Once precisións sobre o discurso do Alcalde, que negou a réplica ao BNG no pleno de xuño
Despois dun discurso de 23 minutos de auto-eloxio da súa xestión no asunto do brote de covid na Residencia de maiores, vertendo unha morea de imprecisións e mentiras sobre o papel do BNG, e malia que en todo momento se dirixiu o noso voceiro na corporación, o Alcalde negoulle a réplica e fechou así o pleno do 25 de xuño.
Aquí vai a nosa resposta:
1. O Alcalde considera “insultante” a valoración política do BNG sobre a actuación do Alcalde durante o brote de covid. Non hai ánimo ningún de insultar a ninguén, esa valoración simplemente avalía os feitos. O alcalde desapareceu da esfera pública a partir da primeira semana do brote. Nin daquela nin agora, neste primeiro pleno despois do brote, criticou ou sinalou aos responsábeis do abandono (en opinión do BNG e das familias, as consellerías de Política Social e de Sanidade) nin demandou publicamente intervencións urxentes (non tivo discurso público sobre que facer naquel momento) nin esixiu responsabilidades políticas. As súas xestións “privadas” coñéceas el, e os feitos indican que, de habelas, non produciron efecto algún.
2. O Alcalde dirixiuse no pleno ao portavoz nacionalista, Leopoldo Rodríguez, para reprocharlle que “non tivo a decencia de facer unha chamada telefónica nin de propoñer ningunha medida”. As dúas acusacións son falsas.
O portavoz nacionalista estivo en contacto co Alcalde desde o día 23 e até o mesmo domingo día 29 de marzo, cando lle solicitou que convocase el mesmo a comisión de Sanidade sen que tivese que pedila publicamente o BNG. Os nacionalistas intentaron achegarse ao grupo de goberno non só a través do portavoz municipal, outros membros do BNG mantiveron contacto diario cun dos concelleiros de CD entre o día 23 e o 29 de marzo. Rexeitaron calquera axuda.
En canto ás propostas, só citaremos as intervencións públicas do BNG os días 23 e 24 de marzo, luns e martes, no inicio do brote.
O luns 23, a portavoz nacional, Ana Pontón, cita Celanova ao falar das medidas previstas nas achegas do BNG para o Estado de alarma.
Esa mesma tarde, a deputada Noa Presas, emite un comunicado no que reclama que se garanta "de forma urxente, persoal que compense a falta de profesionais e evite un colapso asistencial no centro". E pide "dotar de forma urxente de material de protección (EPI’s) suficiente" e, tamén de forma urxente, que se habilite "un recurso habitacional para poder illar pacientes se é necesario".
Ao día seguinte, a portavoz nacional, Ana Pontón, volveu referirse ao caso de Celanova e insta á Xunta iniciar un plan de choque “específico” para as residencias de maiores con probas masivas e material de protección para persoal e usuarias.
Pola tarde, o BNG de Celanova emite un comunicado no que o seu portavoz municipal, Leopoldo Rodríguez, reclama máis axilidade por parte das consellerías de Política Social e de Sanidade na solución da crise vivida na Residencia San Carlos, e pide que se dea ás familias de residentes e traballadoras e a veciñanza en xeral "toda a información sobre as medidas que se han tomar no sucesivo tanto nos coidados aos maiores afectados como na xestión do foco de contaxio e da seguridade do resto de residentes e traballadoras”.
O mesmo martes 24, no Congreso, o deputado nacionalista Néstor Rego critica a posición que está a tomar Núñez Feixoo ao non asumir as súas responsabilidades como presidente da Xunta e “en escudarse en quen ten que tomar decisión é o Goberno central porque a prioridade neste momento é o de salvar vidas, por tanto é unha obriga actuar para logralo, especialmente por parte de quen ten a responsabilidade de gobernar”.
É dicir, nos dous primeiros días do brote, o BNG levou o asunto ao Parlamento español, ao Parlamento galego, e trasladou solucións diante da opinión pública ourensá e de Celanova. Falou a portavoz nacional, o deputado en Cortes, a deputada por Ourense e o portavoz en Celanova.
