Tres meses sen auga potábel na Merca provocan a queixa do BNG á Valedora do Pobo
Por terceiro verán consecutivo ás veciñas e veciños de todas as parroquias do concello da Merca quedaron sen subministro de auga potábel nas casas. Desta volta, as restricións para o consumo humano comezaron o 27 de maio. Case tres meses despois, o alcalde (PP) non ofrece solucións.
“Este goberno é incapaz de arranxar o problema. A alternativa que deu á veciñanza e ir recoller, unha vez á semana, garrafas de auga ás dependencias municipais”, di Teresa Garrido, portavoz do BNG na corporación municipal.
O alcalde recoñeceu nunha recente entrevista radiofónica que o vaso de decantación -presentado hai un ano como a solución e no que se investiron máis de cen mil euros, “cen mil euros e pico”, dixo sen precisar a cifra- non serviu para situar os niveis de contaminación da auga con trihalometanos por baixo do límite establecido, e fiou a solución o proceso de cloración da auga que veñen de iniciar técnicos da empresa concesionaria -con subvención de Deputación-.
As nacionalistas lembran que A Merca é o concello da conca do Arnoia que sofre os maiores problemas de potabilidade e que estes son continuos cada verán. Porén, o alcalde desculpa a incompetencia da súa xestión sinalando que o problema está no río e nos “altos niveis de fecais e vertidos” sen que se coñeza ningunha acción do goberno municipal para denunciar esta circunstancia e reclamar a intervención da Xunta de Galiza e dos organismos competentes na conca.
Na queixa diante da Valedora do Pobo, rexistrada este mes, as nacionalistas esixen, como medidas urxentes, entre outras, a revisión e reparación da rede de abastecemento e dos depósitos de distribución de auga. O BNG alerta sobre “o estado de abandono dos tres depósitos que subministran a auga”, en especial, do situado no Alto da Manchica, onde advirten que se realizou un tratamento con herbicida para eliminar a maleza, o que incrementa o risco de contaminar as augas.
Ademais, as nacionalistas solicitan que se proceda a un reparto periódico de garrafas de auga polas parroquias, que se analicen as augas das fontes públicas e dos pozos de particulares que o demanden -dado que moitas veciñas e veciños están utilizando esas augas para cubrir a falta de servizo municipal- e que se revisen todas as fosas sépticas para que os vertidos aos regatos cumpran a normativa.
E, finalmente, piden que o Concello da Merca reduza a contía do recibo da auga porque o servizo non se está a prestar.
A presentación da queixa diante da Valedora do Pobo enmarcase na campaña de concienciación da poboación e reivindicación dun servizo público esencial que o BNG iniciou xa o ano pasado e que, ademais da presentación de diferentes mocións no pleno, inclúe o reparto de boletíns informativos, o último esta mesma semana [ver PDF no anexo]. Os 400 exemplares chegarán ás casas a través do correo ordinario.