PP e CD rexeitan a proposta de moratoria eólica en Celanova
O grupo do alcalde e os populares néganse a debater unha declaración institucional para paralizar calquera proxecto eólico no municipio e asumen que “a Xunta xa fai todo o traballo de control” mentres o Plan Eólico, obsoleto, deixou hai tempo de protexer a saúde das persoas, o medio e o patrimonio contra este tipo de instalación.
O BNG deixa constancia da súa protesta contra o uso político do Premio Celanova, concedido polo alcalde e membros do PP, para tratar de tapar a nefasta xestión da Xunta e da propia Alcaldía na crise da covid na Residencia San Carlos, hoxe en mans dun conglomerado privado.
As nacionalistas preguntan o Alcalde onde está o estudo de turismo que acompaña o informe coñecido como “Proyecto de Humanización del Casco Histórico de Celanova para fomento del turismo", e o Alcalde responde que non sabe nada, que el non fai os informes, que lle pregunten o técnico.
A dereita vota unida en Celanova e manda máis que nunca, os dez concelleiros que suman Celanova Decide (4) e o PP (6) volvéronse xuntar para negar o debate sobre un asunto clave para o futuro da vila: a ameaza dun proxecto de polígono eólico na Casa da Neve que un informe arqueolóxico de abril pasado di que afecta gravemente aos vestixios dos lugares primitivos fundacionais do Mosteiro de Celanova.
Despois de mentir dúas veces en sesión plenaria sobre o contido do informe, negando que o documento alertase sobre restos patrimoniais distintos aos que facía referencia o documento inicial da empresa promotora, o Alcalde e o seu grupo de tres concelleiros rexeitou onte someter a debate a proposta do BNG para que a corporación emitise unha declaración de moratoria sobre as instalacións eólicas no termo municipal, até que non se revise o Plan Eólico galego, do século pasado, e que ficou obsoleto e xa non protexe nin as persoas nin o medio nin o patrimonio da agresión que supoñen máquinas de case 200 metros de altura.
Os argumentos de Celanova Decide para negar o debate da moratoria foron os mesmos que os do PP: “A Xunta xa está a facer o labor de control”. Con medio país levantado contra os eólicos e contra a lexislación permisiva dos sucesivos gobernos Feijóo que consinte o espolio enerxético, enténdese a defensa desa política que fixo o ex alcalde Ferro (PP), a quen non lle “molestan” os eólicos, en parte porque as empresas que os promoven son refuxio ben remunerado para políticos populares en retirada: caso de Beatriz Mato en Greenalia, promotora dun polígono en Bande.
O que non se entende é a posición de Celanova Decide, de non ser pola súa absoluta subordinación aos intereses do PP (como vén quedando de manifesto neste ano e volveu quedar onte co apoio, certamente inconsistente a tenor dos argumentos, a iniciativas do PP sobre programas da Deputación provincial e campañas de desgaste ao goberno do PSOE no Estado).
O BNG presentou unha proposta de declaración nos seguintes termos: “calquera proxecto de instalación de polígonos de xeración de enerxía eólica en territorio do termo municipal de Celanova debe quedar en suspenso até o momento en que as autoridades competentes elaboren un plan sectorial eólico que substitúa ao actual, dado que este xa non establece as medidas de protección necesarias para as persoas, o medio natural, o patrimonio, a paisaxe e as economías das comarcas afectadas”.
PENALIZACIÓN SEN ESCUSA
Os intereses do PP, neste caso, determinados intereses privados de particulares próximas ao partido na vila, o desempeño de Celanova Decide no precipitado proceso de penalización que baixo o lema de Proyecto de Humanización del Casco Histórico de Celanova para fomento del turismo empezou a impoñer cambios no tráfico e nos aparcadoiros estes días na vila.
O silencio do PP acompaña un desenvolvemento chapuceiro do proxecto, que creou multitude de complicacións imprevistas nun plan frouxo e estándar. Despois de seis meses desde que se acordase o encargo, o BNG tivo que solicitar por rexistro ver o expediente para coñecer en que se basea o plan.
Nun expediente de 52 documentos, no que o documento clave, o informe de “humanización” apenas ocupa nove folios, o BNG buscou sen atopalo algún estudo ou investigación previa que dese razón do lema: para fomento del turismo.
Onte no pleno, o portavoz nacionalista interpelou directamente ao Alcalde sobre ese estudo ou investigación. O Alcalde dixo que non o coñece nin sabe si existe, que el é Alcalde e non é técnico, que el non fai informes e que o BNG lle pregunte o técnico.
O BNG lembra que o Alcalde asinou a principios de ano a licitación dese Proyecto de Humanización del Casco Histórico de Celanova para fomento del turismo por máis de 20.000 euros (nove folios e corenta e pico de lexislación e fotografías).
Parece que nin se molestou en ler, como lle pasou tamén co informe arqueolóxico sobre a Casa da Neve.
RESIDENCIA SAN CARLOS E O PREMIO CELANOVA
A Residencia San Carlos, desde hai tres meses en mans do conglomerado Fundación San Rosendo, un xigante no sector dos centros de maiores privados no Estado, e para a que o BNG alcanzou un acordo ratificado no pleno por todos os grupos e que despois o Alcalde e o PP se dedicaron a boicotear cando caeron na conta de que o acordo supuña incidir na xestión pública do centro, volveu o debate plenario.
O BNG solicitou que constase en acta a seguinte protesta:
“O BNG de Celanova roga que se faga constar na acta desta sesión a queixa do noso grupo polo uso político do Premio Celanova Casa dos Poetas concedido pola Fundación Curros Enriqueza, que preside o Alcalde e da que fan parte outros membros desta corporación.
Consideramos que se fai un uso político deste galardón tratando de agochar a nefasta xestión do goberno galego, en concreto, dos departamentos de Política Social e de Sanidade, da crise da civís que golpeou de cheo a residentes, familias e traballadoras da Residencia San Carlos.
O goberno galego abandonou a súa sorte a residentes, familias e traballadoras nos momentos máis críticos eludindo a súa responsabilidade como Administración Pública. Ese é un feito que ningún premio vai conseguir borrar.
Tamén, desde a Alcaldía, houbo un flagrante abandono de responsabilidades. O alcalde tardou vinte meses en asumir o seu cargo como membro do Padroado da Residencia, malia insistencia do noso grupo en que tiña que facelo desde o mesmo momento en que se produciu a crise en marzo de 2020. Ese é un feito que ningún premio vai conseguir borrar.”
E despois preguntou ao Alcalde, que é presidente do Padroado da Fundación Curros, quen falla o premio, se as seguintes persoas tomaran parte das deliberacións do xurado e asinaran a acta: Vítor Fríxanse, presidente da RAGÚ; Rosario Alvariza, presidenta do Consello da Cultura; Manuel Régoas, Antonio Lapis Dia e Xulio Abalade, reitores das universidades de Vigo, Compostela e A Coruña; e Xosé L. Mendaz Ferriña.
O Alcalde contestou na súa liña: “Non teño a acta da sesión. Non teño o expediente a man para dicirlle que citacións se fixeron nin que persoas estaban. Agora mesmo, non lle podo dicir cales estaban representadas e cales presentes”.
Superada a metade de mandato, a subordinación de Celanova Decide ás políticas e intereses do PP -subordinación que se traslada tamén á Mancomunidade- xa é tan evidente como a absoluta subordinación de Teresa Barge e XulioVázquez, que circunstancialmente figuran como representantes socialistas, á Alcaldía. A dereita goberna xunta, cómoda e coa única oposición do concelleiro do BNG.