3. Dixo o Alcalde nese pleno que a moción presentada polo BNG sobre a Residencia era “para solicitar pouco menos que declaracións institucionais e solicitar a toro pasado información do que pasou”.
Non entendemos o reproche. A moción do BNG no primeiro pleno celebrado desde o Estado de alarma, catro meses despois de iniciado o brote, foi a única que se presentou (se non o pide o BNG, non se fala do asunto) e o mínimo que podía exixirse da institución municipal era unha declaración de apoio ás familias, como finalmente se acordou.
Parece lóxico solicitar información do que pasou, é parte da obriga dos grupos da oposición, parte da acción política. Non entendemos este reproche do Alcalde. Non ten sentido a queixa, mais si evidencia que o goberno municipal non se preocupou de dala durante a crise, tal e como llo solicitamos (tamén só desde o BNG).
4. Dixo o Alcalde que “o sábado día 21 de marzo, pola noite, fixéronse chamadas, e non directamente ao Concello nin ao Alcalde, responsábeis políticos eles, afirmando que ao día seguinte o SERGAS e Política Social ían solucionar a situación”.
Nada dixo o Alcalde, nin antes nin agora, de quen foron eses “responsábeis políticos” que dixeron unha cousa e non fixeron ren. Son precisamente afirmacións como esas as que revelan a falta de compromiso ou valentía política do Alcalde con Celanova e foron eses silencios os que criticou o BNG. O Alcalde nunca se puxo á fronte da solución da crise nin antes nin agora.
5. Dixo o Alcalde que a solución que lle deu á directora da Residencia o departamento de Política Social foi “que se puxese en contacto con empresas de traballo temporal para ver se podían contratar persoal”.
Non lle debeu parecer naquela altura, a fin de semana que se produciu o brote, ningunha falta de responsabilidade por parte da consellería, porque nada dixo nin de nada se queixou o Alcalde. Agora, “a touro pasado”, tampouco fai nada diante de semellante escándalo político: a consellería encargada do control das residencias derivando a ETTs a contratación de persoal nunha situación de emerxencia.
Engadiu o Alcalde que el e a dirección da Residencia foron informados o domingo día 22 de que “se estaba xestionando persoalmente a situación polo Vicepresidente [Rueda] e pola conselleira de Política Social”. Non houbo antes nin no pleno reproche ningún do Alcalde cara eses cargos institucionais. Constatamos máis unha vez que o Alcalde carece de compromiso e valentía política.
6. Dixo o Alcalde que “a problemática era quen ía asumir a xestión da Residencia (…) toda a tarde do domingo día 22 (…) pasábanse a pelota unhas administracións a outras”, e puntualizou que non estaba “nin a defender a xestión do PSOE [o Goberno central] nin do PP [a Xunta]”. Despois dixo que “entendo, son apreciacións miñas, que a competencia sempre estivo en mans da Xunta de Galicia”, e concluíu afirmando que “o que se nos dixo é que quen ía asumir a xestión das residencias era a UME”.
O relato confuso seguramente é froito da confusión do momento naquel domingo 22. Parece que o Alcalde non lle quedou claro de quen era a responsabilidade (“son apreciacións miñas”, non valora xestións…).
Ás dez e media da noite daquel domingo, continuou o Alcalde, Política Social informou o Concello de Celanova de que sería a UME (dependente do Goberno central) quen se faría cargo da situación. E sen saber cal era o rol que adoitou a UME na crise, a Alcaldía emitiu un bando no que ademais de saudar a chegada da UME, aseguraba que a “atención e coidados [das residentes] están plenamente garantidos e cubertos durante a noite polo persoal do centro”. Ao día seguinte as traballadoras da quenda de mañá saíron á porta da Residencia para dicir que estaban soas, non tiñan medios humanos nin materiais para atender a emerxencia. Mentres, a UME desinfectaba o centro nun par de horas e marchaba.
Non houbo crítica daquela desde a Alcaldía, só silencio e conformismo, ao abandono do centro de maiores (e a desprotección da vila) por parte das Administración Públicas.
