O PP rebaixa os orzamentos na Merca un 15%
No pleno do pasado 30 de novembro o goberno do Partido Popular no Concello da Merca acordou, en solitario, uns orzamentos para o ano 2023 que non axudarán a aliviar a crise económica que estamos a vivir debida á suba de prezos e das taxas (que se aprobaron no anterior pleno) feito que está afogando ás veciñas da Merca.
Estes orzamentos recollen unha suba de ingresos dun 42% por taxas municipais a respecto do ano pasado mentres, por outra banda, reduce os investimentos reais en máis do 40%, sendo a obra estrela a instalación dun espazo para carga de vehículos eléctricos.
A concelleira do BNG, Teresa Garrido, rexeitou as contas que se incrementan as dietas case un 25%, unha demostración máis dos intereses do Partido Popular que nunca defraudan neste campo.
En opinión do BNG, os orzamentos da Merca son unha mostra máis de total abandono das políticas sociais, dos servizos públicos e só axudan ao desmantelamento do tecido asociativo veciñal renegando da promoción do ocio, da cultura e cunha aposta nula polo asentamento de actividade económica e empresarial no noso concello que está a 10 minutos do maior polígono industrial da provincia.
En opinión do BNG, os orzamentos da Merca son unha mostra máis de total abandono das políticas sociais, dos servizos públicos e só axudan ao desmantelamento do tecido asociativo veciñal.
Co goberno municipal do PP, vivir na Merca resulta cada vez máis caro, cos núcleos máis abandonados e cos servizos de carácter social máis deteriorados.
Abonda con botarlle unha ollada a súa evolución dende que o actual alcalde se fixo cargo do concello no ano 2019. Daquela entraban nas arcas municipais 63 de cada 100 euros dos orzamentos por transferencias e subvencións doutras administracións (Estado, Xunta, Deputación) e cando remata a súa lexislatura só é quen de traer 41 deses 100 (os que lles corresponde por imperativo legal) ou sexa un 44,2% menos de subvencións.
Para a concelleira do BNG, Teresa Garrido, o señor Alcalde como máximo responsable “non é que perdese ganas ou estea a durmir a sesta, senón que deixou de exercer coma tal”.