ENTREVISTA
“Os veciños da Merca non se resignan a ter auga potábel só 5 meses ao ano”
Nos últimos sete meses o BNG da Merca presentou mocións no pleno, informou veciñas e veciños por medio dun folleto postal, solicitou o amparo da Deputación de Ourense, presentou unha queixa diante da Valedora do Pobo, alertou na prensa e mesmo o Seprona e chegou até o Parlamento español cunha emenda aos orzamentos do Estado para que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil actuara no Arnoia. Todo na procura dunha solución para recuperar o servizo de auga para consumo humano no Concello da Merca que se interrompeu definitivamente a finais de maio e só a finais de novembro volveu estabilizarse.
“Os problemas veñen desde o outono de 2017”, conta a concelleira nacionalista Teresa Garrido. “Naquela altura empezamos escoitar falar dos trihalometanos, ninguén sabía o que eran nin o perigo que supoñen. Detectouse contaminación na auga e moi pronto entendemos que o problema podía estar no punto de captación, moi próximo á presa da central e onde se produce gran concentración de materia orgánica e, co caudal baixo, como é normal en épocas de seca, a temperatura da auga é anormalmente alta e xera a contaminación”.
Que foi o que fixo daquela o BNG?
Chegamos ao pleno e pedimos tres cousas: un estudo técnico sobre a viabilidade para cambiar o punto de captación, que se dese información á veciñanza e reducir a taxa municipal polo servizo de auga.
Cal foi a resposta do PP?
O PP achacou todo o problema á seca, e negouse a rebaixar a taxa. Iso tivérono claro desde o principio. Pasase o que pasase, eles non ían deixar de cobrar a taxa.
O PP segue negando a rebaixa, mais tamén que o problema estea na captación. Que fixo pensar o BNG que o problema está aí?
Pois que ningún dos concellos limítrofes dos que toman auga do Arnoia sufre contaminación por trihalometanos. Cando o ano seguinte, en xuño do 2018, volveron aparecer os problemas, o PP sacou da manga o proxecto dun vaso de decantación. Advertimos que a nós aquela non nos parecía unha solución, pero esperamos. Polo camiño, o PP seguiu negándose a baixar as taxas e ese verán nin sequera fixo o subministro de auga por parroquias que lle reclamamos.
"[No 2018] o PP achacou todo o problema á seca, e negouse a rebaixar a taxa. Iso tivérono claro desde o principio. Pasase o que pasase, eles non ían deixar de cobrar a taxa."
Cando empezou a funcionar o vaso?
No 2019 as analíticas da auga deron valores aptos para o consumo humano. O vaso non empezou a funcionar até esta pasada primavera. Pero en maio xa comezaron os problemas. Desta volta, o Concello estivo máis áxil para informar por medio de bandos e na páxina web, mais cando empezou a chegar xente de fóra, moita non estaba ao tanto. O mellor tivera sido mandar unha carta a cada casa. Temos constancia de que houbo veciñas que non recibiron a advertencia e consumiron auga para beber e cociñar. A solución do vaso, como xa é evidente a estas alturas, fracasou.
En que momento se arbitraron medidas alternativas? Foron eficaces?
Primeiro o goberno municipal puxo garrafas de 8 litros á disposición na Casa do Concello. Non había control sobre quen levaba e canto. Despois tiveron que repartir algunhas polas casas para atender xente maior que non se podía desprazar. Sabían o que ía pasar. O gasto en garrafas disparouse, e non foi suficiente para compensar a falta de servizo. E, por suposto, seguiron sen baixar a taxa como lle pedimos.
Desta volta foron sete meses até que se deu cunha nova solución. Por que ese atraso?
Pensamos que o goberno municipal non lle puxo moito interese á cousa, porque xa non os collía de sorpresa, como no 2018, pero non fixeron nada. O vaso non funcionou, e nunca se tomaron a molestia de analizar a proposta do BNG de cambiar o punto de captación. Quizás porque é unha proposta do BNG… non sei que pensar. O certo é que o PP cambiou de alcalde e este herdou o problema, solucións que non valía e, a verdade, interese puxo pouco.
Funcionará a cloración continua?
O PP sempre foi moi contrario a utilizar tratamentos químicos. Agora toparon este recurso da cloración nos tres depósitos. Temos que pensar que está funcionando porque foron abrindo a auga para consumo humano. Pero estamos xa a finais do outono e os caudais medraron. Haberá que esperar. Veremos que sucede na primavera cando volvan baixar os caudais.
