Celanova: 117 firmas de protesta no Concello pola deficiente iluminación nas rúas
Despois do malestar veciñal provocado polo cambio na iluminación pública das rúas e pola resposta evasiva do Alcalde no último pleno ante a interpelación do BNG sobre as deficiencias no servizo, veciñas e veciños da Calleabaixo (Manuel Lezón) e do Areal elaboraron un escrito de protesta dirixido á Alcaldía e recolleron 117 sinaturas que foron rexistradas este mércores nas oficinas municipais.
As veciñas e veciños quéixanse de que se teña feito a renovación da iluminación pública “a costa de reducir a visibilidades nas nosas rúas até límites inauditos” con riscos para “a mobilidade e a seguridade das persoas”.
Nun texto titulado Devólvanos a luz!, exixen “a inmediata adecuación da iluminación pública (...) ás demandas de veciñanza”, e subliñan que “non hai razón ningunha para que teñamos que esperar a que o goberno local complete os trámites administrativos que teña que completar para volver a termos luz pública suficiente e eficiente”, en referencia a escusa do Alcalde no último pleno, que dixo que era preciso colocar todas as luminarias para xustificar a actuación e obter a subvención da Xunta, unha actuación que arranca do anterior goberno local do PP.
O BNG de Celanova, que no pleno do mes pasado xa solicitou do Alcalde unha resposta ao malestar veciñal e medidas e prazos concretos para solucionar o problema, volverá levar a cuestión a debate para, entre outras cousas, saber se a colocación de focos adicionais -que non gardan relación estética ningunha co resto de elementos da iluminación, e que se instalaron na Calleabaixo e na Praza do Millo- constitúen unha solución provisional ou definitiva, e en que medida reducen o aforro previsto da iluminación LED co que se xustificou a renovación.