GALEGAS 2020
Verea, a constancia do BNG no rural
A palabra máis buscada a semana seguinte ás Eleccións Galegas do 12X no dicionario en liña da RAG foi “verea”. Non é casualidade. Como non é casualidade que o BNG veña de obter no concello que goberna o nacionalista José Antonio Pérez Valado o segundo mellor resultado na provincia de Ourense (e no país), sumando o 45,34% dos votos.
“Camiño estreito que se vai facendo a por de transitar por el a pé persoas ou animais”, di a primeira acepción do dicionario.
“Estes resultados son froito dun labor de moitos anos. Estamos Dolores Fernández, Jorge Losada e máis eu como concelleiros, pero o grupo é máis amplo. A virtude do BNG en Verea foi a constancia e a implicación de moita xente durante moito tempo. Eu empecei no 95, con Antonio Fernández Ferreiro. E naquela época tamén estaban Manuel Míguez e José González Martínez. Dos primeiros líderes do partido en vir por aquí foi Pepe Peña, e tamén Alfredo Suárez Canal ou Paco García. Houbo veciñas e veciños moi comprometidos no traballo, como Julio Estévez, que tamén foi concelleiro”, lembra o actual alcalde, que se presentou na lista do 95, que xa obtivo o 18% dos apoios. O BNG seguiu medrando e no 2003 superou o 25% e os seus dous concelleiros (un deles, Pérez Valado) foron decisivos para sacar ao PP da Alcaldía.
No 2011, a lista nacionalista superou o 30% e sumou 3 concelleiros e converteuse na segunda forza municipal; no 2015 alcanzou o 34%, e nas eleccións de maio de hai un ano, medrou até o 41,1% e logrou a Alcaldía despois dun pacto co PSOE.
“As relacións persoais con Manuel Fernández Álvarez, o noso socio, son excelentes; e as políticas, tamén”, resume Pérez Valado un ano despois de iniciado o mandato no que Verea empezou a ser coñecida algunha das políticas públicas que desenvolven o principal eixo do goberno do BNG: fixar poboación.
Verea é un concello extenso, case 94, o maior da comarca das Terras de Celanova, con máis de corenta núcleos de poboación, con produción forestal, gandeira e agrícola, con eólicos instalados na serra, e enclavado entre dúas cabeceiras de comarca (a 7 quilómetros de Celanova e 9 de Bande), pero que viña perdendo poboación como a gran maioría do rural galego. Esa tendencia freouse. En Verea hai novos veciños grazas, entre outras iniciativas, a que o Concello decidiu hai uns meses impulsar un servizo de alugueiro de casas a través da web municipal. “Non somos unha inmobiliaria, simplemente poñemos en contacto aos propietarios con gañas de alugar con familias que buscan unha casa”, di o alcalde. Como resultado, nestes meses a poboación aumentou con novas familias en parroquias como Sabucedo, Santa María de Cexo, Gontán e Carballo.
En Verea hai novos veciños grazas, entre outras iniciativas, a que o Concello decidiu hai uns meses impulsar un servizo de alugueiro de casas a través da web municipal. Nestes meses a poboación aumentou con novas familias en parroquias como Sabucedo, Santa María de Cexo, Gontán e Carballo.
Outra das iniciativas que espertaron interese máis alá do propio municipio foi o servizo de transporte municipal. O obxectivo era facilitar a mobilidade de veciñas e veciños da contorna diante da desaparición dun transporte público colectivo regular. O Concello corre con todos os gastos, funciona catro días cada semana coa colaboración dunha taxista que recibe os avisos, organiza as rutas e presta o servizo.
Como en Allariz, a referencia para os gobernos locais nacionalistas en toda a provincia, o apoio ao BNG multiplícase cando pode levar adiante as súas propostas. En Verea, o efecto foi inmediato. No último ciclo electoral, entre as galegas de setembro de 2016 e as do domingo pasado, o voto nacionalista foise recuperando con lentitude até igualar nas Xerais de novembro pasado o 8% de sufraxios das galegas de hai catro anos. O domingo, os votos ao BNG en Verea multiplicáronse por cinco respecto a convocatoria do 2016.
O resultado en Verea (en porcentaxe, o segundo mellor do BNG en Ourense só superado polo de Allariz) foi aínda mellor que os rexistrados polo BNG noutras prazas con gobernos nacionalistas (A Mezquita -36%-, Vilar de Barrio -32%-, Baños de Molgas -30%-, Viana -27%). A nivel comarcal, o rexistro de Verea practicamente triplicou o 17% alcanzado polas nacionalistas na Terra de Celanova.
“O futuro é seguir traballando”, indica José Antonio Valado, este venres de mediados de xullo no edificio do Concello, despois de informarse da ocupación da piscina municipal, case ao completo que permite a limitación do aforo. “No inmediato, pensamos que urxe mellorar os servizos de coidado dos maiores, tanto con máis prazas residenciais como incrementando a atención a domicilio, que depende da Mancomunidade e constatamos que é insuficiente”. No medio prazo, o goberno municipal de coalición aposta por aproveitar o potencial forestal e agrícola do territorio a través de acordos coas comunidades de montes e con empresas agroindustriais que xa están en marcha.
A segunda acepción de “verea” no dicionario da RAG, di: “Camiño ancho e principal”.
Pérez Valado, o seu equipo municipal e a ampla base social que os apoia apostan por continuar ensanchando o futuro. Hai potencial humano e riqueza física para facelo, coma en calquera outra parte do país. En Vereas, as nacionalistas, teñen ademais constancia.
Voto o BNG en municipais no Concello de Verea (1995-2019)
|
Voto ao BNG nos municipios ourensáns nos que recibiu máis apoio nas Galegas 2020.
Concello |
Porcentaxe sobre o total de voto válido |
Número de votos |
Allariz |
49,13% |
1.560 |
Verea |
45,34% |
287 |
A Mezquita |
36,60% |
183 |
Vilar de Santos |
36,38% |
155 |
Vilar de Barrio |
32,90% |
228 |
Verín |
30,89% |
1.927 |
Baños de Molgas |
30,48% |
242 |
Viana |
27,65% |
365 |
Vilariño de Conso |
26,50% |
75 |
Castrelo do Val |
25,48% |
134
|