A seguinte vez que apareceu a UME, o Alcalde agasallou os militares cunhas empanadas.
7. Dixo o Alcalde que desde o luns 23 “e durante toda a semana seguinte” o Concello “xestionou” o traballo de voluntarias para botar unha man na Residencia como “a contratación de persoal”.
O resultado desa xestión municipal non debeu ser moi eficiente, porque a dirección da Residencia pediu a familiares de usuarias que organizasen elas as voluntarias. As familias crearon un grupo de 27 voluntarias e, cando llas ofreceron o Concello, a resposta (por parte dun concelleiro de CD) foi que avisarían se as precisaban. Nunca avisaron.
A respecto da contratación do persoal, a xestión municipal consistiu, en palabras do Alcalde, en “pasarlle a dirección da Residencia listas de persoas dispostas a traballar como voluntarias ou ben para ser contratados”. Enténdese porque o Alcalde non podía criticar a deserción de Política Social. El estáballe a ofrecer a mesma solución: toma unha listaxe e contrata ti.
A continuación, no pleno, o Alcalde asegurou que “o domingo 22 ou o luns 23, a dirección tiña contratadas 6 persoas, se non me falla a memoria…” Falloulle, porque aquel luns o cadro de persoal quedou reducido a 8 traballadoras. Tres colleron a baixa ese día. No peor momento da crise había só 5 traballadoras na Residencia, e a directora (xa de baixa na casa por covid) era a única persoa que se estaba encargando de buscar persoal. A axuda das administración foi “pasarlle” unhas listas.
8. Dixo o Alcalde que “grazas as xestións” municipais, o luns 23, despois de que a UME marchara, veu un equipo do HADO facer máis probas.
Descoñecemos cales foron as xestións do Alcalde, mais é razoábel pensar que diante do que estaba a acontecer (daquela Celanova rexistraba o maior brote da Galiza e a primeira persoa falecida oficialmente por covid en Ourense fora unha residente na San Carlos) o SERGAS activase os seus propios protocolos… sen esperar ás xestións en cuestións sanitarias dun alcalde.
En xeral, supoñemos que dada a confusión daqueles días, o relato do Alcalde no pleno do 25 de xuño foi caótico e moi condescendente e inexplicabelmente auto-eloxioso.
O Alcalde sostivo, por exemplo, que a solución do centro intermedio que acollería residentes infectados suxeriuna el entre o domingo 22 e o luns 23 cando puxo a dispor das autoridades o albergue municipal. Felicitouse o Alcalde de que eses centros (“eu chamáballe centralizados naquel momento”) fosen pioneiros en España e que Política Social tivese “concordado” co que “lles pareceu unha gran idea”.
Probabelmente o Alcalde descoñece que a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría estableceu semana anterior unhas recomendacións que falaban deses centros e que o propio presidente da Xunta anunciou o venres anterior que se estaba a traballar para poñer en marcha eses centros.
Non sabemos porque se empeña o Alcalde en atribuírse méritos onde non pode habelos. Sostén, por exemplo, que a decisión do SERGAS de que as traballadoras afectadas por covid non se incorporasen a partir do luns 13 de abril sen pasar un segundo test foi provocada por unha xestión del o día anterior, o domingo día 12. Parece improbábel que o SERGAS tome unha decisión sanitaria atendendo a chamada dun rexedor… Mais o que pasou o domingo 12 é que o BNG advertiu que o protocolo do SERGAS (que eliminaba o segundo test trala corentena) poñía en risco a residentes e traballadoras. O BNG non pediu o SERGAS que incumprise o protocolo. O protocolo saltou polos aires porque unha das traballadoras deu positivo nun test que non se eliminara. E o luns día 13 o Ministerio de Sanidade reaccionou cambiando o protocolo, e o SERGAS, retirando as altas que esa mesma mañá se concederan a traballadoras da San Carlos.
