Ligazón e modelos de alegacións ao documento inicial do polígono eólico na Casa da Neve
O BNG de Celanova presenta un modelo resumido de alegacións ao proxecto para instalar 7 aeroxeneradores de máis de 100 metros de altura na área do Monte da Neve, con afeccións a valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos.
LIGAZÓN A GOOGLE DRIVE do documento de inicio, con data de xuño de 2020, presentado pola empresa promotora en febreiro de 2021
https://drive.google.com/drive/u/0/folders/1PQuV0aR7FPW136KHcdLF-50HX9dPpj6c
...
Calquera cidadán pode realizar alegacións ao documento inicial deste proxecto por vía telemática na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/formulario-de-participacion-da-avaliacion-ambiental-de-proxectos?cp=2021%2F0036&desc=Parque+e%C3%B3lico+Monte+da+Neve
Este é o texto resumido (pola limitación a 3.500 caracteres no mecanismo telemático) das alegacións que o BNG de Celanova rexistrará hoxe no Concello de Celanova.
«Á vista do expediente, realizo as seguintes ALEGACIÓNS:
As obras proxectadas ocasionarían negativos efectos sobre o ecosistema do monte e da paisaxe. Eses efectos impedirán ou dificultarán alternativas de desenvolvemento, en especial, actividades ligadas o patrimonio. A Xunta debe atender os obxectivos de calidade definidos no Convenio Europeo da Paisaxe, que se entenden como “a formulación das aspiracións das poboacións no que atinxe ás características paisaxísticas da súa contorna”.
1 Fragmentación do proxecto
O documento presenta a avaliación un proxecto sen os seguintes informes: estudos de impacto ambiental, sobre o patrimonio, de integración paisaxística, de ruido, memoria de impacto arqueolóxico, plan de vixilancia de aves e quirópteros, e proxectos de liñas de evacuación e de subestación de medida ao final da liña. Impide a avaliación ambiental do proxecto global e deturpa a finalidade da consulta pública, dereito recollido no Convenio de Aarhus e na Lei 27/2006.
2 Impacto na paisaxe
Propónse un polígono de 7 máquinas de 102 metros de altura e palas de 72,5 metros, instalados sobre cotas por riba dos 800 metros. Varios aeroxeneradores serán visíbeis desde practicamente calquera punto da vila e nun radio de case 20 quilómetros. A área onde se promove a infraestrutura está catalogada entre as zonas de exposición visual no Catálogo das Paisaxes de Galiza, e fica próxima a outras de especial interese paisaxístico: Castromao (a 3 quilómetros) e Penagache (6,6). O impacto visual incumpre as Directrices da Paisaxe Galega, en particular os Obxectivos da Paisaxe (punto 12) e a Directriz 16.
3 Impacto no patrimonio
Celanova reúne nove BIC. Entre eles, a capela mozárabe de San Miguel, o Mosteiro de San Salvador, a fortaleza medieval de Vilanova dos Infantes e Castromao. Na área de execución do proxecto hay catalogado un conxunto de mámoas. Diferentes fontes apuntan a posibilidade de que existan na poligonal ou moi próximos ela bens susceptíbeis de protección: o castro de Cañón, un tramo de vía romana, a explotación mineira romana de Fontechide, a Casa da Neve e restos altomedievais dunha capela, unha fortificación e dous poboados en O Santo, Soutomanco e Cachiquimbra.
4 Impactos ambientais
O documento asume afeccións directas á Corga de Sampil, a un afluínte do Outeiro de Cañón e outro do Rego de Albeal, con infraestruturas na zona de policía de conca a menos de 100 metros dos cursos fluviais. Recoñece afeccións “sobre varias manchas de hábitats catalogados”, con presenza de uceiras secas europeas, uceiras oromediterráneos endémicos con aliaga, e rochedos silíceos con vexetación pioneira. Asume impactos sobre 2 especies en perigo de extinción (Aquila chrysaetos e Chalcides bedriagai) e sobre outras 16 catalogadas como vulnerábeis. E advirte de impactos negativos: destrución de solos, flora e hábitats, perda da calidade das augas e biodiversidade, aumento da erosión e desprazamentos de especies. As obras e a operativa do polígono non semellan compatíbeis coa conservación do medio, da fauna e da vexetación. E vulneran a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, que inclúe no seu catálogo as uceiras e rochedos indicados antes (códigos 4030, 4090 e 8230).
En virtude do anterior,
SOLICITO:
O rexeitamento do proxecto eólico Monte da Neve e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto. »
A asociación ecoloxista PETÓN DO LOBO foi a primeira en ofrecer á veciñanza un modelo [máis amplo dos 3.500 caracteres] para alegar. Pode descargarse aquí:
https://valfluvialdolouridocorcoesto.com/2021/02/19/conece-o-proxecto-eolico-monte-da-neve-en-celanova-e-verea-descarga-o-modelo-de-alegacion-e-participa/