O pleno de Celanova asume todas as propostas do BNG para a reactivación do comercio local
O BNG impulsa a creación dun banco de locais para alugueiro, consolidar espazos de co-working e editar unha guía de circuítos curtos de consumo, así como prover formación aos comerciantes e elaborar un estudo sobre o sector.
O grupo de goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.
“Pola súa inexperiencia pagamos todos, pagou o pequeno comercio. Pola súa teimosía e non querer mirar de fronte á realidade perdemos seis meses desde xuño, cando acordamos medidas que hoxe temos que volver acordar porque o goberno non quixo cumprir o acordado. Todas esas medidas, aos comerciantes lles parecen imprescindíbeis e urxentes. E sabe o que nos preguntaron cando estivemos reunidos con eles: 'por que se o acordo se tomou por maioría en xuño, o alcalde aínda non se molestou en aplicalo?' Esa pregunta terá que respondela vostede, señor alcalde”, protestou Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG na corporación municipal de Celanova, que celebrou onte un pleno ordinario no que as únicas mocións que se debateron foron precisamente as dos nacionalistas, porque o PP (6 concelleiros) non presentou nin unha e o grupo do goberno limitouse a traer á sesión un trámite sobre un plan medioambiental para investir 6.000 euros, e porque a directiva da asociación de comerciantes rexistrou un escrito demandado accións que o BNG apoiou, pero que non se poden concretar en acordos plenarios que comprometan (cando menos politicamente ao alcalde) porque os comerciantes decidiron limitar o alcance da súa demanda.
De esta forma, a única moción que se debateu e saíu adiante foi a presentada polo BNG. As propostas nacionalistas inclúen a creación dun banco de locais comerciais en desuso para sacalos ao mercado en réxime de alugueiro co Concello como avalista para moderar os prezos. O portavoz de Celanova Decide, Javier Pulido, dixo que ese banco xa existe. O BNG descoñece a existencia de tal ferramenta municipal, e solicitará ao goberno municipal información precisa sobre a mesma, dado que é evidente que, de existir, nin se deu a coñecer nin ten efecto ningún. Nesta e noutras propostas das que asegurou que xa están en marcha (mais non foi quen de dicir cales), xustificou o alcalde a abstención do seu grupo.
50 pés para un banco (de locais comerciais en desuso) que o goberno local de #Celanova di que puxo en marcha en non puxo... porque confunde un censo (que tampouco hai) cun banco.#locaiscomerciais #CelanovaCHEA #bancodealugueiro@BNGOUrense pic.twitter.com/DqDV90CrfO
— BNG Celanova | Baixa Limia e Terra de Celanova (@BngCelanova) November 30, 2020
O resto dos grupos apoiaron a moción ao completo, incluído o PSOE -socio do alcalde no goberno municipal-. Ademais do banco de locais para alugueiro, o texto acordado inclúe políticas municipais para consolidar espazos de co-working e editar unha guía de circuítos curtos de consumo, así como prover formación aos comerciantes e elaborar un estudo sobre o sector.
Propostas acordadas por segunda vez (agora, co apoio do PSOE)
Ademais, o goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas, dotar un fondo de axudas para autónomos e empresas para compensar os gastos de adaptación dos negocios á nova situación sanitaria e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.
Son as propostas aprobadas no pleno de xuño. Malia que o PSOE non fixo nada desde o goberno local para poñelas en marcha, no pleno deste mércores votou a favor. As explicacións da voceira socialista foron confusas e non ficou claro se desta volta o grupo que sostén a Alcaldía ten vontade de cumprir co acordo.
O escrito dos comerciantes
O BNG lamenta que as propostas dos comerciantes (crear un market place, un bono de incentivo ao consumo local e un servizo de reparto) saísen do pleno sen o reforzo dunha votación que terían ganado. O BNG contemplaba as dúas primeiras medidas na redacción inicial da súa moción, mais despois da xuntanza coa directiva de Celanova CHEA o 7 de novembro, e de acordo cos representantes dos comerciantes, considerou que se as propostas eran coincidentes tería máis forza apoiar unha moción presentada polos propios comerciantes. De feito, a semana seguinte, achegou información á asociación de comerciantes sobre medidas similares en concellos gobernados polo BNG e información estatística (a pouca que hai para analizar a situación) sobre o sector terciario en Celanova.
A rúa do Cercado
O PP, o PSOE e o grupo do Alcalde votaron en contra de debater a moción presentada polo BNG sobre a necesaria reforma da rúa do Cercado onde o aumento do número de peóns incrementou os riscos pola falta de beirarrúas no tramo alto da rúa. Estes grupos coincidiron no argumento á hora de impedir o debate: dixeron que non é urxente abordar o asunto “porque o problema leva aí anos”. O PP indicou que estaba disposto a debater a cuestión pero que non entendía porque se presentaba por vía de urxencia. O portavoz nacionalista explicou as razóns que atrasaron o rexistros desta e das demais mocións do BNG ao martes 17 de novembro e que non vía impedimento, se era certa esa vontade, para tela debatido onte.
Un censo non é un banco
O día seguinte do pleno, La Región publicou unhas declaracións do concelleiro Javier Pulido nas que aseguraba que o banco de locais comerciais baleiros xa estaba funcionando. O texto deixou de novo en evidencia ao concelleiro. Confundiu un censo cun banco. O BNG respondeu con dúas publicacións en Facebook. A primeira, ese mesmo día:
Un censo NON é un banco Un censo é paso previo para un banco, pero NON é un banco Un censo é unha lista; un banco é 👉...
Posted by BNG Celanova on Thursday, 26 de novembro de 2020
E a segunda, o domingo, cunha reportaxe fotográfica con 50 locais baleiros no centro de Celanova que NON se están a xestionar de ningún modo desde Administración pública ningunha.
Pequeno álbum de 50 locais comerciais baleiros ou en desuso no centro de Celanova. Inmóbeis por onde empezar o banco de...
Posted by BNG Celanova on Domingo, 29 de novembro de 2020