Cartelle, A Merca e Ramirás incumpren as bases dun obradoiro de emprego

A candidata a alumna de Cartelle (de costas) que presentou a queixa, con Noelia Curras, Teresa Garrido, Ernesta Seoane, diante da Casa do Concello da Merca
A candidata a alumna de Cartelle (de costas) que presentou a queixa, con Noelia Currás, Teresa Garrido, Ernesta Seoane, diante da Casa do Concello da Merca

As nacionalistas advirten que non se realizou entrevista ningunha ás aspirantes a alumnas, mais a nota dese exercicio foi decisiva para adxudicar varias prazas nos tres concellos.

Levarán mocións aos distintos plenos municipais e reclamarán unha revisión do proceso así como unha eventual anulación se se confirman as irregularidades.

Tamén protestan porque as aspirantes non recibiron rexistro da documentación que presentaron e porque o prazo para as reclamacións incluíu un sábado e un domingo.

Cartelle, A Merca e Ramirás incumpren as bases dun obradoiro de emprego

“Exiximos os gobernos municipais da Merca, Cartelle e Ramirás que expliquen como é posíbel que no obradoiro de emprego Río Arnoia se desen unhas puntuacións dunhas entrevistas que nunca se fixeron, como é posíbel que esas entrevistas non se realizasen se estaban nas bases e como é posíbel que esas puntuacións dunha entrevista inexistente resultaran determinantes para adxudicar prazas de alumnas-traballadoras que lles correspondían a cada un dos tres concellos”, di Ernesta Seoane, responsábel comarcal do BNG.

 

As bases do obradoiro son claras. Na primeira páxina do documento, asinado o 23 de setembro de 2021 e con selo do Concello da Merca, dise: “o proceso terá as seguintes fases: valoración do currículo e entrevista persoal”. Na segunda páxina, engádese: “ás persoas candidatas realizaráselles unha entrevista persoal co fin de avaliar...”

 

Segundo testemuños recollidos polo BNG en Cartelle e na Merca, non houbo entrevista persoal a ningunha das aspirantes a alumnas-traballadoras. “O que nos din estas candidatas é que o día que foron citadas, o 6 de outubro pasado, esperaron fóra a ser chamadas de tres en tres por orde alfabética e, unha vez dentro, tres persoas recollían os documentos cos que elas debían acreditar os seus méritos na fase de valoración do currículo. E nada máis. Non houbo entrevista”, explica a portavoz nacionalista.

 

Porén, na “Relación do Alumnado” publicada nos días seguintes, aparecía unha lista de 63 persoas con puntuacións resultado da suma da “entrevista” e do “formulario”. 

    • A puntuación da entrevista (que non se fixo) foi determinante na adxudicación de 2 prazas de alumnas-traballadoras [das sete a repartir] no caso da Merca. 
      
    • A puntuación da entrevista (que non se fixo) foi determinante na adxudicación de 2 prazas de alumnas-traballadoras [das sete a repartir] no caso de Cartelle. 
      
    • A puntuación da entrevista foi determinante na adxudicación de 3 prazas de alumnas-traballadoras [das seis a repartir] no caso de Ramirás.

 

No caso de Ramirás con seis prazas a concurso, as máximas notas na entrevista (valoración subxectiva) foron para tres aspirantes que sumaron 8, 7 e 6 puntos respectivamente. No concurso de méritos (valoración obxectiva) estes aspirantes eran superados por seis candidatas, é dicir, non conseguirían a praza. Mais 3 desas candidatas que estaban por riba, recibiron só 1 punto na valoración subxectiva. E ficaron fóra. 

 

“O estraño é como foi posíbel establecer valoracións subxectivas a partir dun exercicio que non temos constancia de que se teña realizado e que varias aspirantes din que non se realizou”, valora Ernesta Seoane.

O BNG presentará mocións nos concellos implicados solicitando explicacións a respecto das queixas das aspirantes, e pedirá, no caso de que se confirme o incumprimento das bases, que se estude a posibilidade de anular o proceso de selección.

 

“Exiximos os gobernos municipais da Merca, Cartelle e Ramirás que expliquen como é posíbel que esas puntuacións dunha entrevista inexistente resultaran determinantes para adxudicar prazas", di Ernesta Seoane.

 

URXENTE REVISIÓN DOS PROCESOS DE SELECCIÓN NOS OBRADOIROS

No obradoiro Río Arnoia, o BNG detectou irregularidades que as nacionalistas xa advertiron no pleno de Celanova a finais de novembro en relación ao obradoiro Ecoterrras da Mancomunidade. 

 

No pleno de Celanova, e malia a oposición do PP, o BNG conseguiu sacar adiante unha moción para que o goberno local de Celanova inste á Mancomunidade a celebrar un pleno extraordinario e monográfico sobre a cuestión, e na que as nacionalistas pretender obter contas das irregularidades detectadas e, ademais, conseguir a constitución dun grupo de traballo que revise o procedemento e o dote de novas garantías. 

