viabilidade.

"É imprescindíbel dotarnos dun Plan de Ordenación Urbana, é a base de calquera política"