COMUNICADO
As militantes do BNG critican a política de Igualdade de Celanova por inconstante e trivial
As militantes do BNG de Celanova alertamos do fracaso da política de Igualdade do Concello de Celanova, que leva tres anos perdidos no traballo de mellorar a condición das mulleres no noso ámbito municipal.
O fracaso concrétase nunha acción institucional limitada, inconstante e trivial. A acción ten resultado trivial porque non se aprecia incidencia social ningunha da acción municipal.
A concelleira Teresa Barxe (PSOE) ten o seu dispor recursos materiais mais carece da empatía, da intelixencia e da capacidade de traballo para aplicalos en intervencións que muden a condición das mulleres no noso ámbito.
A acción institucional é limitada porque exclúe deliberadamente a participación dos colectivos feministas e das asociacións de mulleres, xa que foi decisión da concelleira Teresa Barge negar, hai tres anos, a creación dun consello municipal de Igualdade -que propuxemos as nacionalistas- e reducir toda a aposta institucional á Mesa contra a violencia de xénero da Mancomunidade, que tampouco funciona de xeito continuado.
Nese órgano, a Mesa contra a violencia de xénero, non ten participación ningún colectivo feminista nin ningunha asociación de mulleres que teñamos constancia.
Do funcionamento dese órgano tampouco hai demasiada información. Só a través da prensa. En outubro de 2020 soubemos da intención de reactivala (xa que estaba “inactiva desde a súa creación a finais de 2016”, La Región 13.10.2020). Da súa reactivación non se volveu dar noticia até o verán de 2021.
Mentres a Mesa segue nese longo proceso de reactivación sen resultado ningún, a política de Igualdade do Concello de Celanova está en “modo pausa”.
A acción institucional non só é limitada e trivial, senón tamén inconstante e por veces incongruente. O que hai son intervencións simbólicas de baixa intensidade política, como agasallar paraugas ou repartir panos, ou a colocación de bandeiras ou iluminación lila en días sinalados. Volveremos a asistir, ao fío do 25N, ese tipo de expresións e repetición do catálogo nestas próximas semanas.
A acción institucional é incongruente cando, por exemplo, se coloca no medio da praza un punto de atención psicolóxica a vítimas... A concelleira parece non entender ben o concepto “visibilidade”.
Onde está a información á xente moza? Un dos segmentos de idade no que é máis urxente e efectiva a intervención social contra as actitudes machistas e a violencia de xénero.
Onde están as campañas de concienciación serias, informadas e continuadas sobre colectivos concretos e sensíbeis?
Onde está a política de información precisa e actualizada, coas cifras que debuxen o mapa da situación real no noso ámbito?
Cal é a memoria de actividade do CIM, o Centro de Información á Muller, que é todo o recurso público co que se conta nestes nosos concellos por decisión expresa de Teresa Barge?
Son suficientes os recursos dese único recurso: o CIM? Que impactos está tendo no cambio social? Está sometido a algún tipo de avaliación para saber se son ou non son efectivas as súas intervencións?
Cantas mulleres foron vítimas de violencia de xénero no Concello de Celanova nestes tres anos que vostede leva sen mover un dedo pola coordinación institucional e social esperando a que se reactive esa Mesa na Mancomunidade?
Cantas foron atendidas desde o público e como? Cantos recursos destinou o seu departamento a propaganda e cantas á atención directa?
Desde o BNG, as nacionalistas, aledámonos que haxa un departamento de Igualdade no Concello de Celanova e que a concelleira ao cargo perciba unha remuneración. O que non vemos por ningures son os resultados.
Celanova, 16 de novembro de 2021