PLENO EXTRAORDINARIO DO 26 DE XUÑO DE 2020
O pleno acorda que a Oficina específica sobre as axudas se cre antes de agosto
A corporación municipal de Celanova acordou onte instar ao goberno municipal a que poña en marcha unha Oficina de orientación que “informe e asesore ás familias, aos autónomos, ás traballadoras e traballadores sobre as axudas dispoñíbeis e os oriente na tramitación” e o faga no prazo dun mes, segundo a moción presentada polo BNG e que contou cos votos favorábeis do grupo popular, pero non dos grupos que conforman a coalición de goberno.
O concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez, explicou que a iniciativa do BNG está pensada para facilitar o acceso á veciñanza ao coñecemento inmediato de todas as axudas económicas que as diferentes Administracións do Estado están concedendo. Rodríguez pediu que se cree unha oficina con persoal específico para esa tarefa, que ademais de informar poida botar unha man na tramitación das axudas.
Para xustificar a súa negativa, o alcalde indicou que o Concello non pode incorrer en gastos de persoal, que o Concello e a Mancomunidade dispoñen dunha orientadora laboral e dun axente de desenvolvemento local que estarían ocupando parte do seu tempo nesta función, e que a Deputación ten habilitado un mecanismo de consulta co Colexio de Economistas.
Diante de tanta dispersión, o concelleiro nacionalista subliñou que sería bo concentrar todo ese labor e considerou que ademais melloraría a deficiente comunicación das axudas que se fai na actualidade, e que se limita a reproducir as publicacións do BOE ou do DOGA nas redes do Concello. “Algo que xa sabemos que non ten moita utilidade porque interpretar as disposicións que se publican require tempo e certo coñecemento experto”, engadiu Rodríguez.
A concelleira socialista, socia de goberno do alcalde, xustificou a negativa a crear a Oficina de orientación específica dicindo que “sería quitar negocio ás asesorías que hai na vila”.
O goberno municipal, segundo o acordo plenario alcanzado por maioría, dispón agora dun mes para poñer en marcha esa Oficina de orientación, que debería converterse na principal ferramenta da administración local para difundir e coordinar os cuantiosos recursos que está achegando o Estado para combater os efectos da crise.
Outros acordos a proposta do BNG: rebaixa do IBI e axuda aos autónomos
Tamén saíron adiante, malia os votos en contra do grupo de goberno, as propostas do BNG para que o goberno municipal acorde “unha rebaixa do IBI para os próximos dous anos” até o límite que permite a lei, é dicir, até 0,4%; e que dispoña un fondo de axudas destinado aos autónomos “para o pago de alugueiros, cotas e outros gastos derivados da necesaria adaptación da actividade ás novas circunstancias, elaborando un regulamento para a concesión destas axudas”. O portavoz de Celanova Decide xustificou a negativa do seu grupo a instar á creación deste fondo dicindo que os concellos non poden conceder “axudas directas”, obviando (ou descoñecendo) as diferentes fórmulas que se están a empregar noutras municipalidades para rescatar ao pequeno comercio.
Rexeitar a 'lei Montoro', estudar rebaixas de taxas e cancelar as festas
De xeito unánime a corporación apoiou o resto de propostas do BNG. Mesmo o PP votou a favor de esixir a derrogación da chamada lei Montoro, que limita a capacidade de gasto dos concellos. É a primeira vez que o grupo popular se manifesta en contra desta norma que impuxo o goberno de Mariano Rajoy no ano 2012 e que continúa vixente.
Tamén o PP, e con reparos o grupo de goberno, votaron a favor de estudar fórmulas para a redución ou supresión temporal de taxas municipais (lixo, auga, imposto de circulación e outras) que están dentro das competencias recadatorias dos concellos.
O BNG tamén conseguiu que o pleno apoiara de forma unánime a iniciativa para que se destinen gastos de eventos que non se han poder celebrar a gasto social. O concelleiro nacionalista, Leopoldo Rodríguez, pediu que se suspendan as festas deste verán, e explicou a súa petición en base a dous motivos: “razóns de saúde pública, que de novo están a xerar alarma estes días; e razóns económicas, que aconsellan asignar o gasto onde é máis necesario”.
O BNG esixirá do goberno municipal que respecte os prazos establecidos, no caso da Oficina de orientación, e nos prazos precisos para garantir a eficacia das mesmas, e cumpra estes acordos en tempo e forma. E que, do mesmo modo, respecte e cumpra o resto de acordos alcanzados sobre as propostas do BNG en materia de promoción económica (revitalización da praza de abastos, das feiras dos xoves, recuperación do feirón do 29), en especial, a elaboración urxente dos orzamentos para este ano, asunto sobre o que non despexou dúbidas o portavoz do grupo de goberno; así como que se teña en conta a moción xa aprobada en xaneiro (tamén daquela por unanimidade) para “abrir un amplo debate social sobre os usos do espazo público na vila”, especialmente sobre a futura peonalización de rúas, despois da “chapuza”, tal e como a cualificou Leopoldo Rodríguez, da peonalización durante a desescalada.