"O vaso non funcionou, e nunca se tomaron a molestia de analizar a proposta do BNG de cambiar o punto de captación. Quizás porque é unha proposta do BNG…"
O alcalde anunciou a mediados de outubro que A Merca recuperaba o servizo, pero o certo é que tardou máis dun mes en recuperalo completo. Que pasou?
Pois que se deu bombo na prensa e despois mirabas o detalle e a solución limitábase a un depósito que servía a menos do 20% da poboación. Os núcleos máis importantes seguían sen servizo. É dicir, o 80% da poboación. Case un mes despois, o 16 de novembro, anunciaron a segunda quenda, e a semana pasada, completaron A Manchica, A Merca e outros núcleos. Iso é o que di a web do Concello. Nós pedimos o acceso o expediente en outubro, déronolo a finais dese mes e as últimas analíticas non as coñecemos.
O BNG denunciou xa no verán que o recibo da auga non só non baixa de prezo senón que sube. Por que?
Anunciouno o goberno municipal en agosto. Dixeron que as obras que estaban facendo para mellorar o servizo lles obrigaban aumentar a taxa. Non sabemos aínda o que pasará co recibo do terceiro trimestre, pero no do segundo xa demostramos e denunciamos que se produciu un incremento. E isto en metade dun verán sen auga para consumo humano.
O Concello argumentou que non baixaba a taxa porque o consumo seguía sendo o habitual. Que significa iso?
Temos que pensar que as lecturas dos contadores son as que din que son. No verán vén xente de fóra, e como xa expliquei pode que algunha seguise consumindo porque non era consciente do problema. Mais, se non nos enganan coas lecturas, que o consumo non baixase debería ter sido unha preocupación máis para o goberno municipal. Pero non, o único que fixeron foi utilizalo como escusa para seguir cobrando o mesmo ou máis.
O BNG presentou unha queixa diante da Valedora do Pobo que esta desestimou. Que opina da decisión da Valedora?
Parece que a Valedora asumiu como certas, sen máis, as explicacións do secretario no escrito de resposta e non solicitou información adicional ningunha sobre os riscos aos que está sometida a poboación deste concello. Por exemplo, a Valedora admite como resposta supostas obras de mellora da rede sen preguntar por que se o problema está “só nun depósito” e “nas tubaxes”, segue existindo o problema. E no caso das fontes, tamén mira para outro lado.
Como está esa parte do problema, a das fontes?
O BNG solicitou no pleno de xuño unha analítica das fontes. A concelleira responsábel dixo que de acordo. Comprometeuse. Acabamos de pedir eses resultados e dinnos que non hai tales analíticas, que a concelleira acaba de dar a orde… sete meses despois. É unha irresponsabilidade porque a xente segue a utilizar as fontes sen saber cal é a calidade desa auga. E, por riba, a Valedora parece estar de acordo en que as fontes públicas non se analicen nin se comunique á poboación se esa auga é apta ou non e admite que haxa veciñas ás que non lles chega información do risco que están a correr.
"O BNG solicitou no pleno de xuño unha analítica das fontes. Acabamos de pedir eses resultados e dinnos que non hai tales analíticas. É unha irresponsabilidade porque a xente segue a utilizar as fontes sen saber cal é a calidade desa auga."
Recibiu resposta a denuncia diante do Seprona por uso de produtos perigosos na contorna dun dos depósitos?
A denuncia fíxose e o asunto investigouno o Seprona. A resposta tena a Consellería de Medio Rural. Ao Concello da Merca aínda non chegou, por moito que diga o alcalde que teñen a resposta e que a denuncia está arquivada. Seguiremos insistindo diante da consellería.
A solución é definitiva? Hai risco de que a contaminación se reproduza na primavera?
Pensamos que non é definitiva e que hai risco de que o problema se reproduza. Oxalá funcione, mais somos escépticos. Para nós o problema está onde o PP non quere mirar: no punto de captación.
Conformarase o BNG con esta solución?
O BNG non se conformará con que a veciñanza da Merca só poida ter auga potábel cinco meses o ano, e por riba teña que pagar taxas cada vez máis altas. E estou convencida de que os veciños da Merca non se resignan a ter auga potábel só 5 meses ao ano.
Como continuará a loita o BNG?
Faremos unha proposta no Parlamento galego para que os próximos orzamentos da Xunta contemplen solucións para o abastecemento da Merca e o acondicionamento do Arnoia. E, por suposto, seguiremos fiscalizando toda a actuación do goberno municipal. Imos ver que información achega o expediente que xa podemos analizar.