CHARLA INFORMATIVA

Noa Presas afirma en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear proxectos eólicos

Charla informativa este sábado en Celanova sobre a invasión eólica
Charla informativa este sábado en Celanova sobre a invasión eólica.
Noa Presas afirma en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear proxectos eólicos

A deputada e responsábel de enerxía do BNG, Noa Presas, dixo este sábado en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear os proxectos eólicos máis nocivos no contexto do que cualificou como "novo espolio". Presas participou nunha xornada informativa aberta a veciñanza sobre os plans da empresa alemá Bay Wa de construír unha central eólica na contorna da Casa da Neve, entre Celanova e Verea, que ameaza con graves impactos paisaxísticos, patrimoniais, ambientais e para a saúde das persoas. 

 

Noa Presas explicou que esta "aceleración de proxectos eólicos que vimos sufrindo desde 2019 obedece a dúas razóns: que Galiza é un país cuns enormes recursos eólicos enormes, moi apetecíbeis para as empresas, e que aquí goberna o PP, que favorece os intereses das grandes corporacións, polo que aínda se fai máis apetecíbel".

Bernardo Varela, Dores García e Noa Presas, durante a charla deste sábado en CelanovaVarela, García Duarte e Presas, durante a conferencia no Salón de Arcos da Casa do Concello.

A deputada fixo un resumo de como a través das leis aprobadas pola maioría do PP no Parlamento se foi abrindo o camiño ese "novo espolio" que pretende triplicar a potencia eólica instalada no país, "sen que haxa planificación ningunha desde a Xunta para termos unha participación pública na xestión e nos beneficios". 

 

Tamén interviu na xornada o portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, que cuantificou a ameaza en 275 proxectos de novos polígonos eólicos en tramitación e advertiu a respecto de dous mantras do discurso empresarial. "Nin os aeroxeradores traen emprego nin contribúen a fixar poboación. Se, como din, trouxesen riqueza, non os porían na Galiza, poríanos en Madrid. E sabedes cantos aeroxeradores hai instalados en Madrid? Ningún".

 

Desde o BNG Celanova, Dores García Duarte, informou de que o BNG da localidade e a asemblea comarcal se adhiren ás alegacións contra o P.E. Monte da Neve elaboradas pola plataforma veciñal Stop Eólicos Celanova. Así, Ernesta Seoane, responsábel comarcal, e Leopoldo Rodríguez, portavoz municipal, ademais da deputada Noa Presas en nome do BNG, asinaron as alegacións que serán rexistradas este luns no Concello.

Charla informativa este sábado en Celanova sobre a invasión eólica (4)Unhas trinta persoas, veciñas de Celanova e da comarca, asistiron á charla informativa.

García Duarte lembrou que desde xaneiro do ano pasado o BNG vén avisando de que o proxecto de central eólica na contorna da Casa da Neve é unha parte dun plan empresarial de maiores dimensións. Sinalou que o proxecto en tramitación xa desvela que a intención das multinacionais “é crear unha macro-infraestrutura entre os montes de Calvos de Randín, na Limia, e a estación da Frieira no límite con Pontevedra”, e xa se perfila unha liña de alta tensión que dea servizo a dous polígonos en Calvos, o proxectado por Greenalia en Bande, o de Bay Wa entre Celanova e Verea “e os que veñan nesas mesmas áreas de aproveitamento eólico ou noutras próximas, ademais da re-potenciación máis que probábel do polígono do Vieiro, con muíños cada vez máis altos”.

 

O BNG de Celanova, subliñou Dores García, levará ao pleno deste próximo mércores en Celanova unha proposta para que o Concello de Celanova se pronuncie a favor dunha moratoria eólica. Unha proposta que, como lembrou Bernardo Varela, aceptou o PP na Deputación Provincial. Leopoldo Rodríguez, que en xaneiro do ano pasado sacou á luz pública o proxecto eólico que afectaba Celanova, agochado até ese momento polo goberno local, será o encargado de presentar a iniciativa nacionalista.

Noa Presas afirma en Celanova que a presión social é a ferramenta para frear proxectos eólicos