Foi un golpe de sorte, non ningunha “xestión” do Alcalde, o que evitou incrementar o risco. Sucede que o Alcalde tivo a necesidade de re-escribir a historia nun bando do 17 de abril no que asegurou que tiña “intensificado” as xestións “desenroladas diariamente” coa Área Sanitaria de Ourense “dende o domingo pasado, inclusive” para colgarse a posteriori unha medalla. Parece que o Alcalde, que non entendía quen tiña a responsabilidade sobre as residencias, tampouco entendeu quen ten que facer que. E o traballo do SERGAS, correspóndelle o SERGAS.
9. Dixo o Alcalde que “durante toda esa semana [do luns 23 ao venres 27] non nos dedicamos a outra cousa que a pelexar, en corpo e alma, por conseguir os resultados dos test que se lle fixeran aos residentes”.
Os test fainos o SERGAS e os resultados –daquela as PCR podían demorarse dous días pola presión á que estaban sometidos os laboratorios¬– obtenos e fainos públicos o SERGAS. Ningunha “xestión” municipal, aínda que sexa “en corpo e alma”, pode axudar en nada o procedemento. Mais o Alcalde, pasados 15 minutos xa de discurso, seguía empeñado no pleno de xuño en exhibir algún mérito que compensase o seu absoluto silencio público a partir do martes 23 de marzo, cando a Xunta xa tomara a decisión de trasladar os infectados e non intervir a San Carlos. Unha semana despois, a Xunta estaba intervindo en Vigo e Cangas, e despois no Barco, mais o Alcalde de Celanova continuou caladiño.
10. No seu relato, o Alcalde sostivo a respecto da decisión de non trasladar a 8 contaxiados, “que terán que responder dela quen a tomou”, pero non “é responsabilidade do Alcalde decidir se foi acertada ou equivocada”.
É dicir, o Alcalde recoñécese politicamente nulo. Despois de colgarse medallas sobre decisións estritamente sanitarias, agocha a cabeza sobre unha cuestión relevante: a decisión política de, incumprindo as propias recomendacións dos expertos que avalaron a solución dos traslados, non intervir (medicalizar) a San Carlos, onde ficaron covids sen atención médica directa e non infectados convivindo con covids.
O Alcalde non protestou daquela nin o fai agora nin é probábel que o faga nunca.
11. Porque o Alcalde segue sen entender a crise, nin o papel que non xogou nin sequera o papel que xogan outros actores. Seguirá agochando a cabeza.
Cando falou da circunstancia que durante unha semana (unha semana!) as familiares dos trasladados a Baños de Molgas non recibiron información ningunha sobre os seus maiores, só dixo: “fixemos xestións de todo tipo, levámoslles radios e cargadores de teléfonos (…) persoalmente fun a falar co director do centro de Baños de Molgas, durante 3 horas, e garantiume que estaban en boas condicións. Pero non foi decisión nin deles nin nosa o traslado.”
O director foi cesado semanas despois e o centro, sobre o que había e hai dúbidas que reunise as condicións mínimas para atender os maiores, non durou un mes.
Aquela “gran idea” que se atribuíu o Alcalde, resultou ao fin un fracaso.
A reunión coas familiares
Finalmente o Alcalde asegurou que a reunión que lles concedeu ás familiares de vítimas non foi unha iniciativa que impulsou o BNG. Foino. Por lealdade institucional, a mesma que o BNG mostrou a semana do 23 ao 29, a mesma que nos levou a pedir que o Concello convocase a comisión de Sanidade o día 30 de marzo e non tivese que ser o BNG quen a pedira. Tivemos que a pedir. Igual que reclamamos insistentemente o pleno e presentamos iniciativas a primeira semana de maio e o Alcalde non convocou pleno até 50 días despois…
A reunión coas familias foi o único acordo que o BNG conseguiu que aceptaran os grupos nunha xunta de portavoces que o propio Alcalde se apresurou a cualificar de informal e non executiva. Foi o 30 de abril, cando levabamos mes e medio denunciando o abandono da San Carlos, xunto a algunhas familias. Sos as familias que se atreveron a facer denuncia pública e o BNG que as acompañou e seguirá acompañando.
Iso son feitos. O do Alcalde, un relato confuso e edulcorado para dicir que fixo algo mentres calaba e miraba para outro lado ou agochaba a cabeza.