 

Agora volverán insistir na necesidade desa revisión dos procedementos tamén nos concellos da Merca, Cartelle e Ramirás. En especial, en dous aspectos.

 

O BNG explica que as candidatas deben entregar documentación para a fase de valoración do seu currículo, mais non reciben rexistro ningún de cada documento nin da relación dos documentos achegados, co que calquera reclamación diante de posíbeis erros nesta fase é, de feito, ineficaz.

 

UN CASO CONCRETO: DOCUMENTACIÓN QUE NON SE VALOROU

As nacionalistas poñen de exemplo o caso dunha aspirante a alumna-traballadora polo concello de Cartelle que entregou documentación pola que debería ter recibido unha nota de 16 puntos na valoración obxectiva. Mais recibiu só 12 puntos. 

 

Esta alumna, como o resto, non ten maneira de acreditar que ela entregou toda a documentación que lle daba eses 16 puntos. Cando quixo reclamar, de palabra,  o seu expediente no Concello da Merca, dixéronlle que non tiñan os documentos. Días despois, presentou unha instancia e, entón si, recibiu un expediente no que non figuraba o documento clave, precisamente o que lle outorgaba 4 puntos. 

 

Esta alumna obtivo unha nota de 3 puntos por unha entrevista que ela di -como outras afectadas- que non lle fixeron. Malia o baixo da valoración subxectiva, eses puntos sumados aos 16 que pode acreditar documentalmente teríanlle servido para obter unha das prazas. Ficou fóra. Mais cando quixo reclamar, topouse con obstáculos.

 

O primeiro, é que non tiña rexistro da documentación que presentara. O BNG exixirá que se normalice a entrega de copia rexistrada (como calquera outro documento que entra nun concello) da documentación que presentan as aspirantes para ser valoradas na fase obxectiva da selección para os obradoiros.

 

"Desde o BNG queremos que todas as persoas que concorren estes obradoiros teñan rexistro da documentación que entregan e prazos de reclamación para facilitar a seguridade nos procesos”

 

OS TEMPOS DAS RECLAMACIÓNS

A segunda cuestión que o BNG exixirá que se revisen de maneira urxente os procedementos no que respecta aos prazos de reclamación. 

 

No caso do obradoiro Río Arnoia, as bases establecen que o xurado debía publicar en primeiro lugar unha acta co resultado dos excluídos e admitidos “coas puntuacións correspondentes á entrevista”. Ningunha das aspirantes que ofrecen testemuño viu esa acta.

 

Iso incumpre a Orde de 31 de decembro de 2020 da Consellería de Emprego e Igualdade no apartado 2 do artigo 10, que estipula que no caso “de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos, deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva”.

 

O que se publicou, o día 8 de outubro, é dicir, dous días despois da celebración do proceso de selección, foi unha acta coa puntuación total, abríndose un prazo de 3 días naturais para as reclamacións. E foi a primeira noticia dos resultados que tiveron as aspirantes. 

 

O día 8 de outubro foi venres. 

 

É dicir, o prazo de reclamación recollido nas bases incluía, debido esta circunstancia,  dous días non hábiles (sábado e domingo) para o rexistro físico en calquera das entidades promotoras (os concellos), e un luns de ponte (a véspera do 12 de outubro). 

 

As reclamacións que se produciron rexistráronse o luns día 11. A aspirante de Cartelle explicou ao BNG como estivo chamando aos concellos da Merca e de Cartelle o venres sen que ninguén lle indicase onde se publicaran as listas. Tampouco o luns puido obter esa información, até que foi avisada por outras candidatas. Chegaba tarde, porque ese era o último día, o 12 era festivo e o 14 finalmente decidiu presentar unha reclamación na sede territorial da Xunta de Galiza en Ourense. 

 

A resposta da Xunta remítese ao exposto na Orde de 31 de decembro de 2020, e di que as reclamacións que se poidan suscitar nestes procesos de selección deben ser resoltas pola entidade promotora.

 

O BNG solicitará información precisa nos concellos afectados sobre onde e cando se publicou a relación de alumnos coas notas parciais e totais, e pedirá que se regule un acceso sinxelo esa información, alén de establecer prazos máis amplos para realizar as reclamacións ás que ten dereito calquera aspirante.

 

“Como se dixo no pleno de Celanova, a Administración está obrigada a garantir procesos accesíbeis e transparentes, e desde o BNG queremos que todas as persoas que concorren estes obradoiros teñan rexistro da documentación que entregan e prazos de reclamación para facilitar a seguridade nos procesos”, conclúe a responsábel comarcal do BNG, Ernesta Seoane, que espera que o goberno municipal de Celanova cumpra o acordo plenario e reclame ese pleno extraordinario na Mancomunidade para “empezar a cambiar a forma na que se veñen facendo estes procesos de selección e que espertan sospeitas de trato de favor, unha práctica caciquil que o BNG non parará até a desterrar”.

Cartelle, A Merca e Ramirás incumpren as bases dun obradoiro de emprego